Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Xestión social do coñemento  »  Xestión social do coñecemento a través da investigación e transferencia

Xestión social do coñecemento a través da investigación e transferencia

 

A investigación, a transferencia de coñecemento e a formación de investigadores/as son funcións esenciais da universidade. Estas funcións desenvólvense de xeito paralelo ás tarefas docentes que incorporan os novos coñecementos e os desenvolvementos científicos garantindo a resposta ás necesidades e esixencias da sociedade.

A USC considera inherente á súa misión o fortalecemento da investigación básica, piar do desenvolvemento no longo prazo, e a promoción entre as empresas da cultura da innovación tecnolóxica, buscando que o esforzo en investigación aplicada sexa rendible no sector produtivo. Ademais, segundo se recolle no seu Código Ético, a USC asume como unha tarefa a dinamización socioeconómica, apoiando as iniciativas emprendedoras e implicándose cos axentes económicos e sociais.

Na USC continuamos a entender a investigación como un dos elementos máis dinamizadores da universidade. A USC atribúe á función investigadora o dobre papel de:

  • Factor de crecemento, como captador e mantedor dos recursos materiais e humanos necesarios para a investigación.
  • Factor de competencia institucional, a través do seu posicionamento no mapa nacional e internacional, a súa proxección social e económica e a súas accións de articulación docencia-investigación-sociedade.

A Vicerreitoría de Investigación e Innovación, a través da súa web, cataliza a difusión da información máis relevante relacionada cos recursos e servizos para a investigación na USC. Estes organízanse en torno a tres áreas de actuación: a Área de Xestión de I+D+i, a Área de Recursos de Apoio á Investigación e Proxección Exterior e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento.

Ademais, anualmente se elaboran as memorias de I+D+i+E da USC, nas que se renden contas sobre o financiamento obtido e os proxectos desenvolvidos en convocatorias competitivas e contratos con empresas e institucións, os resultados acadados (publicacións, patentes, licencias), os programas de recursos humanos para investigación, etc.

Destaca particularmente a orientación da investigación na USC ao desenvolvemento sostible, tanto nos diversos grupos de investigación que traballan nesta temática, coma desde a Oficina de Desenvolvemento Sostible.

Por outra banda, a actividade desenvolvida baixo os proxectos Campus Vida e Campus do Mar segue a contribuír á consolidación da USC como referente académico e investigador no Sistema Universitario Español, e líder en políticas de innovación e transferencia de coñecemento.

Ano tras ano, a USC presenta un balance da súa actividade investigadora e dos seus resultados en transferencia e valorización do coñecemento que confirman a súa posición líder nas áreas científica e tecnolóxica no contexto autonómico, así como unha posición equiparable á das institucións científicas de referencia nacional.