Santiago, no derradeiro cuarto do século XIX, seguía sendo unha cidade estancada economicamente, onde a clase social acomodada vivía de rendas, e non se vían os cambios cara o progreso que se observaban en Europa.
A estructura da sociedade compostelá respondía ó modelo de sociedade tradicional e preindustrial.
As clases altas estaban formadas polos nobres rendistas, o alto clero e a burguesía dos negocios. O tipo de vida de estes (a excepción do alto clero) era ostentoso; exhibíanse no "Casino", no teatro e nos paseos. No "Salón Amarelo do Casino" dábanse cita durante a Candelaria, os Carnavais, a Pascua, a Ascensión, as festas do Apóstolo... Os paseos considerábanse un acto social, destacando entre todos eles o da Alameda e os da Rúa do Vilar, Polo pasillo central da Alameda circulaba a clase alta, polos laterais, a clase artesán e o pobo en xeral, e polo superior, o clero, persoas maiores e viúvas. Proba do alto significado social que tiña o paseo é o feito de que as señoritas podíanse presentar en sociedade nos paseos de Semana Santa, lucindo mantilla española. Naturalmente, os estudiantes podían pasear por onde quixeran. Estar aboado a un palco do Teatro Principal era tamén un signo de distinción.
Era costume que as clases altas permaneceran na cidade ata as festas do Apóstolo. Pasadas estas, marchaban ós seus lugares de veraneo, normalmente ó campo. O feito de non facelo desprestixiaba.
As clases medias integrábanas os individuos de profesións liberais, os industriais e comerciantes medianos, os artesáns acomodados, o clero parroquial e algúns grandes propietarios agrícolas. Estes trataban de imitar, na medida do posible, as formas de comportamento social da elite. Concorrían ó "Círculo Mercantil" e ó "Recreo Artístico e Industrial". Moitos dos seus membros eran clientes asiduos dos cafés, como "El Suizo", "El Siglo", "El Regional" e "El Español".
Os estratos inferiores formábanos os campesiños, os artesáns, pequenos comerciantes, asalariados, etc.
O pobo tiña as súas propias formas de diversión. Disfrutaban cos Carnavais e cas festas de Pascua, o Corpus, a Ascensión e o Apóstolo..., pero tamén coas festas dos barrios, como San Antonio de Padua en Belvís, San Pedro, San Xoán da Rúa de San Pedro, as do Sar e o baile de san Xoán en Vista Alegre.
Os mendigos chegaron a ser un problema na cidade; o Asilo Municipal, o Hospicio e a Cociña Económica foron institucións nacidas para amparalos.
Existían en Santiago un grande número de fondas, restaurantes e cafés. Foron fondas moi coñecidas "La Suiza", na Conga, coa súa sucursal na Rúa de Cardeal Paiá; "Rapariz", tamén en Cardeal Paiá; "La Vizcaína", na Senra; e o Parador da "Ferrocarrilana", na Rúa da Orfas.
Entre os cafés destacaron "El Español", nas Orfas, "El Siglo", na Rúa do Vilar, e "El Suizo", na Rúa Nova. En eles celebrábanse frecuentes veladas literarias, musicais, etc. E entre os restaurantes máis famosos atopábanse a Fonda "La Suiza" coa súa sucursal, e a do Señor Blanca na Rúa do Vilar. A todos estes establecementos de hostalería sumábanselle corenta tabernas e vinte bodegóns, ó longo e ancho de toda a cidade.
O sector do transporte formábano case exclusivamente os servicios de dilixencias. No derradeiro cuarto do século XIX unha dilixencia tardaba seis horas en realizalo viaxe de A Coruña a Santiago, e doce horas dende Ourense. Empresas propietarias de dilixencias foron "El Vuelo", "El Elegante", "La Unión", "El Noroeste", "La Veterinaria" e "La Ferrocarrilana"; esta última cítase ó principio da novela A casa da Troia. Pero en setembro de 1873 ten lugar un feito importante para a cidade: a inauguración da primeira liña de ferrocarril en Galicia, cubrindo o tramo de Santiago a Carril.
Especial mención merece tamén a Real Sociedade Económica de Amigos do País, que deu mostras de gran vitalidade no derradeiro cuarto do século XIX, crecendo o seu número de socios de forma constante; desenvolveu unha importante actividade docente, debuxo, francés, inglés, comercio... Estivo involucrada na construcción do ferrocarril, a fundación da Caixa de Aforros e o Monte de Piedade, promoción do cultivo do verme de seda, e o establecemento na cidade das Escolas de Veterinaria e Artes e Oficios.
Santiago era unha das cidades galegas onde máis prensa se lía, e existía un sector que estaba ó corrente tanto de política como de cuestións científicas. Nos anos 80, contabilizábanse en Santiago máis de 30 periódicos, entre os que destacaban El Pensamiento Galaico, Galicia Ilustrada, La Región Gallega, El Ciclón, El Siglo Futuro, La Gaceta de Galicia y Café con gotas. Neste último comezou a súa carreira de escritor Ramón María del Valle-Inclán.
En febreiro de 1880 nace a Caixa de Aforros-Monte de Piedade de Santiago, baixo os auspicios da Real Sociedade Económica de Amigos do Pais. A institución estaba dividida en dúas seccións: a da Caixa de Aforros, dedicada a "custodiar a facer productivos as pequenas entregas dos impoñentes", e a do Monte de Piedade, "para facer préstamos a módico interés sobre prendas a persoas necesitadas".
En 1886 abre as súas portas a Sucursal do Banco de España en Santiago, satisfacendo a necesidade que o comercio compostelán tiña de un banco de crédito. O comercio compostelán da época atopábase orientado na súa meirande parte ó consumo local e comarcal. Só algúns comerciantes, como Simeón García, desenvolvían a súa actividade a escala rexional, nacional e incluso internacional. Os coiros e a industria do estaño constituían a principal contribución ó mercado nacional e exterior, vendéndose os primeiros sobre todo a Andalucía. Tamén os productos de xoiería enviábanse ó resto do territorio nacional. Nembargantes, a maioría dos comercios existentes estaban destinados a satisfacer as necesidades primarias, como a alimentación e o vestido. O desenrolo de este pequeno e mediano comercio víase favorecido por unha serie de factores como a celebración de mercados tódolos xoves do ano, as feiras dos días da Ascensión e o Apóstolo, a Universidade e o feito de ser capital eclesiástica de Galicia, entre outros.
Outro feito que marcaría definitivamente a historia compostelán foi o sucedido a noite do 28 a 29 de xaneiro de 1879, na que o historiador, sacerdote e novelista Antonio López Ferreiro redescubre os restos do Apóstolo Santiago na Catedral, comezando aquí o lento rexurdir das peregrinacións a Compostela.
No derradeiro cuarto do século a cidade recibe a visita do Rei Alfonso XII en dúas ocasións, unha en 1877 e outra en 1881. Na súa primeira visita, por primeira vez na historia, un Rei fai a Ofrenda ó Apóstolo; tamén condecora ó rector Casares, entre outros. Ademais, a prensa fíxolle chegar ó monarca algúns problemas que preocupaban á cidade, e de un modo máis lírico, fíxoo tamén a tuna universitaria, pedíndolle o aumento de facultades e graos.
En 1860 existían en Santiago seis comunidades de monxas (Benitas, Clarisas, Mercedarias Descalzas, da Compañía de María, Carmelitas Descalzas e Dominicas), e ningunha de relixiosos. Xa en 1888 aparecen na cidade os Franciscanos e os Xesuítas, as Fillas da Caridade, as Servas de María e as Irmás dos Anciáns Desamparados. O antigo Mosteiro de San Martiño Pinario foi a partir de 1868 Seminario Conciliar.
A causa da gran inestabilidade política da época, Santiago de Compostela viviu sen beneficiarse do desenrolo económico que demandaba unha sociedade que chegou a finais do século XIX sen grandes cambios.