Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Xestión social do coñemento  »  Xestión social do coñecemento a través da docencia

Xestión social do coñecemento a través da docencia

 

Ap8_1

 

A docencia é sen dúbida a principal razón de ser da universidade, entendida como a prestación dun servizo de formación integral ao alumnado en resposta ás demandas sociais e ás necesidades humanas. A USC está plenamente comprometida cunha docencia de calidade e asentada nos valores da sostibilidade e a responsabilidade social.

Tamén existe un claro compromiso coa mellora continua da oferta formativa, co obxectivo de servir mellor ás necesidades do alumnado, dos empregadores e da sociedade, potenciando os estudos de carácter profesional (posgrao e formación continua) e traballando para favorecer a inserción laboral dos nosos titulados/as. Isto require, ademais, traballar para mellorar o rendemento académico dos/as estudantes e recoñecer e valorar o esforzo daqueles que acadan os mellores resultados.

Por outra banda, na USC somos conscientes de que, nunha sociedade global, debemos fomentar a proxección internacional da nosa actividade. A implicación do noso alumnado nos programas de mobilidade e intercambio con outras institucións españolas e estranxeiras é importante neste proceso de internacionalización.

Pero ademais, os dereitos e obrigas dos nosos estudantes deben ser axeitadamente facilitados coa nosa xestión, ofrecéndolles apoio académico e económico.

Un fito reseñable é a publicación do Estatuto do Estudante Universitario, aprobado mediante o Real Decreto 1791/2010 de 30 de decembro. Moitas das actuacións que a USC ven desenvolvendo desde fai anos contemplan xa algunhas das cuestión abordadas neste novo estatuto.

Nun esforzo por mellorar a información a disposición do alumnado, a finais de 2011 a USC publicou unha guía práctica para o estudantado en materia de permanencia, avaliación do rendemento académico e plans de estudo a extinguir, temas abordados dun xeito eminentemente práctico e adaptado a cuestións concretas organizadas en 69 preguntas e respostas.

A web da USC ofrece ampla información para os/as estudantes actuais, potenciais e egresados e internacionais, organizada en diferentes seccións:

A Oficina de Información Universitaria é o servizo que a USC pon a disposición da comunidade universitaria e das persoas alleas á mesma, coa finalidade de canalizar e dar resposta ás demandas informativas sobre a súa organización, funcionamento e actividades. Con carácter xeral, informa sobre trámites e xestións dos procedementos académicos e de extensión universitaria e colabora na súa difusión, tanto no contorno máis inmediato coma organizando ou participando en feiras e eventos de carácter educativo.

Pódese atopar tamén na web información detallada sobre os prezos de matrícula e outros servizos na USC.

O Servizo de Xestión Académica, pola súa banda, ten como misión a realización das tarefas relacionadas con todos os procedementos administrativos derivados do estudo na USC, para alumnos/as e outros/as usuarios/as.