Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Bo goberno e transparencia  »  Estrutura de goberno

Estrutura de goberno

Ap5_1

 

Como se amosa nas seguintes táboas, a estrutura de goberno da USC xira en torno á existencia de tres órganos xerais colexiados e diversos órganos xerais unipersoais.

 

ÓRGANOS XERAIS COLEXIADOS
Consello Social O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega na universidade que contribúe ao desenvolvemento xeral do noso contorno, a procurar unha boa calidade do ensino na nosa universidade e a asegurar a suficiencia económica e financeira da institución. A súa composición e funcións veñen dadas pola normativa da Comunidade Autónoma.
Claustro Máximo órgano representativo da comunidade universitaria. Entre outras funcións correspóndelle a elaboración dos Estatutos, a remoción do/a reitor/a, a elección dos membros do Consello de Goberno, a elección do/a Valedor/a da Comunidade Universitaria, a recepción de información acerca do funcionamento e obxectivos da universidade, o control da xestión dos órganos de goberno da universidade, a deliberación sobre o informe anual do reitor, a aprobación das liñas xerais da programación plurianual e dos presupostos,…
Consello de Goberno Órgano ordinario de goberno da universidade no que están representados membros de todos os sectores da comunidade universitaria e do Consello Social. As súas funcións abranguen a proposta ao Consello Social do proxecto de programación plurianual, a aprobación dos plans de estudo, a aprobación e a modificación das relacións de postos de traballo do Persoal Docente e Investigador e de Administración e Servizos da universidade, o exame e aceptación da memoria económica, ou a aprobación dos convenios de colaboración con outras universidades ou entidades públicas ou privadas.
Os membros elixidos dos órganos colexiados serano por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto dos seus respectivos colexios electorais (artigo 73: 1 Estatutos USC).
ÓRGANOS XERAIS UNIPERSOAIS
Reitor/a Máxima autoridade académica e de representación da universidade que exerce a dirección, goberno e xestión da universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polo órganos colexiados correspondentes e executa os seus acordos. Será elixido/a pola comunidade universitaria, mediante elección directa e sufraxio universal libre e secreto, entre funcionarios do corpo de catedráticos de universidade en activo que presten servizos nesta.
Vicerreitores/as Nomeados/as polo/a reitor/a entre o profesorado doutor que preste servizos na universidade. Correspóndelles coordinar e dirixir as actividades no ámbito de competencia que o/a reitor/a lles delegue.
Secretario/a Xeral Nomeado/a entre os funcionarios públicos do grupo A que presten servizos na USC, dará fe dos actos e acordos dos órganos xerais de representación e goberno da universidade así como da custodia das actas de cualificación dos/as estudantes, a conservación do Arquivo Universitario e a custodia do selo oficial da universidade.
Xerente/a Nomeado/a polo/a reitor/a entre os/as titulados/as superiores de recoñecida competencia no ámbito da xestión. Exercerá a xestión dos servizos administrativos e económicos da universidade coordinando a administración dos demais servizos da universidade, para facilitar o seu correcto funcionamento.
Vicerreitores/as adxuntos/as Son nomeados polo/a reitor/a e auxilian ao/á reitor/a e/ou a un ou varios/as vicerreitores/as no seu labor de goberno universitario.
Adxuntos/as aos/ás vicerreitores/as Nomeados polo/a reitor/a, auxilian aos/ás vicerreitores/as no seu labor de goberno universitario.

 

Ademais, cada un dos centros e departamentos da USC conta tamén cun órgano colexiado e dous órganos unipersoais de goberno.

 

FACULTADES OU ESCOLAS UNIVERSITARIAS
Órgano colexiado: Xunta de Facultade ou Escola: aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade ou Escola e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.
Unipersoais: Decano/a ou director/a: representa á Facultade ou Escola, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos. Vicedecano/a ou subdirector/a: coordina ou dirixe, baixo a autoridade do/a decano/a ou director/a, a área ou áreas de competencias que este lles asigne. Secretario/a: dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro.
DEPARTAMENTOS
Órgano colexiado: Consello de Departamento: planifica e coordina a docencia e a actividade investigadora do departamento, a validación de programas docentes e sistemas de avaliación das materias das que sexa responsable.
Unipersoais: Director/a: representa ao Departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos. Secretario/a: dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Departamento.
INSTITUTOS UNIVERSITARIOS DE INVESTIGACIÓN
Órganos colexiados: Xunta de Goberno: aproba as liñas xerais de actuación no ámbito do Instituto. Correspóndelle, entre outros, a promoción do financiamento e a dotación do Instituto, así como a elaboración da programación do mesmo e dos seus orzamentos para a súa aprobación no Consello de Goberno. Consello Científico: ocúpase fundamentalmente da programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto.
Unipersoais: Director/a: representa ao Instituto, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos. Secretario/a: dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Instituto.

 

Os intereses e as expectativas dos nosos axentes fundamentais (estudantes, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador e sociedade) son tidos en conta coa súa presenza directa nestes distintos órganos de goberno da Universidade. A súa participación neles é primordial, achegando as súas propostas, actuando activamente e facendo as suxestións necesarias para a mellora da actividade universitaria.

Na normativa e estatutos da Universidade pódese atopar un maior desenvolvemento das funcións dos órganos de goberno da USC. Os seguintes enlaces permiten consultar a composición actual e pasada (desde 2003) dos equipos de goberno da USC:

 

Finalmente, tanto o persoal da USC coma o conxunto da comunidade universitaria poden recorrer ao/á Valedor/a da Comunidade Universitaria para a defensa e garantía dos seus dereitos. Trátase dunha institución independente dentro da universidade que non está sometida a ningún mandato ou autoridade de ningún órgano de goberno, rexendo as súas actuacións polos principios de independencia e autonomía.

A figura do/a valedor/a ven definida polo Estatuto do Valedor da Comunidade Universitaria, aprobado na USC no ano 2006. Pódese obter máis información acerca do seu papel nos informes publicados sobre a súa actividade.