Conciliación da vida laboral e familiar

A defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na USC contribúe tamén ao fomento da conciliación da vida laboral e familiar, na medida en que unha distribución máis igualitaria dos roles masculino e feminino en ambos ámbitos facilita que homes e mulleres podan compatibilizar a súa proxección profesional coas súas responsabilidades persoais e familiares.
Para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, a USC ten impulsado diversas iniciativas:
- Programa Verán CampUSC, iniciado no ano 2009 como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos de idade que permite conciliar a vida laboral e familiar no período de vacacións escolares. A iniciativa diríxese a toda a cidadanía de Santiago e arredores, pero contempla condicións especiais para os que sexan fillos e fillas do persoal e estudantado da USC, de asistentes a congresos e cursos de verán da institución e do persoal da Fundación USC Deportiva. En Lugo, os membros da comunidade universitaria benefícianse de descontos oficiais no campamento urbano polideportivo ‘ Lumieira CUP 11’ para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, grazas á colaboración coa asociación A.D.C. Lumieira Lugo.
- No ano 2009 a USC asinou un convenio coa empresa Alares (Expertos en Asistencia Familiar) para comercializar en condicións preferentes a Tarxeta Alares® Trabajo-Familia para a conciliación da vida laboral e familiar do seu persoal, que da acceso a un conxunto de servizos como axuda persoal a domicilio, teleasistencia fixa e móbil, consultas telefónicas a médicos, avogados, etc., ou xestión de reparacións no fogar.
- Escola Infantil Breogán. Esta escola conta con profesionais con cualificación e experiencia específica en constante formación, e oferta cada curso o maior número de prazas posibles segundo as condicións do centro, cumprindo sempre a lexislación vixente para este tipo de servizos. Conta coa certificación de calidade do seu Sistema de Xestión, Seguridade e Saúde no Traballo conforme á norma OHSAS 18001:2007, sendo a única escola infantil universitaria en España que a posúe, o que da conta da aposta decidida por establecer procedementos de mellora constante da calidade do servizo.
- No ano 2011 a USC comezou a convocar axudas para a escolarización de nenos e nenas menores de 3 anos fillos/as de membros/as da comunidade universitaria do campus de Lugo en escolas infantís da cidade non sostidas con fondos públicos.