Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Xestión do capital humano  »  Selección e promoción, compensación e beneficios sociais

Selección e promoción, compensación e beneficios sociais

Ap6_5

 

A USC formaliza tamén o seu compromiso de responsabilidade social para co seu persoal mediante o deseño e implantación de políticas de recursos humanos que procuran garantir mecanismos de selección e promoción xustos e equitativos baseados na capacidade e os méritos, e articular instrumentos de compensación e distribución equitativa de beneficios sociais.

Os procesos selectivos e de promoción levados a cabo na USC son rigorosos e transparentes, e no caso do persoal laboral e contratado participa un representante do persoal. Segundo establecen os estatutos da USC, o PDI funcionario será seleccionado por medio de concursos de acceso que serán convocados polo reitor e nos que deberán quedar garantidos a publicidade, a igualdade de oportunidades entre os/as candidatos/as e o respecto aos principios de mérito e capacidade, e o proceso de selección deberá valorar a adecuación de cada candidato/a ás tarefas docentes e investigadoras propias da praza á que se concursa. A contratación do PDI laboral farase mediante concurso público, ao que se lle dará a necesaria publicidade, e a selección efectuarase igualmente con respecto aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. A xestión dos procesos de selección corre ao cargo do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador.

A selección do PAS realizarase logo da superación das correspondentes probas selectivas de acceso, a través dos sistemas de oposición, concurso-oposición ou concurso, garantíndose, en todo caso, o respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade e asegurando a conexión entre os requisitos e as probas que se deban superar e as necesidades a ser cubertas. Ademais, a USC asume o compromiso da estabilización do PAS tratando de integrar, dentro das posibilidades financeiras, as prazas asociadas á contratación consecutiva que sexan necesarias para os fins propios da universidade. O Servizo de Planificación e Programación de PAS configúrase como a unidade de apoio técnico á xerencia, para o desenvolvemento da política de persoal de administración e servizos da USC, centrándose a súa actividade fundamentalmente en tres aspectos: planificación dos cadros de persoal, provisión de postos e selección dos recursos humanos necesarios e a súa formación continúa.

O Servizo de xestión de persoal trata de xestionar e resolver as incidencias administrativas e económicas dos diferentes colectivos universitarios que forman parte do capital humano da USC, na realización das diferentes tarefas como persoal docente, investigador e de administración e servizos, ao longo da súa vida laboral dun xeito integral. A USC dispón tamén dun Portal do Empregado mediante o cal o persoal pode consultar en calquera momento o seu historial de nóminas, retribucións e retencións.

Na web da USC toda a información de interese para o persoal (oposicións, servizos, etc.), está organizada en dous bloques temáticos de contidos, un para o PAS e outro para o PDI.

A USC vela pola equidade e transparencia das compensacións e os beneficios sociais do seu persoal. O réxime retributivo do seu PDI funcionario, que ten carácter uniforme en todas as universidades, é o establecido pola lexislación xeral de funcionarios. A retribución do PDI contratado está regulada pola Comunidade Autónoma. Asemade, tanto o Goberno coma as Comunidades Autónomas poden establecer retribucións adicionais ligadas aos méritos docentes, investigadores e/ou de xestión.

Con respecto ao PAS funcionario, a Universidade é a que establece o seu réxime retributivo, dentro dos límites máximos que determina a Comunidade Autónoma e no marco das bases que dite o Estado. Para o resto do persoal laboral, o réxime retributivo baséase na lexislación laboral vixente e no convenio colectivo aplicable.

Na web da USC poden consultarse as táboas salariais do PDI e do PAS funcionario e laboral. Pode comprobarse que non existe discriminación salarial por razón de sexo, sendo idénticos os salarios de homes e mulleres para unha mesma categoría profesional, e que o salario correspondente ao nivel retributivo máis baixo da USC (PAS laboral grupo IV 2) máis que duplica o salario mínimo interprofesional en España.

A preocupación da USC polo seu persoal maniféstase tamén na ampla variedade de beneficios sociais que pon a súa disposición. Estes beneficios, que superan os establecidos pola lexislación, comprenden os anticipos reintegrables, as dotacións a plans de pensións, axudas financeiras por incapacidade ou para a formación, o servizo de gardería, etc. Ademais, o PAS conta con programas específicos coma o intercambio de vacacións ou unha póliza de seguro de vida.

Os anticipos reintegrables axudan ao persoal a solucionar problemas puntuais de liquidez. A USC ofrece a posibilidade de percibir anticipadamente ata dúas mensualidades a custo cero que son reintegradas de xeito progresivo antes do remate do ano natural.

A USC realiza tamén un notable esforzo para aumentar de xeito progresivo as dotacións realizadas cada ano ao plan de pensións.

E co obxectivo de promover a formación universitaria do persoal tanto activo coma xubilado e a dos seus fillos e fillas, a USC subvenciona os prezos públicos de matrícula en todos os centros universitarios dependentes das universidades públicas galegas e mesmo doutras comunidades no caso de títulos que non se impartan en Galicia.

No tocante aos beneficios específicos para o PAS, a USC leva máis de dúas décadas na Comisión de Intercambio de Vacacións PAS, que favorece o aproveitamento das instalacións das residencias universitarias que quedan baleiras nos meses de verán por parte do persoal PAS funcionario e contratado laboral e das súas familias, en quendas de sete noites.

Por outra banda, a USC ten contratada unha póliza de seguro de vida que permite facer fronte aos riscos de falecemento ou incapacidade permanente total do PAS, e negocia con diversas entidades financeiras a firma de convenios para ofrecer condicións especiais á comunidade universitaria.