Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Bo goberno e transparencia

Bo goberno

 

Ap5

 

A USC organízase de forma democrática e asegura a participación dos diferentes sectores da comunidade universitaria no seu goberno. O Consello de Goberno acolle a 50 membros da comunidade universitaria, e o Claustro Universitario a 300 representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria, elixidos mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto.

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na USC, pois nel atópanse representados a Administración Pública a nivel autonómico e local, os sindicatos e as organizacións empresariais. No Consello Social dáse, ademais, a confluencia entre a participación interna e a dos representantes da sociedade na formulación e adopción das decisións máis relevantes que afectan ao uso dos recursos e ao rendemento da actividade da institución. Desde o ano 2007 publica memorias anuais da súa actividade.

O Claustro elixe a un Valedor da Comunidade Universitaria, para supervisar a actuación administrativa da Universidade, vixiando de oficio ou a instancia de parte o exacto cumprimento dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Atópase ao servizo das persoas recollendo as súas inquedanzas, velando polos seus dereitos e promovendo melloras na actividade universitaria.

Ademais, o persoal está representado na Xunta de Persoal (PAS e PDI) e no Comité de Empresa (PAS e PDI), cuxas funcións son negociar e, de ser o caso, acordar as condicións de traballo de carácter económico, laboral e profesional do persoal representado por cada un deles nos temas e materias legalmente establecidos. Todos os membros da comunidade universitaria teñen, ademais, dereito á liberdade de expresión, asociación, sindicación, reunión, manifestación e folga, dentro do ámbito universitario.

O PDI e o PAS poden buscar representación a través das diversas organizacións sindicais (sendo as tres maioritarias UGT, CCOO e CSI-CSIF) que actúan en defensa dos seus intereses. No Consello de Participación Sindical e no Comité de Empresa (do PDI e do PAS), se debaten todas as cuestións que atinxen á negociación colectiva, de acordo coa lexislación vixente. O persoal ten dereito a afiliarse a calquera organización sindical, á creación de organizacións para protexer os seus dereitos e á negociación colectiva, sen outras limitacións que as prescritas pola lei.

Todo o persoal laboral está incluído no convenio colectivo do PAS da USC e no convenio colectivo do PDI, este último de aplicación nas tres universidades de Galicia.

Por outro lado, nas tarefas de planificación estratéxica da institución delégase boa parte da responsabilidade en comisións nas que se invita a participar a diferentes colectivos, fundamentalmente PDI, PAS e estudantes.

A xestión democrática reflíctese tamén en procedementos como a contratación do persoal (PDI e PAS), que se realiza mediante concurso público, con comisións de avaliación formadas por representantes do persoal, e na estrutura orgánica descentralizada da universidade, que delega nos centros e departamentos a programación e desenvolvemento da docencia e o apoio á investigación nas áreas de coñecemento que os integran. A súa vez, cada un destes centros posúe unha estrutura democrática de goberno, cunha Xunta de Centro ou Consello de Departamento formado por profesores, administrativos e estudantes e que elixe ao equipo de dirección (decanos/as, vicedecanos/as e secretario/a no caso das facultades, director/a e secretario/a no caso dos departamentos e institutos).

A transparencia é outro dos puntais sobre os que se asenta a xestión da USC, e reflíctese no noso compromiso de rendición de contas sobre todos os aspectos da nosa actividade. En 2004 publicamos a nosa primeira memoria de responsabilidade social, xunto cos informes económicos, de investigación, e de diversos servizos e centros. A memoria de responsabilidade social pretende transmitir á sociedade a nosa preocupación polos problemas sociais e ambientais e o modo en que contribuímos a aportar respostas e solucións aos mesmos. Nas memorias publicadas ata o de agora seguíronse as directrices da Global Reporting Initiative. Na memoria do período 2010-2011 comezouse a traballar na xeración dun informe integrado baixo o marco do International Integrated Reporting Council (IIRC).

Na USC mantemos un compromiso activo coa transparencia e a rendición de contas:

  • A través da nosa páxina web, na que se ofrece información sobre a nosa estrutura e órganos de goberno,  os nosos centros docentes e de investigación, os nosos plans de estudo, os servizos para a comunidade universitaria, as actividades de extensión universitaria, as decisións, plans e resolucións normativas adoptadas. Ademais, conta con seccións específicas, tanto para o PDI e o PAS coma para o estudantado (actual, egresado, futuro e estranxeiro), nas que se recollen os contidos máis relacionados con estes colectivos e nas que poden facer consultas personalizadas. Ademais, o sitio web da USC cumpre coas especificacións de páxinas web accesibles para persoas con discapacidades, tal e como se recolle no “Test Accesibilidad Web”.
  • A través do periódico/diario on-line da institución (Xornal da USC), en que se recollen as principais noticias do seu día a día, de interese para todos os membros da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade.
  • A través da publicación dos nosos plans estratéxicos, normativa, acordos dos órganos de goberno, etc.
  • A través da publicación de informes sobre a nosa situación e desempeño económico.
  • A través da publicación das memorias de diversos servizos, unidades ou programas (biblioteca, I+D+i+E, Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, Programa de Accións Formativas para o PAS, informes de valoración docente, Programa A Ponte, etc.).
  • Sometendo as nosas contas económicas a auditoría externa e ao control do Consello Social.
  • A través da publicación da nosa memoria de responsabilidade social.
  • A través da intranet corporativa, coa que se informa puntualmente ao persoal sobre asuntos de especial relevancia.

Por outra banda, na USC procuramos coñecer as expectativas e percepcións dos nosos grupos de interese a través de enquisas. O noso compromiso cos nosos grupos de interese require mecanismos de diálogo de carácter aberto e institucionalizado para coñecer as súas expectativas e comunicar as actuacións levadas a cabo en resposta ás súas necesidades. A realización de enquisas para coñecer o grao de satisfacción dos diversos membros da comunidade universitaria e, incluso, do resto da sociedade, é esencial para facer efectivo o noso compromiso coa mellora continua, destacando a preocupación fundamental por coñecer a satisfacción do estudantado e do profesorado, na medida en que a actividade académica é a principal razón de ser da universidade como institución de educación superior.