Saltar ao contido principal
Inicio  »  Goberno  »  Reitoría  »  Cátedras  »  Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética  »  Actividades

Actividades

Presentación pública da Cátedra o 21 de novembro do 2000, a cargo do reitor Darío Villanueva, o director Luis Iglesias Feijoo e o secretario Claudio Rodríguez Fer, en presenza da viúva (Coral Valente) e das fillas do poeta (Lucila e Patricia Valente), entre outros escritores, familiares, amigos e membros do persoal universitario.
 
Participación e presentación da Cátedra o 21 de novembro do 2000 no I Congreso Internacional da Asociación Internacional de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia, coa intervención de Darío Villanueva, Antonio Domínguez Rey, Carmen Blanco, Luis Iglesias Feijoo e Claudio Rodríguez Fer.
 
Comezo no ano 2000 da ordenación de todo o material doado, catalogación de fondos e identificación de cada volume, que porta o seu número identificativo e etiqueta correspondente, así como inicio do proceso de dixitalización dos fondos manuscritos e impresos (bocetos, artigos en prensa, correspondencia dirixida ao poeta ou debida a el mesmo).
 
Organización das primeiras actividades académicas, cun ciclo de catro conferencias a cargo do filólogo Arthur Terry entre o 21 e o 24 de novembro do 2000, impartidas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
 
Primeira publicación, no 2002, consistente no libro La idea del lenguaje en la poesía española, de Arthur Terry, presentado o 3 de marzo de 2003 na Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela polo propio autor, Mar Lorenzo Moledo (Vicerreitora de Extensión Cultural), Marisa Melón (Directora do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela) e, en representación da Cátedra, Luis Iglesias Feijoo e Claudio Rodríguez Fer.
 
Continuación das actividades académicas cun ciclo de catro conferencias a cargo do filósofo José Luis Pardo entre o 10 e o 13 de marzo de 2003, impartidas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
 
Colaboración e documentación na exposición A palabra e a súa sombra. José Ángel Valente: o poeta e as artes, promovida pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, así como no catálogo homónimo correspondente, que inclúe textos en edición trilingüe (galego, castelán e inglés) de Luis Iglesias Feijoo, Antonio Monegal, Claudio Rodríguez Fer e a comisaria Rocío Santa Cruz. A exposición presentaba obra artística de deceas de autores sobre os que escribiu Valente ou que colaboraron con el (Goya, Luis Fernández, Tàpies, Saura, Oteiza, Chillida, Rebeyrolle, Pantenheimer, Broto, Sicilia, Forteza, Carrió, ademais dun bo número de artistas galegos e dos fotógrafos cos que publicou). Tivo lugar no Colexio de Fonseca e na Igrexa da Universidade entre o 20 de xuño e o 31 de agosto de 2003.
 
Publicación en 2004 do libro Fragmentos de un libro anterior de José Luis Pardo.
 
Continuación das actividades académicas cun ciclo de catro conferencias a cargo do poeta Antonio Gamoneda entre o 15 e o 18 de novembro do 2004, impartidas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
 
Creación no 2005 da colección de libros de estudo sobre Valente Punto Cero.
 
Creación no 2005 da páxina web da Cátedra, realizada por Santiago Lopo.
 
Intervención do escritor Bernard Noël, o 10 de novembro de 2005, sobre as súas relacións con José Ángel Valente e lectura do poema « Lettre Verticale XXXII » a el dedicado.
 
 

 

foto do autor 

Valente, por Sara Lamas