Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  Historia da USC

Historia da USC

Con máis de cincocentos anos de existencia, a Universidade de Santiago de Compostela é unha institución con vocación de futuro e capacidade de proxección máis alá das súas fronteiras naturais, sempre atenta ás necesidades da sociedade na que constitúe un referente académico e na que desenvolve o seu labor docente e investigador. Séculos de historia que achegan o valor engadido da experiencia ao percorrer do camiño que a USC está a trazar na consecución dos seus retos presentes e futuros.

O primeiro xermolo da Universidade de Santiago está vinculado á acción persoal dun notario compostelán chamado Lope Gómez de Marzoa, quen crea en 1495, co apoio do abade de San Martiño Pinario, unha escola para pobres que foi coñecida como Estudo de Gramática e que se instalou nunhas dependencias do mosteiro de San Paio de Antealtares. Dende este momento ábrese un período de incerteza fundamentado na escaseza de recursos. No ano 1504, accede a esta institución educativa a familia Diego de Muros. Este relixioso consegue que o Papa Xulio II conceda unha bula que permite a realización de estudos superiores no Estudo Vello ou de Gramática.

O período no que a Universidade acada o seu desenvolvemento definitivo vén definido pola figura de Alonso III de Fonseca, nomeado arcebispo de Santiago en 1507, que herdou o título do seu pai Fonseca II. Alonso de Fonseca está considerado como unha persoa extremadamente culta, un home do Renacemento, mecenas de numerosos artistas e sabios do momento, que mantén contacto con asiduidade con pensadores como Erasmo de Rotterdam.

Desta época data a compra para a Universidade do antigo Hospital de Peregrinos co obxecto de transformalo no colexio universitario. Constrúese o de Santiago Alfeo, hoxe denominado como Colexio de Fonseca, epicentro da vida universitaria ata a segunda metade do século XVIII. A finais do século XVI e comezos do XVII créanse o colexio de San Patricio ou dos Irlandeses e o de San Clemente, e a mediados de século trasládase o de San Xerome á súa actual localización.

Estes colexios, de xeito distinto ao que sucede hoxe, aglutinaban todos os estudos nun mesmo edificio, onde tamén residían en réxime de internado. Naquela época a oferta formativa estaba configurada pola teoloxía, a gramática e as artes, disciplinas que logo se completarían co estudo das Leis e a Medicina, con atención case exclusiva, no caso das Leis, ao dereito eclesiástico, e preocupados pola saúde da alma máis ca polo coidado do corpo, no caso de Medicina.

O século XVIII trae unha transformación profunda á Universidade de Santiago de Compostela, de xeito que se completa o proceso de secularización da institución a afastarse do control eclesiástico. A dinámica centralizadora á que se ven sometidas as institucións nesta época contribúe a que a Universidade perda certa autonomía. Foi daquela cando Carlos III concede a condición de "rexia" á USC, engadindo ao seu distintivo a coroa real que, sobre as armas de Castela, León e Galicia, e xunto aos emblemas heráldicos dos seus fundadores máis destacados, intégrase no escudo.

Tras a expulsión dos xesuítas ordenada por Carlos III, este concédelle á Universidade os terreos e edificios que esta orde relixiosa posuía en Santiago, constituíndo o centro da nova universidade ilustrada. De inmediato realízase un novo plan de estudos, recupéranse disciplinas cedidas a certas congregacións relixiosas, créanse graos académicos e introdúcense novas ensinanzas prácticas e científicas, como Física Experimental ou Química.

A chegada do século XX trae á Universidade de Santiago unha nova xeración de intelectuais, futuros protagonistas de boa parte do rexurdir cultural de Galicia naquela época. Paralelamente as distintas correntes do pensamento nos diferentes campos científicos atopan na USC acollida e impulso, o que propicia o achegamento á USC de figuras senlleiras nos distintos ámbitos da ciencia. Neste período a USC experimenta un significativo aumento do seu número de alumnos así como das carreiras ofertadas, coa conseguinte dotación de infraestruturas. Deste xeito remátanse a ampliación do edificio da Universidade, a actual Facultade de Xeografía e Historia, constrúese ademais o Colexio de Veterinaria (actual Parlamento de Galicia), o Colexio de Xordomudos (sede da Xunta de Galicia) e a Facultade de Medicina. Outro gran proxecto foi a Residencia Universitaria, acometido na década de 1930. En definitiva, trátase dun período de expansión no que melloran os equipamentos e se rexionalizan os estudos, na procura de adaptarse mellor á realidade galega.

Outra característica que trouxo o século XX foi o inicio de relacións con institucións de ensino universitario estranxeiras, nun primeiro momento fundamentalmente portuguesas, así como o acceso da muller ás aulas (curso 1913-1914). Ademais increméntase de xeito notable o volume de libros da institución, con novas e destacadas doazóns, como a da Biblioteca América.

Nesta progresión o levantamento militar contra o goberno da república e o estoupido da guerra civil déronlle un novo senso o camiño que estaba trazando a universidade compostelá. Os golpistas dominaron a cidade, depuraron a universidade impoñendo un novo reitor e normas como as de rezar antes e despois de cada clase. Xustamente, a oposición antifranquista en Santiago proviña dos intelectuais e dos estudantes e non dos movementos obreiros, tal e como sucedeu na Coruña, Vigo ou Ferrol, por citar algúns exemplos.

Xa nas últimas décadas, xa segregadas as universidades da Coruña e Vigo, a USC seguiu medrando ata chegar a contar a finais dos anos 90 con máis de 45.000 estudantes. Na actualidade entre os dous campus, de Santiago e Lugo, os universitarios dispoñen de preto de 30 centros, cerca de oitenta departamentos e máis de sesenta titulacións, ademais de numerosas instalacións como os institutos de investigación, residencias universitarias, instalacións deportivas ou culturais, bibliotecas, etc. En fin, despois de máis de cinco séculos, a Universidade de Santiago de Compostela segue mirando con decisión cara ao futuro, respectando o seu pasado, pero promovendo cada día novas iniciativas, poñendo o coñecemento e o seu liderado ao servizo da sociedade á que se debe.