
No tocante á xestión de residuos, cómpre salientar o traballo de sensibilización realizado desde a ODS para concienciar aos membros da comunidade universitaria da necesidade dunha correcta xestión dos residuos que se xeran nas dependencias universitarias. Mediante información e a realización de campañas de sensibilización, preténdese crear o hábito da recollida selectiva do lixo nos edificios universitarios.
Nos centros docentes e edificios administrativos xéranse, principalmente, residuos non perigosos. Para facilitar a súa separación selectiva, promóvese a creación de puntos limpos onde tanto estudantes coma PDI e PAS poden depositar estes residuos en colectores específicos, ofrecéndose información sobre a correcta separación selectiva, que vai aumentando ano tras ano. Desde a ODS dótase anualmente aos edificios universitarios da infraestrutura necesaria para o mantemento destes puntos limpos.
Ademais, no exterior dos edificios universitarios atópanse colectores de residuos proporcionados polos concellos de Santiago de Compostela e Lugo (ver localización e inventario). Todos os anos revísanse o número e localización de colectores para a separación selectiva de residuos non perigosos, identificándose novas necesidades coas que se traslada unha petición formal aos concellos. En colaboración cos concellos de Santiago de Compostela e Lugo, xestiónase a dotación de colectores externos e compártense os datos para estimar a cantidade de xeración de residuos sólidos urbanos da USC.
Por outra banda, a Unidade de Xestión de Residuos Perigosos (dependente do Servizo de Prevención de Riscos) é a encargada de xestionar os residuos tóxicos e perigosos que se xeran nos centros e laboratorios de investigación. Os Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) e outro tipos de residuos, son xestionados por xestores autorizados contratados pola USC.