Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Ecoloxía Interna  »  Mobilidade sostible

Mobilidade sostible

Ap7_b

 

No eido da mobilidade sostible, a ODS desenvolve desde fai anos o programa de préstamo de bicicletas, moi ben acollido pola comunidade universitaria. Está dirixido a toda a comunidade universitaria da USC (estudantes, PDI e PAS), ofrecendo aos participantes a dotación dunha bicicleta e dous cadeados e asesoramento técnico durante o tempo de vixencia do programa. Na enquisa de satisfacción dos usuarios do programa estes valoran como positivo o uso da bicicleta en relación á saúde do usuario, da calidade de vida urbana e de rapidez de desprazamento. Pola contra, consideran máis negativo o seu uso en relación á seguridade, a meteoroloxía e o tráfico urbano. Cómpre salientar que a percepción dos puntos máis negativos refírese a condicións externas ao programa, relacionada coa xestión do tráfico urbano nas cidades de Santiago de Compostela e Lugo, que carecen ambas as dúas de infraestruturas para facilitar o desprazamento en bicicleta (carrís-bici, aparcamentos…).

No “Estudo de hábitos de mobilidade na USC”, desenvolvido pola ODS desde o 2007, amósanse as preferencias dos membros da comunidade universitaria á hora de realizar os desprazamentos ao seu lugar de estudo e/ou traballo. O principal obxectivo deste estudo é ter datos reais sobre as pautas de desprazamento de estudantes, PDI e PAS, para, desta forma, poder deseñar de forma máis eficiente as campañas de promoción da mobilidade sostible nos campus universitarios. No informe do ano 2011 modificáronse algunhas das preguntas do estudo e os participantes soamente tiñan a opción de elixir un medio de transporte por desprazamento (no que maior distancia realizaban).

Outra acción desenvolvida no ámbito da mobilidade sostible é o programa Comparte Coche na USC, que ten coma obxectivo principal fomentar o uso compartido dos vehículos particulares en traxectos longos e frecuentes, reducindo o número de desprazamentos en automóbil e a intensidade do tráfico Esta sistema baséase no emprego dunha plataforma web que permite establecer contacto aos membros da comunidade universitaria que desexan compartir coche. Nesta páxina web pódese atopar información relativa aos desprazamentos e horarios demandados ou ofertados polo persoal da USC.