Coa mirada posta no 2010, os centros da USC están implicados de forma activa no proceso de cambio que supón a converxencia coa universidade europea. O papel dos membros da comunidade universitaria da USC reflíctese non só no seu esforzo por adaptarse ás formas de actuar no resto de países da Unión Europea, senón sobre todo porque está a participar nas diversas accións conxuntas que se desenvolven no ámbito nacional e internacional; e porque se están a desenvolver experiencias exemplificadoras que poden axudar a aclarar o camiño.
Neste senso estanse a dar importantes pasos:
A formación continua e a aprendizaxe ao longo de toda a vida (Long Life Learning) dentro deste novo espazo de formación, supón outras formas de concibir as divisións entre a vida académica e laboral.
Coa adopción dun sistema flexible de titulacións, comprensible e comparable entre todos os estados, preténdese promover a mobilidade dos estudantes entre estados e novas oportunidades de traballo.
A implantación do Suplemento Europeo ao Título supón un instrumento imprescindible para que se logre a comparabilidade e a validación entre estudos de toda a UE.
As universidades españolas en xeral, e a USC en particular, están a participar na reconfiguración das actuais titulacións, a través de diversas redes estatais, baixo a axuda e a supervisión das axencias de calidade.
A mellora da calidade en todos os ámbitos da vida universitaria está a unir os esforzos de todas as universidades, promovendo unha revisión e optimización dos recursos e servizos de cara á súa acreditación.