En relación coa xestión ambiental, a ODS promove iniciativas para a introdución de criterios de sostibilidade nos pregos de cláusulas técnicas dos contratos de servizos da USC.
Anualmente realízase un estudo de impacto ambiental da USC, que ten coma principal indicador a pegada ecolóxica, que serve para avaliar os custes ambientais dun determinado modelo de vida, medindo a superficie produtiva necesaria para producir os recursos empregados pola USC e asimilar os seus residuos. Desde a ODS deseñouse unha metodoloxía específica para adaptar o seu cálculo ás actividades propias do día a día universitario. Para o cálculo da pegada ecolóxica é necesario coñecer a capacidade de fixación de CO2 para o bosque galego. A fixación media de carbono para un terreo medio forestal galego, estímase en 6,27 tonCO2/ha/ano (Merino, A.; 2005[1]). Mais recentemente, unha tese lida na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC actualizou este dato a 4,33 tonCO2/ha/ano (Herva, M.; 2011[2]).
Tamén tense empregado a ferramenta AISHE (Ferramenta para a Avaliación da Sostibilidade na Educación Superior) para a avaliación da sostibilidade dalgúns centros da USC. A través desta ferramenta analízanse cualitativamente un total de 30 criterios nas áreas de funcionalidade, investigación, xestión e relación con entidades externas, de modo que se pode obter unha completa panorámica da situación actual e, ao mesmo tempo, elaborar escenarios futuros cara aos que encamiñar as políticas e tarefas concretas de mellora e desenvolvemento da sostibilidade. A aplicación do sistema AISHE (que xa vai pola súa versión 2.0, logo das melloras aplicadas á ferramenta orixinal) nun centro permite incrementar a conciencia e implicación de toda a comunidade en prol da sostibilidade, así como avanzar no deseño de actuación encamiñadas ao desenvolvemento sostible. Ao mesmo tempo, realízase unha reflexión sobre os obxectivos desexables para o centro e que faciliten o desenvolvemento de políticas e actuacións sostibles a curto e medio prazo. A Oficina de Desenvolvemento Sostible promoveu a aplicación da ferramenta AISHE na Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, e ten prevista a súa implantación noutros edificios universitarios, como a ETSE ou o Colexio Maior Fonseca, en Santiago.