Simón Bolívar, o libertador
Poucas veces chega un home a identificarse en tal grao cun pobo como Simón Bolívar coa nación venezolana. Bolívar é signo de unidade e grandeza para toda a América Latina, pero para Venezuela é un dos símbolos da patria, como a bandeira, o escudo e o himno nacional. O seu nome está estampado na Constitución: Andrés Eloy Blanco propuxo que se lle incluira na Declaración Preliminar da Carta de 1947 e así foi, rubricando con él o Preámbulo da Constitución vixente, que conclúe con este propósito: Conservar e acrece-lo patrimonio moral e histórico da Nación, forxado polo pobo nas súas loitas pola liberdade e a xustiza e polo pensamento e a acción dos grandes servidores da Patria, da cal a expresión máis alta é Simón Bolívar, "O Libertador".
Ese home - símbolo da independencia venezolana, que se van cumprir dous séculos do seu nacemento, viveu só 47 anos. Os primeiros 27 foron, sen dúbida, necesarios para forxa-la súa personalidade, pero a súa vida pública comeza en 1810. Trinta anos tiña cando os pobos, en impresionantes cerimonias, lle deron o título de Libertador; non chegara ós cincuenta cando falecía, deixando tras de sí cinco repúblicas - hoxe seis - que o recoñecen, cada unha, como pai da Patria.
Sobre a súa vida escribeuse moito. En tódolos tons: dende a diatriba despiadada ou a calumnia arteira ata o endeusamento sen límites. Pero o signo mellor para aprecia-la dimensión da súa imaxe e a proxección da súa mensaxe deixouno José Martí, ó dicir que de Bolívar non se puido falar senón "cunha montaña por tribuna, ou entre lóstregos e raios, ou cunha manchea de pobos libres no puño e a tiranía descabezada ós pés".
Naceu o 24 de xullo de 1783, cando o precursor Francisco de Miranda tiña 2 anos e 2 escasos o mestre de América, Andrés Bello, fillos da mesma cidade de Caracas, para entón pequena e modesta. A unión á primitiva provincia de Venezuela das de Cumaná, Margarita, Guayana, Barinas e Mérida - Maracaibo, con Caracas como capital, case non se consumara no decenio anterior. A menos de trescentos anos do Descubrimento e a pouco máis de douscentos da fundación da cidade, estaba culminando o proceso de formación da nacionalidade venezolana, cunha economía agrícola medianamente próspera (fomentada durante medio século de actividade pola Real Compañía Guipuzcoana), unha sociedade en proceso de fusión, pero aínda estratificada en sectores diferenciados pola orixe étnica (o que a historiografía posterior chamaría erroneamente "castes") e cunha cepa criolla que obtivo, non só forza e entrenamento do cultivo da terra, senón formación intelectual da Universidade Real e Pontificia fundada en 1725.
Reinaba para entón en España Carlos III, considerado hoxe como o máis progresista dos chegados a España con Felipe V, á sombra de Luis XIV ("O Rei Sol") a inicios do século XV. Cando naceu Bolívar, levaba dous anos inaugurada a Porta de Alcalá, entón no límite e agora no centro de Madrid, testemuña dun esplendor que concluiría en naufraxio pola manifesta incapacidade de Carlos IV e Fernando VII.
Xa para 1783 un acontecemento trascendental, a independencia dos Estados Unidos, renovara as ideas sobre a organización do poder público e sobre os dereitos fundamentais dos cidadáns e establecido a primeira organización republicana dos tempos modernos. Neno era Bolívar cando estalou a Revolución Francesa e promulgou a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. A un momento mundial de intensa reflexión sobre as bases da sociedade, sucedía unha intensa axitación, que botou por terra institucións seculares e esixía unha nova postura, a ton cos tempos. Para o momento en que Bolívar ve a primeira luz en Caracas, vive en Córceta un rapaz de 14 anos, Napoleón Bonaparte, que comezará a enche-los anais de Europa cando o xove indiano faga a súa primeira viaxe trasatlántica e atoparase no cume do poder absoluto cando, traumatizado pola morte da súa xove esposa, volva a Europa e recorra, acompañado por don Simón Rodríguez, camiños de Francia e Italia por onde andiveran grandes facedores de historia.
A nenez de Bolívar, como todo o que lle concerne, foi obxecto de abondosas investigacións. No relato das súas ocorrencias mestúranse achados documentais e anécdotas que beizos anónimos recollen e transmiten. Dise que foi no momento do bautismo cando o seu padriño Aristiguieta, que administraba o sacramento, doulle o nome de Simón, para sinalar que sería "o Simón Macabeo da América". Cóntanse historias segundo as cales a precocidade do seu xenio afloraría en agudas respostas ó seu titor, o licenciado Miguel José Sanz. De feito, era un orfo de familia mantuana, titular dunha herdanza suficiente para estimula-los conflictos familiares. Dous anos e medio tiña cando morreu seu pai, don Juan Vicente Bolívar y Ponte, descendente de vascos, casteláns, canarios e xente doutras rexións españolas; ía cumprir nove cando perdeu a súa nai, dona Concepción Palacios y Sojo. Era o menor de cinco irmáns: a cuarta viveu pouco; dúas irmás maiores, María Antonia e Juana, sobrevivíronlle, e o outro varón, Juan Vicente, morreu en 1810. O avó paterno falecera antes, e o avó materno case non sobreviveu un ano á orfandade dos irmáns Bolívar Palacios. A garda e tutela do menor foi obxecto de controversias e ocasión para que recibira a primeira influencia de don Simón Rodríguez, o mestre de personalidade extraordinaria a quen dende o cumio do seu poder rendera a máis emocionada das homenaxes.
Os anos da súa primeira formación corresponden tamén ó seu primeiro encontro con Andrés Bello, o seu contemporáneo, lixeiramente maior ca él e xa en patente dedicación ás letras. Nunha carta ó vicepresidente Santander (Arequipa, 20 de maio de 1825) Bolívar refírese á súa educación, a propósito dun artigo publicado en Europa: "No es cierto que mi educación fue muy descuidada, puesto que mi madre y mis tutores hicieron cuanto era posible por que yo aprendiese: me buscaron maestros de primer orden en mi país. Robinson, que Vd. conoce (Samuel Robinson era un seudónimo de don Simón Rodríguez), fue mi maestro de primeras letras y gramática; de bellas letras y geografía, nuestro famoso Bello; se puso una academia de matemáticas sólo para mí por el padre Andújar, que estimó mucho el barón de Humboldt. Después me mandaron a Europa a continuar mis matemáticas en la Academia de San Fernando; y aprendía los idiomas extrajeros, con maestros selectos de Madrid; todo bajo la dirección del sabio marqués de Uztaris, en cuya casa vivía. Todavía muy niño, quizá sin poder aprender, se me dieron lecciones de esgrima, de baile y de equitación. Ciertamente que no aprendí ni la filosofía de Aristóteles, ni los códigos del crimen y del error; pero puede ser que Mr. de Mollien no haya estudiado tanto como yo a Locke, Condillac, Buffon, Dalambert, Helvetius, Montesquieu, Mably, Filangieri, Lalande, Rousseau, Voltaire, Rollin, Berthoy y todos los clásicos de la antigüedad, así filósofos, historiadores, oradores y poetas; y todos los clásicos modernos de España, Francia, Italia y gran parte de los ingleses. Todo esto lo digo muy confidencialmente a Vd. para que no crea que su pobre presidente ha recibido tan mala educación como dice Mr. de Mollien; aunque, por otra parte, yo no sé nada, no he dejado, sin embargo, de ser educado como niño de distinción puedo serlo en América bajo el poder español".
De menos de 14 anos iníciase o adolescente caraqueño no Batallón de Milicias dos Vales de Aragua. Non cumprira 16 cando viaxa a España. Visita a México na travesía. Esquecérase en Venezuela o intento revolucionario de Gual e España, reprimido con dureza implacable; nada revelaba aínda a estructura que en Bolívar se iría forxando e que o faría o conductor indiscutible do movemento de independencia. Pero, sen dúbida, a súa personalidade xa se acusa: vai amosando unha intelixencia desperta, un magnetismo persoal nada corrente e unha rara combinación de arrojo e de firmeza, que nos grandes momentos poñerá as máis audaces decisións ó servicio dos máis tenaces propósitos e dos máis meditados proxectos.
Tres anos e medio dura esta primeira viaxe. Nela libérase o complexo indiano, ó homearse con xente encumbrada da corte española. Adquire en Madrid, segundo acabamos de ver, coñecementos que van dende matemáticas e idiomas extranxeiros ata usos indispensables na alta sociedade de entón, como a esgrima e o baile e a equitación, que lle será tan útil nas súas futuras campañas. Observa a decadencia da monarquía borbónica e comeza a xerminar na súa mente a idea da independencia de Hispanoamérica. Coñece París, centro da maior mobilización cultural e política do universo. Pero o romance dun puro amor, vivido con paixón de adolescente, é o que prevalece entón na súa vida. María Teresa del Toro y Alayza, a súa curmá madrileña, descendente por Toro das illas Canarias e de orixe vasco por Alayza, prendouno de xeito total. En pos dela vai a Bilbao, terra dos seus antepasados "Bolívar" e toma contacto co recio temple desa estirpe. A voda celébrase en Madrid o 26 de maio de 1802, na igrexa de San José, que entón non estaba na rúa de Alcalá, onde foi posteriormente reconstruida, senón preto dalí, na esquina das rúas Libertad e Gravina. Teresita, "muy amable, muy dulce (carta de 13 de abril de 1802)" acompáñao sen vacilación: está disposta, como tantos parentes seus antes, a cruza-lo Atlántico, atraída polo Novo Mundo; vai con él a Caracas, despois á posesión familiar de San Mateo, en Aragua; pero o trópico avaro cobrará o prezo da romántica aventura e uns meses máis tarde, en xaneiro de 1803, a febre arrincará ó xove oficial o amor da súa vida.
Comeza entón o proceso máis fondo do seu drama vital. A dor que non logra dominar empúxao de novo cara outros horizontes. Volve a Francia, onde atopa a don Simón Rodríguez; van xuntos a Italia e camiñan sobre as huellas dunha antigüedade rediviva observando a marcha arroiadora dos exércitos napoleónicos, que subxugan a Europa buscando unificala con puño de ferro, ós acordes da Marsellesa, o himno da Revolución. O seu espírito súmese en contradictorias reflexións, pero a conclusión é clara: no Monte Sacro, á vista da Roma eterna, xura consagrar a súa vida á independencia da súa patria. Dura case catro anos esta segunda viaxe. Ó regreso, visita os Estados Unidos. Ten agora unha visión cabal do mundo moderno. Volve a Venezuela en 1807, dominado por unha idea obsesiva: a da independencia. É, definitivamente, un revolucionario. Pero non daqueles que a única preocupación é a de destrui-loa orde vella: no revolucionario que é Bolívar, xunto ó propósito de aboli-lo dominio extranxeiro en América está presente a preocupación de construir unha nova orde xurídica e política, baseado sobre a liberdade e a xustiza e inspirado na realidade do novo mundo, "no olvidando jamás que la excelencia de un Gobierno no consiste en su teoría, en su forma, ni en su mecanismo, sino en ser apropiado a la naturaleza y al carácter de la Nación para quien se instituye. ¡He aquí el código que debemos consultar, y no el de Washington! " (Discurso de Angostura).
Conspira con outros xoves, iluminados polo mesmo propósito revolucionario. Infolios da época acreditan que as autoridades coloniais descubriron na "Cuadra Bolívar" - a casa de campo familiar nas aforas de Caracas - reunións festivas que eran pantalla para cousas máis serias. Pero non lles prestaron a atención merecida. Os acontecementos precipitáronse cando chegaron tardías noticias da ocupación napoleónica de España e da resistencia ó invasor, que sacudiron definitivamente os ánimos e uniron ós que só desexaban afirma-lo hispánico fronte á ocupación extranxeira, con aqueles coma Bolívar, que buscaban definitivamente a plena afirmación da propia soberanía no continente colombiano.
O 19 de abril de 1810 non estaba él en Caracas, pero axiña se incorporou á acción. Era un personaxe prominente; a pesar dos seus escasos 27 anos, había que tomalo en conta para tarefas de grande responsabilidade. A Junta de Gobierno de Caracas (conservadora dos dereitos de Fernando VII) decide enviar misións diplomáticas para allana-lo camiño cara o obxectivo ulterior: a independencia. Os irmáns Bolívar Palacios, pola súa cultura e a súa prestancia, son indicados para os máis importantes destinos: Juan Vicente, o irmán maior, irá ós Estados Unidos, pero naufragará ó regresar; Simón encabezará a embaixada que, con Luis López Méndez e Andrés Bello, se dirixirá á Corte de St. James. ¡Cánto non falarían o futuro Pai da Patria e o seu antigo mestre a bordo da fragata Wellington sobre o destino futuro de América! ¡Cánto non tratarían eles e o ilustre López Méndez co egregio precursor Miranda, na casa londinense deste, sobre os problemas e posibilidades dos nosos pobos!
A misión non acadou o obxectivo máximo de alinea-la poderosa Albión ó lado dos patriotas venezolanos, pois tiña a España por aliado contra Napoleón; pero abreu camiños polos que despois se colleitaría un franco apoio para a nosa loita. Bolívar non pode permanecer moito en Europa nesta terceira viaxe, pero ten tempo para mirar de cerca o funcionamento das institucións inglesas, polas que vai gardar admiración perdurable. Chámao a urxencia do proceso venezolano. Ós 2 meses e 11 días de chegar, emprende a volta, non sen deixar comprometido a Miranda, a quen insistira con vehemencia na necesidade de acompañalo ó seu regreso a Venezuela, segundo di a Lord Wellesley o mesmo Precursor.
Non é deputado ó Congreso, pero sí figura de primeiro plano na Sociedade Patriótica, unha especie de club revolucionario á maneira dos que vinte anos antes conmoveran, den 1: arís, ó mundo. É factor decisivo no pronunciamento pola Declaración de Independencia que se adopta o 5 de xullo de 1811. "Vacilar es perdernos", di Bolívar. A súa voz resoa dende a barra na vella capela de Santa Rosa, convertida en sá de sesións da representación nacional. Perfílase xa a figura do que será líder indiscutido da Emancipación.
A sorte é adversa no fatídico 1812. O terrible terremoto de 26 de marzo cobre de escombros a Caracas, destrúe a San Felipe el Fuerte e golpea duramente a outras cidades do país. Como ocorre nun Xoves Santo, faise sinxelo a consella de que Deus quixo castiga-la acción tomada polos edís de Caracas o 19 de abril de 1810, que era Xoves Santo tamén. Fronte á súa casa solariega, na praza de San Jacinto, Bolívar érguese ante un clérigo realista que sustenta apaixonado aquela tese. "¡Si la naturaleza se opone, lucharemos contra ella y haremos que nos obedezca!" Intuitivo xenial, expón a loita constante do home polo señorío sobre as cousas creadas.
Pero non é só a natureza a que se opón á revolución. É tamén a audacia dun mariño, Domingo Monteverde, axudada pola vella adhesión de moita xente á colonia secular. Monteverde avanza. Miranda é proclamado dictador. A Bolívar recoméndaselle a custodia de Puerto Cabello e unha tradición faille perde-la praza. Apenas lle queda tempo para moverse. Miranda non pode domina-la situación; confiando na palabra de Monteverde e no honor do poder tradicional que éste representa, o Generalísimo asina en La Victoria unha capitulación; pero a clara visión de que será violada faino buscar por La Guaira unha saída ó exterior, co propósito de volver a intentar máis tarde a liberación nacional. Bolívar, que chegara tamén á Guaira, reunido con outros xoves revolucionarios, estima que Miranda falta ó seu deber de permanecer como garante dos termos acordados, e detéñeno para impedirlle que se marche. A intención que os move é comprensible e a razón sosteráa despois, sempre que se considera o caso. Pero o xefe realista non se para no camiño da represión e en vez de reter a Miranda mándao prisioneiro á Península. O tráxico resultado está moi lonxe do que pretenderon os actores. O cautiverio de Miranda transcurrirá no Arsenal de La Carraca, preto de Cádiz. Os últimos documentos do seu arquivo, atopados en Londres, demostran que non deixaron de facerse dilixencias para asegurar a súa fuga e para facilitar a reanudación dos seus patrióticos empeños; pero unha enfermidade ocasionoulle a morte, ocorrida na enfermería do Arsenal o 14 de xullo de 1816.
Bolívar logra, entre tanto, por xenerosa intervención dun amigo español, Francisco Iturbe, pasaporte para saír de Venezuela. Non busca refuxio nin descanso. Diríxese á Nueva Granada (hoxe Colombia), onde a revolución está activa. Desta permanencia en terra granadina, chea de incidentes e dificultades, quedarán sobresaíndo un documento e unha idea: o Manifesto de Cartagena, o primeiro dos seus documentos fundamentais, que contén aguda e valente análise da perda da Primeira República, e a idea - que haberá de acompañalo ata a morte - de unir a Venezuela e a Nueva Granada nunha gran República, que levaría o nome de Colombia en memoria do Descubridor.
Co apoio dun gran patriota, Camilo Torres, organiza en territorio da Confederación granadina un exército expedicionario para invadir a Venezuela. 1813 é o ano en que se revela a plenitude o seu xenio militar: invade polo Táchira en marzo, e o 6 de agosto, tras impresionantes victorias dunha serie coñecida pola historia como "la Campaña Admirable", entra triunfante en Caracas. É tamén o ano en que se lle da, primeiro en Mérida (23 de maio) e despois en Caracas (14 de outubro), o título de Libertador, sobre o cal escribiralle máis tarde a súa irmá María Antonia: "Ese es tu verdadero título, el que te ha elevado sobre los hombres grandes y el que te conservará las glorias que has adquirido a costa de tantos sacrificios " . 1813 é tamén o ano do Decreto de Guerra a Morte. Momento tráxico de inexorable dilema. O sangue corría a raudais e o concepto de patria xurdía do holocausto, interpretado polo seu verbo. En Trujillo asinou a terrible proclama; alí tamén en 1820, asinaríanse os tratados de Armisticio e Regularización da Guerra, que farán brillar, segundo verbas do mesmo Bolívar, "el amor a la paz, tan propio de los que defienden la causa de la justicia".
Despois comezan novamente as calamidades. En 1814 pérdese a Segunda República, e nin sequera en máis dun Monteverde, senón de Boves o máis cruel persoeiro da revancha seguinaria. Bolívar dirixe a dramática Emigración a Oriente das familias de Caracas. En Carúpano (7 de setembro) expide un novo Manifesto, que é outro dos seus documentos importantes. Pero a fatalidadade acósao. En adiante haberá de amosarse máis que nunca "el hombre de las dificultades". Tras cada fracaso, unha nova acción. "Bolívar derrotado es más terrible que vencedor", dixo Morillo. Non descansa nin renuncia á súa loita: iso explica por qué, cando vaia a Caracas, en 1827, por derradeira vez, e lle ofrezan unha homenaxe en que o rodean de estandartes cos nomes de tódalas virtudes que se lle atribúen, ó comezar a repartilos entre as máis destacadas personalidades presentes, reserva só para sí o que dicía: "Constancia".
Volve a Nueva Granada, a dar conta ó Congreso. Camilo Torres respóndelle: "Vuestra Patria no ha perecido mientras exista vuestra espada. Pero lo vencen disensiones internas". Sae para Kingston, e alí publica outro formidable documento, no que analiza as causas da revolución hispanoamericana e traza de man maestra o destino das nosas patrias: a Carta de Jamaica ( 6 de setembro de 1815). Escapa dun atentado persoal; viaxa a Haití, e co apoio do presidente Petion organiza a expedición de Los Cayos. Quere actuar en chan venezolano. Boves morre dun lanzazo en Urica, combatindo con Pedro Zaraza; agora corresponderalle ó Libertador enfrentarse, non cun novo caudillo de montoneras senón cun experimentado xeneral, daqueles vencedores das guerras napoleónicas, o "pacificador" Pablo Morillo. A expedición de Los Cayos remata no desastre en Ocumare, de onde parte subitamente tratando de alcanzar ós corsarios que o acompañan e o abandonaron. Volve a Haití, e novamente invade a Venezuela, xa para quedarse definitivamente en terra firme.
Comeza a fase definitiva da epopeia libertadora. Foi un gran acerto seu moverse da costa nor-oriental cara as prósperas ribeiras do Orinoco, e fixar na cidade de Angostura (hoxe Ciudad Bolívar) o centro da súa actividade política e militar. Prominentes personaxes da Independencia non acataban aínda a súa autoridade e pretenderon reunir un congreso que retomara o exercicio da soberanía nacional e lles dera título para disputar a Bolívar a conducción da guerra; pero a historia - pese á alta figuración de quenes o integraron - lembra aquela reunión co nome peiorativo de "congresillo de Cariaco". Mentres tanto, o Libertador convoca e reúne un congreso, ó que rodea de toda a maxestade posible, e fronte ó cal pronuncia o seu célebre Discurso de Angostura ( 15 de febreiro de 1819), que é un dos textos máis densos da literatura política, non só de América Latina, senón do mundo. É alí onde proclama que " el sistema de gobierno más perfecto es aquel que produce mayor suma de felicidad posible, mayor suma de seguridad social y mayor suma de estabilidad política". O escenario material é pobre, aínda que o magnifica a maxestuosa proximidade do río Orinoco; pero o presidente do congreso, o prócer neogranadino Francisco Antonio Zea acotará: "No era en el Capitolio, no en los palacios de Agripa y de Trajano; era en una humilde choza, bajo un techo pajizo, que Rómulo, sencillamente vestido, trazaba la capital del mundo y ponía los fundamentos de su inmenso imperio. Nada brillaba allí sino su genio; nada había de grande sino él mismo. No es por el aparato, ni la magnificencia de nuestra instalación, sino por los inmensos medios que la naturaleza nos ha proporcionado y por los inmensos planes que vosotros concibiérais para aprovecharlos, que deberá calcularse la grandeza y el poder futuro de nuestra República". Organizador do Estado, Bolívar funda un xornal, o "Correo del Orinoco" para informar sobre a vida nacional e defende-los seus obxectivos. A súa sona atravesa o océano; pasan de dez mil o número de xoves irlandeses e ingleses, como un O´Leary ou un Farriar, e doutras nacionalidades europeas, que viñeron a combatir en favor da independencia sudamericana atraídos polo brillo magnético das súas proezas.
Un ano antes logrou un éxito de proxeccións trascendentes: no Hato de Cañafístola obtén a adhesión de José Antonio Páez, o caudillo lexendario que aunara no seu entorno formidables cabalerías llaneras, moitos dos seus integrantes acompañaran a Boves. Máis tivo tamén outros contratempos. Atópase cunha das dores maiores da súa vida ó autoriza-la execución do seu brillante lugartenente Manuel Piar, vencedor de San Félix, condenado por consello de guerra como culpable de rebeldía. A campaña do centro ten que deterse por reveses. Pero él sobreponse. En Casacoima, devorado pola febre e agotado por tantos obstáculos, anuncia os éxitos futuros que, segundo soña xa, haberán de culminar na liberación do Perú. En 1819 realiza a súa maior fazaña militar: o paso dos Andes. A través do infranqueable páramo de Pisba e a un costo inmenso, sorprende ás tropas españolas; vence en Gámeza e Pantano de Vargas, e a victoria de Boyacá (7 de agosto) ábrelle as portas de Bogotá, con tódolos recursos do virreinato. Xa non pode ser visto só como un guerreiro afortunado: é o xefe de estado dunha nación en marcha. O 17 de decembro (coincidencialmente, 11 anos antes da súa morte) o Congreso sanciona a Lei Fundamental de Colombia. Morillo convéncese de que a independencia non pode deterse. Daí os tratados de Trujillo e a admiración persoal por Bolívar, que o move a invitalo para unha histórica entrevista, celebrada na poboación trujillana de Santa Ana (27 de novembro de 1820), onde, como expresa o soneto laureado de Alejandro Carías, xuntos desagraviaron os guerreiros, ó declina-la súa indómita bravura cos de Cristo, os fidalgos fueros, e legáronos como herdanza pura de españois de Indias e de iberos, timbre de unión que nas idades madura.
En adiante avanza sin cesar, de triunfo en triunfo. O 24 de xuño, na chaira de Caracobo, sella a liberación de Venezuela. O 2 de outubro presta xuramento como presidente de Colombia ante o Congreso Constituínte renido na vila do Rosario de Cúcuta. O 7 de abril de 1822 gaña a batalla de Bomboná e o 24 de maio, obtida en Pichincha a victoria polo seu máis brillante oficial, o xove xeneral Antonio José de Sucre, ou asegura a independencia do reino de Quito - capital na que entra o 16 de xuño - e a quen ven a formar parte da Gran Colombia. O13 de xullo decreta a incorporación de Guayaquil e o 27 entrevístase naquela cidade co gran libertador do sur, José de San Martín. Envía reforzos para a campaña do Perú, a onde é despois chamado formalmente: chega ó porto de El Callao o 10 de setembro de 1823 e, despois de sobrepasar innumerables obstáculos, obtén a victoria de Junín o 6 de agosto de 1824. Entre tanto, a nosa mariña de guerra, ó mando do almirante José Padilla, gañaba o 24 de xullo de 1823 (día en que cumpría Bolívar 40 anos) a Batalla Naval de Maracaibo, que aseguraba a supremacía patriota en augas do Caribe.
Unha das situación persoais que o Libertador debeu superar na campaña do Perú foi unha grave enfermidade que o afectou en Pativilca. O episodio é un dos máis demostrativos do seu temple. Relata don Joaquín Mosquera cómo, despois de analiza-la situación política, a insuficiencia de recursos e o seu delicado estado, ó preguntarlle "qué piensa Ud. hacer?" dou como inequívoca resposta unha soa verba que quedou grabada con caracteres indelebles: "¡Triunfar!".
O 9 de decembro de 1824, na pampa de La Quinua, preto de Ayacucho, Sucre obtén a victoria final, na que o virrei La Serna rende coa súa espada a soberanía española en América. Dous días antes, o Libertador expedira dende Lima a invitación ós gobernos da América Española para o Congreso de Panamá, coa aspiración de selar nun pacto anfictiónico a unión política dos novos Estados e constituir, segundo a súa feliz expresión nunha carta a O´Higgins (8 de xaneiro de 1822), "una nación de repúblicas". Despois da victoria de Ayacucho, por vontade dos pobos do Alto Perú constitúese unha nova República, que toma o nome de Bolivia. É a máis alta e permanente de tódolas homenaxes que se lle fan na cúspide da gloria. Sucre é elixido presidente da nova nación, aínda que só acepta por dous anos. O Libertador, no seu discurso ó constituínte boliviano, expresa a súa angustia pola organización institucional e diseña as estructuras que xulga máis axeitadas para facer fronte á anarquía: un presidente vitalicio, compensado por un senado hereditario; unha cámara popular e unha cámara de censores, para velar pola rectitude dos costumes e dos procedementos. Pero ilo non pasa de ser unha ilusión: as forzas desencadeadas confluirán sobre as novas repúblicas e faltará aínda moito tempo para que poidan enrumbarse satisfactoriamente.
Estos son os anos en que Bolívar recibe os máximos honores e sofre as máis terribles decepcións. No Perú, as honras que decreta para él o Congreso lembran ás que o senado romano tributaba ós guerreiros victoriosos; en tódalas cidades das cinco repúblicas fánselles verdadeiras apoteoses. Rexeita as recompensas materiais, consciente da superioridade da gloria.
Simultaneamente, o sentimento localista toma corpo contra as súas aspiracións integracionistas. O Congreso de Panamá queda en nada, a pesar do sacrificio de Pedro Gual, que deixa o Ministerio de Relacións Exteriores da Gran Colombia para irse ó istmo e despois a Tacubaya (México) onde continuou a reunión. A visión de grandeza de Bolívar é sinalado polos seus adversarios coma ambición cesárea. A maniobra dos aspirantes a xefaturas parroquiais conta coa predisposición dos cidadáns contra o precedente universal de heroes convertidos en usurpadores e co apego dos pobos ós seus estreitos ámbitos naturais, aillados entre sí pola dificultade de comunicacións.
Ten que deixar Perú para atende-los problemas de Colombia. En Venezuela, Páez, que veu sendo practicamente o xefe do país dende a batalla de Carabobo, na que foi ascendido por Bolívar á máxima xerarquía militar, faise portavoz dos resentimentos e a través dun pronunciamento das municipalidades decreta a separación de Colombia. É "La Cosiata", a secesión, que se minimiza e esfuma ó chegar á patria o seu fillo máximo. A súa derradeira visita a Caracas podería tal vez considerarse como o intre máis feliz da súa vida. Pero ten que regresar á capital grancolombiana, e dende a súa partida comeza novamente en Venezuela o proceso de disolución que se fará definitivo en 1830. Mentres tanto, o Libertador convoca a unha convención para renova-las bases do estado, a Convención de Ocaña, que conclúe en sisenso, o que o forza a sumir unha inevitable dictadura. Os opositores chámano tirano, e o magnicidio chega moi cerca do seu obxecto na noite escura do 25 de setembro de 1828. Ademáis dalgúns ideólogos como Florentino González e aventureiros audaces como Pedro Carujo, aparece comprometido nada menos que Francisco de Paula Santander, o seu gran colaborador na campaña de Boyacá e no exercicio do goberno. A represión é dura. Pero Bolívar conmuta por expulsión do país a pena de morte a que condenara o consello de guerra a quen máis tarde fora ilustre presidente da República de Nueva Granada.
Os malentendidos entre Colombia e o Perú conducen a unha guerra, concluida felizmente, despois da batalla de Tarqui, coa afirmación de Sucre de que a xustiza da súa causa era a mesma antes ca despois da victoria. Convócase un novo congreso, que se reúne en Boyacá na apoteósica entrada en Caracas xaneiro de 1830 e que a elegante precisión do verbo bolivariano denomina infructuosamente "Admirable". Presídeo Sucre, que realiza os maiores esforzos por acadar a reunificación con Venezuela. Todo resulta inútil. O destino marcou o seu signo. O proceso é fatal. Sucre é asasinado o 4 de xuño na montaña de Berruecos, cando regresaba ó seu fogar rumiando amargas preocupacións. Por outra parte, o Congreso de Venezuela, temeroso de que a presencia do Libertador voltara a disipa-los proxectos separatistas, pon como condición a todo diálogo a súa exclusión do territorio nacional: é a máis dura das ultraxes e o máis triste dos feitos históricos da nosa República. O congreso colombiano, á súa vez, acéptalle a renuncia; designa un novo presidente que non asume polo pronto o poder; o xeneral Rafael Urdaneta, faise cargo do goberno o 5 de setembro, instando ó Libertador a volver. Éste, fica na ruta á costa atlántica co propósito de pasar a Europa, atopa no deterioro da súa crebada saúde o desenlace do seu ciclo vital. Dalle hospitalidade na quinta de San Pedro Alejandrino, preto de Santa Marta, un fidalgo español, Joaquín de Mier, e aténdeo na súa derradeira enfermidade un médico francés, Alejandro Próspero Reverend, que gañou o seu afecto polo noble paciente a gloria da inmortalidade. Historiadores médicos discuten hoxe sobre o tratamento que indicou Reverend, o certo é que xa a inmensidade da figura e da obra de Bolívar non cabían no escenario da súa vida. Sabía que ía morrer, preparouse deixando unha mensaxe inolvidable na que expresaba os seus últimos desexos e ofrecía o sacrificio da súa existencia, para recomendar o mantemento da unión grancolombiana. O bispo José María Esteves, de Santa Marta, e o cura de Mamatoco, Hermenegildo Barranco, déronlle-los últimos auxilios relixiosos. Faleceu o 17 de decembro de 1830. Tiña só 47 anos: pero xa resoaba a frase do elocuente Choquehuanca, quen dende o Perú pronosticara: "con el tiempo crecerá vuestra gloria como crece la sombra cuando el sol declina". Os seus restos, na catedral de Santa Marta, foron trasladados á catedral de Caracas en 1842, en apoteose presidida polo xeneral Páez e narrada en párrafos neoclásicos por Fermín Toro. Da catedral pasaron, no goberno de Guzmán Blanco, ó Panteón Nacional, un templo onde predomina a afirmación da súa grandeza. No medio da súa incrible actividade, a soidade do seu espírito resentíase da falta dun verdadeiro amor. A lembranza da esposa morta acompañábao sempre. Comprendía que, quizáis, se ela vivira, o seu destino heroico non se cumpriría (atribúeselle a expresión de que non pasara de ser "alcalde de San Mateo"); pero o baldeiro que ela deixara na súa existencia non puido enchelo coas aventuras galantes, con encontros furtivos, nin sequera con manifestacións de afecto, mesturado con veneración, por máis que proviñeran de mulleres fermosas, intelixentes ou sensibles.
Só unha quiteña, Manuela Sáenz, de espírito atrevido, pasando por encima das normas sociais e provocando inevitables reaccións, ó entregarse a él con irrefrenable vehemencia, chegou moi cerca do seu corazón. Non foi unha mera relación carnal a que existíu entre eles: aquéla á que chamou "sublime loca", deulle alento de vida, e veu a convertirse en "libertadora do Libertador" cando salvou a súa vida no atentado setembrino , distraendo ós conxurados mentres o Libertador se poñía a salvo. Os anos finais de despois da partida e morte do amado, foron un triste epílogo da súa participación na traxedia bolivariana.
Non logrou o Libertador consolidar nos novos estados a vida institucional. No seu último ano chegou a exclamar, en mensaxe ó Congreso: "Me ruborizo al decirlo: la independencia es el único bien que hemos adquirido, a costa de los demás". E xa para conclui-lo seu periplo, imaxinou que todo terminara nun fracaso: "hemos arado en el mar".
Pero non. Non araran no mar. A súa figura continúa axigantándose, por encima de tódolos seus contemporáneos no ámbito da súa acción. O estudio do seu pensamento califícao coma un dos máis xeniais visionarios do acontecer político e un dos máis brillantes cultores da filosofía do estado, á vez que un dos máis profundos coñecedores das realidades dos pobos. Para as nacións que libertou - Venezuela, Colombia, Ecuador, Perú, Bolivia e Panamá - é e será pai da patria. Para toda Lationoamérica, a súa voz é mensaxe e a súa figura é prototipo das aspiracións xenerosas. En bronce ou mármol, atópase nas principais prazas das cidades e pobos das repúblicas fillas da súa espada. A súa figura heroica campea en moitas capitais do mundo. Lima, Caracas, Bogotá, Quito, La Paz e Panamá non son as únicas: tamén, entre outras, Buenos Aires, México, Río de Janeiro, Santo Domingo,San Juan de Puerto Rico, Tegucigalpa, Guatemala; atopámolo en Puerto España e Kingston, en Nueva York e Washington, en Roma e París, Londres e Madrid, ademáis de moitas outras cidades como Cádiz, Garachico (Canarias), Trujillo (Perú), Arequipa, etc. O seu nome distingue unha nación (Bolivia), un estado de Venezuela, numerosos distritos xurisdiccionais e diversas cidades (en Venezuela, na Arxentina, nos Estados Unidos); é epónimo de universidades e liceos, así coma de numerosas sociedades e institucións. O adxectivo "bolivariano" entrou, por él, ó diccionario. Son incontables os libros que recollen o seu pensamento ou que se ocupan da súa vida e da súa obra; sirveu de inspiración a historiadores e poetas, a escultores e músicos, e ata unha ópera, estrenada en París, foi composta coa súa figura como tema. Maestro de maestros, o seu pensamentos sirveu de inspiración a pensadores e estadistas.
E está presente a hipérbole do insigne uruguaio José Enrique Rodo: " (...) si el sentimiento colectivo de la América libre y una no ha perdido esencialmente su virtualidad, esos hombres, que verán como nosotros en la nevada cumbre del Sorata la más excelsa altura de los Andes, verán, como nosotros también, que en la extensión de sus recuerdos de gloria nada hay más grande que Bolívar".