| A | B | C | D | E | F | G | H | I | K | L | M | N | Ñ | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Z |
Carga de traballo do estudante: fai referencia ao conxunto de actividades de aprendizaxe requiridas para a consecución dos obxectivos de aprendizaxe previstos. No deseño das materias computarase como o tempo en que se pode agardar que un estudante obteña os resultados das aprendizaxes requiridas. Inclúe o tempo invertido na asistencia a clases, seminarios, estudo persoal, preparación e realización de exames, etc. A carga de traballo para un estudante nun progama de estudos durante un curso académico en Europa (36/40 semanas por ano) equivale a 60 créditos, nos que un crédito representa de 24 a 30 horas de traballo.
Competencia: conxunto de coñecementos, capacidades, actitudes e destrezas necesarias para desempeñar unha determinada tarefa. A competencia esixe unha combinación de saberes (saber, saber facer, saber estar e saber ser -coñecementos, habilidades e actitudes-) técnicos, metodolóxicos, sociais e participativos que, cun carácter dinámico, permiten que un estudante poida desempeñar determinadas accións profesionais unha vez finalizado un programa formativo. Ser competente significa, por tanto, combinar, coordinar e integrar os ditos saberes no exercicio profesional. Os programas formativos terán que formar tanto en competencias específicas -relacionados cun campo de coñecementos e un desempeño profesional particular- como aqueloutras que teñen carácter transversal por ser aplicables a diversos campos de coñecemento e que son necesarias para calquera acción profesional.
Competencias específicas: son aquelas propias dunha ocupación, profesión ou ámbito de coñecemento. Supoñen a capacidade de transferir as destrezas e os coñecementos a novas situacións dentro da área profesional e a profesións afíns.
Competencias xenéricas: son aquelas compartidas por distintas ocupacións ou varios ámbitos de coñecemento. Son competencias apropiadas para a maioría das profesións e están relacionadas co desenvolvemento persoal e a formación cidadá. O proxecto Tuning propón, entre outras: capacidade de análise e síntese, toma de decisións, capacidade de aplicar os coñecementos na práctica, traballo en equipo, planificación e xestión do tempo, habilidades interpersoais, coñecementos xerais básicos sobre a área de estudo, liderato, coñecementos básicos da profesión, capacidade de traballar nun equipo multidisciplinar, comunicación oral e escrita na propia lingua, capacidade para comunicarse con persoas non expertas na materia, coñecemento dunha segunda lingua, apreciación da diversidade e multiculturalidade, habilidades básicas no manexo do ordenador, habilidade para traballar nun contexto internacional, habilidades de investigación, coñecemento de culturas e costumes doutros países, capacidade de aprender, habilidade para traballar de forma autónoma, habilidades de xestión da información, deseño e xestión de proxectos, capacidade crítica e autocrítica, iniciativa e espírito emprendedor, capacidade para adaptarse a novas situacións, compromiso ético, capacidade para xerar novas ideas (creatividade), preocupación pola calidade, resolución de problemas, motivación de logro.
Contidos formativos comúns: conxunto de coñecementos, aptitudes e destrezas necesarios para acadar os obxectivos formativos do título. Serán establecidos nas directrices xerais propias e de obrigada inclusión en todos os plans de estudos que conducen á obtención dun mesmo título universitario oficial.
Convalidación de estudos no estranxeiro: o recoñecemento oficial da validez a efectos académicos dos estudos superiores realizados no estranxeiro teñan finalizado ou non coa obtención dun título, respecto de estudos universitarios españois parciais, que permitan proseguir ditos estudos nunha universidade española.
Converxencia: adopción voluntaria das políticas apropiadas para lograr un obxectivo común. A converxencia na arquitectura dos sistemas educativos nacionais é un dos obxectivos perseguidos polo proceso de Boloña para acadar o Espazo Europeo de Educación Superior.
Crédito: a unidade de medida do haber académico regulada no Real Decreto 1125/2003, de 5 de setembro, que comprende as ensinanzas teóricas e prácticas, con inclusión doutras actividades académicas dirixidas, así como as horas de estudo e traballo que o estudante debe dedicar para alcanzar os obxectivos formativos propios de cada unha das materias do correspondente plan de estudos, que representa a cantidade de traballo do estudante para cumprir os obxectivos do programa de estudos e que se obtén pola superación de cada unha das materias que integran os plans de estudos das diversas ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
Directrices xerais comúns: as establecidas polo Goberno e que son aplicables a todos os plans de estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial, con validez académica e profesional en todo o territorio nacional.
Directrices xerais propias: as establecidas polo Goberno para cada título universitario oficial ás cales deben axustarse ás universidades na elaboración dos respectivos plans de estudos, para que estes poidan ser homologados.
ECTS: siglas correspondentes á European Credit Transfer and Acumulation System (Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos). É un sistema de créditos centrado no estudante, que se basea na carga de traballo do estudante necesaria para a consecución dos obxectivos dun programa. Estes obxectivos especifícanse preferiblemente en termos dos resultados da aprendizaxe e das competencias que se deben de adquirir. Este sistema permite que os programas de estudo resulten comprensibles e comparables para todos os estudantes, tanto locais como estranxeiros; facilitan a mobilidade e o recoñecemento académico; axuda ás universidades a organizar e revisar os seus programas de estudos e fai que a educación superior europea sexa máis atractiva para os estudantes doutros continentes.
Formación ao longo da vida: (Life Long Learning) segundo a Unión Europea este concepto inclúe todas aquelas actividades de aprendizaxe formal ou informal, desenvolvidas co propósito de aprender e realizadas de forma continua, co obxectivo de mellorar os coñecementos, as habilidades e as competencias.
Guía docente da materia: ás veces denominada guía didáctica, é un dossier pensado para orientar a aprendizaxe autónoma dos estudantes. O profesorado reconstrúe a súa materia poñéndose no lugar do alumnado e deste xeito vai guiando a través do material que lle entrega o estudo de cada un dos temas do programa. A guía, que pode presentarse en formato impreso ou electrónico, contén unha introdución xeral sobre a disciplina e a mellor forma de estudala e posteriormente vai sinalando os seus obxectivos, os textos a traballar e as actividades a realizar resaltando: os seus aspectos chave, as dificultades máis habituais nese tema ou práctica e as preguntas máis frecuentes que fan os alumnos. Ofrécense tamén actividades para a autoavaliación e suxestións para ampliar ou afondar sobre o tema. Resulta un recurso chave para propiciar unha aprendizaxe máis “titorizada” no caso de clases numerosas.
Guía docente da titulación: documento que recolle a presentación global da carreira ou estudos que se cursan, incluíndo unha descrición xeral dos mesmos (institución e titulación) e unha descrición pormenorizada de cada unha das materias que os compoñen. No proceso de converxencia constitúe o dispositivo clave e común para garantir a “ visibilidade” da oferta formativa de cada titulación e a “mobilidade” dos estudantes.
Homologación a grao académico naqueles nos que se estruturan os estudos universitarios en España: o recoñecemento oficial da formación superada para a obtención dun título estranxeiro, como equivalente á esixida para a obtención dun grao académico inherente a calquera dos niveis en que se estruturan os estudos universitarios españois e non a un título concreto.
Homologación dun plan de estudos: o proceso e o acto polo que o Consello de Coordinación Universitaria verifica que o contido deste plan de estudos aprobado pola univerisdade se axusta ás directrices xerais establecidas conforme ao artigo 34 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades.
Homologación dun título académico: o proceso e o acto polo que o Goberno comproba que o título corresponde a un plan de estudos previamente homologado polo Consello de Coordinación Universitaria, e que se cumplen os requisitos sobre os medios e os recursos adecuados para que a universidade poida impartir tales ensinanzas, de acordo coa certificación expedida ao efecto pola comunidade autónoma correspondente, de conformidade co artigo 4.3 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades.
Homologación a un título do Catálogo de títulos universitarios oficiais: o recoñecemento oficial da formación superada, para a obtención dun título estranxeiro, como equivalente á esixida para a obtención dun título español dos incluídos no citado catálogo.
Perfil profesional: representación dos niveis das distintas esixencias dunha determinada actividade profesional, o que permite observar as caracterísitcas que deben presentar as persoas idóneas para ocupar esa actividade. Isto significa un conxunto coherente de habilidades, coñecementos e capacidades necesarios para exercer unha gama máis ou menos ampla de postos de traballo afíns a un campo profesional.
Plans de estudos: o deseño curricular concreto respecto dunhas determinadas ensinanzas realizado por unha universidade, suxeito ás directrices xerais comúns e ás correspondentes directrices xerais propias, cuxa superación dá dereito á obtención dun título universitario de Grao de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
Proxecto Tuning: trátase dun proxecto financiado pola Comisión Europea no marco do programa Sócrates creado para responder ao reto da Declaración de Boloña e do Comunicado de Praga. Nace co desexo de contribuir significativamente á creación do EEES grazas á búsqueda do consenso, a transparencia e a confianza mútua para chegar a definir puntos de referencia común que permitan aumentar a calidade das titulacións e dos programas en Europa.
Revogación da homologación dun título académico: a prohibición con carácter definitivo a unha universidade para impartir determinadas ensinanzas conducentes á obtención dun determinado título oficial, así como para a expedición do título correspondente, cos efectos previstos no real decreto 49/2004 de 19 de xaneiro, por incumplimento dos requisitos que estableza o ordenamento xurídico.
Sistema de acumulación de créditos: conxunto de normas e procedementos que permiten a tradución dos coñecementos adquiridos polos estudantes en programas distintos e, deste modo, facilitan a mobilidade académica. Nun sistema de acumulación de créditos, os resultados da aprendizaxe levan especificado o total de créditos que se deben superar para completar con éxito o programa de estudos. Os créditos son concedidos e acumulados se os obxectivos da aprendizaxe do programa foron comprobados a través do sistema de avaliación correpondente.
Suplemento Europeo ao Título: é un anexo ao título orixinal deseñado para proporcionar unha descrición da natureza, nivel, contexto, contido e estatus dos estudos que se fixeron e remataron satisfactoriamente. Está baseado no modelo desenvolvido pola Comisión Europea, o Consello de Europa e a CEPES-UNESCO. Mellora a transparencia internacional e o recoñecemento académico-profesional das cualificacións.
Suspensión da homologación dun título académico: a prohibición temporal dunha universidade para impartir determinadas ensinanzas conducentes á obtención dun determinado título oficial, así como para a expedición do título correspondente, cos efectos previstos no real decreto 49/2004 de 19 de xaneiro, por incumplimento dos requisitos que estableza o ordenamento xurídico.
Titoría: período de instrución realizado por un titor a un alumno ou a un grupo reducido de alumnos, durante a formación dos estudantes e mediante a atención personalizada, co obxectivo tanto de repasar ou discutir os materiais dunha determinada materia e orientar na súa aprendizaxe, como de proporcionar información sobre a institución universitaria, o plan de estudos e as saídas profesionais en xeral. Desde unha concepción ampla da educación en que se pretende o desenvolvemento integral e personalizado do estudante, a función titorial comporta unha grande importancia para guiar, apoiar e orientar os estudantes no desenvolvemento da súa madurez e autonomía, nos procesos de toma de decisións persoais e académicos e na procura de mecanismos de inserción social e profesional satisfactorios.
Título: cualificación concedida por unha institución de educación superior despois da finalización satisfactoria do programa de estudos correspondente. Nun sistema de acumulación de créditos, o programa é completado despois de superar un número determinado de créditos concedidos unha vez que se conseguiron os resultados da aprendizaxe.
Título estranxeiro de educación superior: calquera título, certificado ou diploma con validez oficial, acreditativo da completa superación do correspondente ciclo de estudos superiores, incluído, no seu caso, o período de prácticas necesario para a súa obtención, expedido pola autoridade competente de acordo ca lexislación do Estado ao que pertenzan ditos estudos.
Título oficial: o expedido polas universidades, acreditativo da completa superación dun plan de estudos de carácter oficial, con validez académica e profesional en todo o territorio nacional.
Título propio: o expedido polas universidades, acreditativo da superación doutras ensinanzas impartidas no uso da súa autonomía, carente dos efectos que as disposicións legais outorguen aos títulos oficiais.
Unidade Técnica de Calidade: denominación xenérica do órgano universitario encargado de dar soporte e asesoramento técnico á universidade nos procesos de avaliación, acreditación e certificación desenvolvidas na institución.
* Nota: as definicións amosadas nesta páxina están recollidas dos documentos lexislativos e do glosario de termos elaborado pola ACSUG