
A USC recoñece nos seus estatutos o dereito do seu persoal á formación continua, coa finalidade de garantir unha constante mellora da súa capacidade docente, investigadora e de administración e xestión. Recoñece tamén como obriga a permanente actualización no posto de traballo que desempeñe, para o que contará coas accións formativas que a universidade deseñe.
Así, a USC ten establecido un Programa de Formación e Innovación Docente para o PDI e un Programa de Accións Formativas para o PAS, co obxectivo de promover o seu desenvolvemento profesional, mellorando as súas competencias para desempeñar satisfactoriamente o seu traballo e facilitando a adquisición de novas competencias. Pódese consultar o informe 2012 sobre evolución da oferta, participación e satisfacción do PAS e o PDI nos seus correspondentes programas de formación.
O Programa de Formación e Innovación Docente está enfocado á mellora do proceso de ensino-aprendizaxe no marco da posta en marcha do EEES. O programa ten definidos, entre outros, os seguintes obxectivos: asegurar o perfeccionamento profesional do profesorado, informar á comunidade universitaria sobre os cambios que implica a integración no EEES, adaptar as metodoloxías docentes e os obxectivos formativos ao mesmo, e orientar, coordinar e promover a formación pedagóxica inicial e permanente do profesorado, apoiando a actualización e a renovación metodolóxica. O programa está estruturado en diversas temáticas que poden organizarse, segundo a metodoloxía de traballo, en cursos, obradoiros e proxectos de innovación.
O PFID ofrece unha ampla variedade de cursos ao PDI e a investigadores en formación e bolseiros de investigación, en diversas temáticas relacionadas ca aplicación das TIC á docencia, a metodoloxía docente (estratexias de ensino-aprendizaxe, titoría e avaliación), o desenvolvemento profesional e outros ámbitos mais específicos propostos en colaboración con outros servizos da USC (Servizo de Normalización Lingüística, Oficina de Igualdade de Xénero, Oficina de Desenvolvemento Sostible, Servizo de Prevención de Riscos, etc.).
O Plan Xeral de Formación contempla, ademais, a posibilidade de expedición dun Diploma en Docencia Universitaria (DDU) para aqueles profesores que reúnan certos requisitos (100 horas de dedicación nun período máximo de tres cursos académicos, das que 70 deben realizarse dentro dun grupo cerrado e 30 son de libre configuración).
O PFID contempla tamén a convocatoria de axudas orientadas a profesores/as ou grupos de profesores/as que propoñan unha innovación no proceso de ensino-aprendizaxe, axudas para a creación de materiais dixitais que favorezan unha aprendizaxe activa e autónoma dos estudantes, e a formación de grupos de innovación docente nos que os profesores/as da USC que, organizados como unha entidade estable, desenvolvan accións dirixidas á formación, á innovación e á mellora continuada da docencia universitaria. Coa finalidade de avanzar e dotar dunha maior sistematización, consolidación e recoñecemento ás experiencias innovadoras na docencia a USC creou un rexistro de grupos de innovación docente.
O Programa de Accións Formativas para o PAS deséñase cada ano segundo as necesidades detectadas. Pódese consultar a memoria 2012 do programa.
Coa finalidade de proporcionar unha maior flexibilidade e facilitar a realización das accións formativas por parte de todas as persoas interesadas, as actividades dos programas de formación de PDI e PAS ofértanse nos dous campus, e nelas participan como relatores tanto persoal da USC coma profesionais externos especializados.