Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  A USC e o galego  »  A USC e o galego

A USC e o galego

Os Estatutos da USC recoñecen no seu artigo 3 o galego como a lingua propia da Universidade, e recollen o compromiso da USC de promover, no marco das súas competencias, accións que contribúan á normalización e ao desenvolvemento da lingua galega. Tamén o castelán é lingua oficial.

Na USC o galego é vehículo de expresión habitual nos usos institucionais, informativos e administrativos: a meirande parte dos formularios, solicitudes, folletos e demais documentación que che fornezan estarán escritos na lingua propia da Universidade. Tamén os profesores, alumnos e persoal de administración e servizos (PAS) adoitan falar en galego... Na USC vas oír galego en ámbitos formais e informais.

O uso do galego na docencia rolda o 20%, aínda que varía moito duns centros a outros: nalgúns pode chegar a máis do 60%, como Ciencias da Información, e noutros non chegar ao 5%, como Dereito, Bioloxía... A lexislación establece que o alumnado e o profesorado teñen dereito a utilizaren calquera das dúas linguas oficiais, castelán ou galego. É posible que teñas profesores que  imparten as súas clases en galego, e a súa escolla debe ser respectada. E ti poderás falar nas clases, redactar traballos ou responder exames na lingua que prefiras, con independencia da do profesor.

É conveniente que te afagas ao galego, cando menos a comprendelo: non só porque existe a posibilidade de que recibas clases nesta lingua, senón porque é a lingua habitual de moitas outras institucións, de medios de comunicación (existen unha televisión e unha radio públicas que emiten só en galego, e outros medios emprégano en maior ou menor medida), etc. E sobre todo, porque é a lingua que falan moitos dos teus novos amigos, compañeiros, coñecidos, ou cidadáns e cidadás con que te relaciones.