Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  A USC e o galego  »  O galego, lingua propia de Galicia

O galego, lingua propia de Galicia

Moitos dos que comezades a estudar na Universidade de Santiago de Compostela, a través de programas de mobilidade estudantil, facédelo porque queredes vivir e estudar fóra, para coñecer unha cultura diferente, atopar novos amigos e aprender outros idiomas. Vés ao lugar ideal: Galicia.

Chegades doutras comunidades autónomas, de Europa, de Latinoamérica e dalgúns outros países. Debes lembrar que Europa non é uniforme, e que a maioría dos seus países tamén agochan a riqueza da diversidade, territorios con características de seu que os fan únicos e exclusivos. Poder coñecer e vivir esas diferencias é un privilexio.

En España conviven diferentes culturas, costumes e linguas, e a Constitución mesmo recoñece a existencia de nacionalidades históricas (Cataluña, País Vasco, Galicia). A lingua oficial é o castelán, mais algunhas comunidades teñen as súas propias linguas, con moitos séculos de antigüidade, que tamén son oficiais: o vasco, no País Vasco e Navarra; o catalán, en Cataluña, Valencia e Baleares; e o galego, en Galicia, a onde agora chegas a estudar.

O galego é a lingua propia de Galicia. O galego naceu arredor do século IX d.C como consecuencia da evolución do latín na Gallaecia romana sobre unha base de diferentes falas celtas e paraceltas; posteriormente influíron as linguas dos diferentes pobos que se asentaron no territorio (suevos e visigodos e, en menor medida, árabes). Logo dun período de grande esplendor na época medieval, a lingua galega sufriu un proceso de substitución por parte do castelán que durou séculos e que se incrementou e agudizou coa ditadura franquista. Mais segue sendo a lingua de uso maioritario entre a poboación: fálaa habitualmente ou ás veces un 88% dos seus habitantes e enténdea un 94%.

Dende 1983, en que se aprobou a Lei de normalización lingüística, en Galicia avanzou o proceso de recuperación do galego, a cargo das administracións públicas e de moitas entidades e organismos do noso territorio, que pretenden potenciar e incrementar o emprego do galego na vida pública, na educación, na cultura, na economía, nos medios de comunicación...