Alejandro Pérez Lugín naceu en Madrid o 22 de febreiro de 1870, e alí viviu ata 1886, ano no que se traslada a Santiago de Compostela para realizar os seus estudios de Dereito.
Xa entón comeza a amosar as súas afeccións xornalísticas en periódicos da cidade con colaboracións, en medios como El Pensamiento Gallego.
En 1893 regresa a Madrid, onde traballa na Dirección Xeral dos Rexistros e o Notariado, no Ministerio de Agricultura, en Fomento, nos Ferrocarrís do Norte e nunha compañía de explosivos, que o levou a viaxar por toda España. Nunha das súas paradas, en Valencia, casa con Dona Elvira Consuelo Sanz.
Como non perdera a súa afición xornalística, comezou a traballar como gaceteiro, que daquela era o primeiro chanzo para ser xornalista; fixo Tribunais, crítica teatral, de toros (co pseudónimo de Don Pío), escribiu crónicas, reportaxes, entrevistas, etc...
Como xornalista traballou en numerosos periódicos : El Mundo, El Correo, El Diario Universal, La Tribuna, El Heraldo, El Liberal, La Libertad, El Debate, La Mañana y El Globo, entre outros.
O intenso labor xornalístico de Pérez Lugín, que alterna coa súa actividade xurídica, está recompilada en tres volumes de temática taurina e dous tomos de Notas de un reporter.
En 1915 ve a luz por primeira vez en Madrid A casa da Troia, novela romántico-costumista na que lembra a súa vida de estudiante.
En 1917 publica Currito de la Cruz, novela de ambiente andaluz, na que nos amosa os seus coñecementos do mundo taurino.
Lugín fina o 5 de setembro de 1926, en O Burgo (A Coruña). O alcalde de A Coruña, Manuel Casás, presidiu o enterro do seu amigo, fillo adoptivo das cidades de A Coruña e Sevilla, e premiado pola Real Academia Española.
Varias obras de Pérez Lugín foron publicadas tralo seu pasamento. Entre elas, Arminda Moscoso, novela situada en Galicia e publicada en Madrid en 1928, ordenada e rematada polo seu amigo Alfredo García Ramos; e A Corredoira e a rúa, colección de contos rurais na que se caracteriza a vida do campo en Galicia, tamén publicada por García Ramos. Así mesmo, Pérez Lugín deixara sen rematar unha novela de ambiente andaluz, A Virxe do Rocío vai a Triana, que, ó parecer, non foi publicada ata a aparición das súas obras completas en 1945.