Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  Casa da Troia  »  A Universidade

A Universidade

A Universidade de Santiago de Compostela no último cuarto do século XIX é herdeira da Reforma Pidal de 1845 e do Plan Moyano de 1857. A primeira reforma levou á centralización e á uniformidade de libros de texto e programas; o Plan Moyano creou a Facultade de Ciencias e a de Farmacia, conseguindo que os estiudos científicos deixaran de ter un carácter simplemente preparatorio.

Coa chegada do Ministro Orovio suprímense as facultades de Teoloxía, Cánones, Filosofía e Letras, e Ciencias, mediante o decreto do 19 de xullo de 1867. Coa revolución de 1868 deixáronse sen efecto as disposicións de supresión das Facultades e devolveuse o doutorado ás Universidades de provincia. Mediante o decreto de "Libre Ensinanza" de 1869 autorizouse ás Deputacións Provinciais e ós Concellos a fundar libremente toda clase de centros de ensinanza, sosténdoos con fondos propios.

En 1875 a restauración monárquica repuxo a Orovio ó fronte do Ministerio de Fomento e suprimiu as competencias de Concellos e Deputacións na ensinanza. Esto supón que na Universidade de Santiago só quedan as facultades de Dereito, Medicina e Farmacia; a Facultade de Ciencias verase de novo reducida ó preparatorio da de Medicina, con tres materias: Ampliación de Física, Química Xeral e Historia Natural.

A ruína financeira do Estado e a inestabilidade política da época deron lugar a unha Universidade con grandes carencias económicas; e aínda que contaba cunha boa infraestructura, nobres edificios e unha gran biblioteca, non dispuxo en numerosas ocasións dos recursos necesarios para facer fronte ó seu mantemento.

Ó longo do século XIX, pero de xeito máis acentuado na súa segunda metade, a Universidade de Santiago intenta desfacerse do lastre que supón a influencia ideolóxica da Igrexa. Algúns dos discursos de inauguración dos cursos académicos resultan bastante significativos (Non hai verdadeira ciencia sen relixión, 1853-54; Alianza da ciencia e a relixión, 1863-64). A pesares de estas circunstancias, moitos profesores intentan cambia-lo establecido. É o caso do profesor Salvador Puga Torreiro, catedrático de Dereiro Político e Administrativo, que no curso 1870-71 defende o sufraxio universal. Ou o do profesor Augusto González Linares, titular de Historia Natural, que realiza unha conferencia en 1872 na Academia Escolar de Medicina, na que expuxo o darwinismo, teoría que debeu provocar unha ampla repercusión polo carácter novedoso das ideas evolucionistas de Darwin e pola polémica que suscitaban nesa época. Foi este profesor, xunto con Laureano Calderón Arana, profesor de Farmacia Químico-Orgánica, os que se alzaron contra o decreto do Ministro Orovio en 1875, sendo represaliados por negarse á imposición de textos oficialmente autorizados, que só aceptaban teorías acordes co dogma católico, na chamada "Segunda Cuestión Universitaria" .

Pese a todo, estes acontecementos non impediron que na Universidade de Santiago se fixeran estimables estudios científicos e existise un gran afán investigador e difusor.

Os gabinetes científicos foron os grandes precursores das futuras Facultades da Universidade. Entre outras aportacións, a viaxe do rector Juan José Viñas a París fai que desde 1845 a 1851 os gabinetes científicos se enriquecesen enormemente. Isto sería a base da investigación científica da Universidade da segunda metade do século XIX.

Especial mención merece a extraordinaria demostración que levou a cabo o profesor D. Antonio Casares Rodríguez, que por primeira vez en España, consegue producir luz eléctrica, utilizando o arco voltaico do Gabinete de Física. O acontecemento tivo lugar o 2 de abril de 1851, no Claustro da que hoxe é a Facultade de Xeografía e Historia, e nos tempos da Casa da Troia albergaba a Facultade de Dereito, onde estudiaba Gerardo Roquer.

  • Estudios de Ciencias
  • Estudios de Medicina
  • Estudios de Filosofía e Letras e Dereito