
As Cátedras Institucionais da USC son ámbitos especiais para a reflexión, o debate, o estudo e a investigación en todos os ámbitos académicos que xorden da necesidade de potenciar ao máximo a relación entre a comunidade universitaria e a súa contorna na procura de converterse nun importante foco de proxección da imaxe exterior da nosa Universidade.
O establecemento deste sistema de colaboracións entre a USC e as empresas, institucións e/ou padroados ten como finalidade o desenvolvemento e o incremento da oferta de actividades complementarias na procura dos obxectivos da docencia, a investigación, a transferencia do coñecemento así como servir de instrumento para a captación de recursos externos de cara á realización destas actividades.
A creación das Cátedras Institucionais da USC formalízase a través da firma dun convenio entre a USC e unha ou varias empresas, fundacións, institucións e/ou padroados que participarán no seu financiamento segundo os obxectivos xa sinalados e as condicións que se describen a continuación.
A iniciativa para a creación dás Cátedras da USC poderá corresponder, por unha banda, ao profesorado da Universidade (avalado por algún ámbito da estrutura orgánica da USC: Departamento, Facultade, Instituto), aos Departamentos, Centros ou Institutos Universitarios e, por outra banda, ás fundacións, empresas, padroados ou institucións alleas á Universidade.