Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  Manual de Imaxe Corporativa e Identidade Visual  »  Carácter vinculante

Carácter vinculante

Este Manual de Imaxe Corporativa e Identidade Visual é a guía na cal se deben basear todas aquelas persoas que interveñen no proceso de realización de calquera deseño relacionado coa imaxe da USC.

O bo uso deste Manual esixe o compromiso de todos os membros da comunidade universitaria co fin de garantir o correcto emprego dos signos gráficos, cores e tipografías, así como do material de papelaría, promoción, sinalización, etc.

O presente Manual debe ser respectado por toda persoa ou entidade, tamén as alleas á USC, con responsabilidade na difusión da identidade da USC, e moi especialmente as empresas de deseño, os medios de comunicación, as imprentas, as empresas de rotulación, etc. O Manual estará dispoñible para todos os implicados nestes procesos, de xeito que poidan comprobar que os elementos identificativos da USC se axustan á normativa.

Do carácter vinculante deste manual quedan excluídos os exemplos dos apartados:

  • Publicidade en prensa. Campañas publicitarias
  • Identidade visual. Publicacións e documentación

A política de identidade visual da USC é contraria á proliferación de logotipos, xa que poden menoscabar a identidade básica da USC. En principio os membros do persoal, órganos, cargos, unidades e servizos pertencentes ou vinculados á USC non poderán facer uso de logotipos específicos diferentes das versións de usos xerais e de alta representación previstas no Manual. Excepcionalmente o reitor, ou, no seu caso, quen teña delegadas as competencias en materia de comunicación, poderá autorizar logotipos específicos cando as circunstancias así o aconsellen.

Os casos non previstos no presente Manual, ou aqueles que causen dificultades ou dúbidas de aplicación, deberán ser consultados ao persoal da Area de Información e Comunicación encargado dos asuntos relativos á imaxe corporativa da USC, e en última instancia ao responsable da dita Area.

Queda prohibida a produción de todo tipo de papelaría, impresos oficiais, sinalización, matehal de promoción, etc. que, incluíndo a identidade corporativa da Universidade, non se axuste aos criterios establecidos neste Manual. A USC poderá tomar medidas contra as persoas, entidades ou empresas que non respecten as instrucións deste Manual.

As entidades con personalidade xurídica diferenciada da USC, aínda que estean participadas por ela, non poderán utilizar o logotipo da USC como identificativo delas; poderán neste caso utilizar para tales efectos logotipos propios.

Usos incorrectos

Usos incorrectos