
Podemos comprobar que nos diversos ámbitos de actuación que se abordan nas distintas dimensións da nosa responsabilidade social, o acento ponse sobre determinados grupos de interese, e que todos están considerados no noso modelo de responsabilidade social.

As relacións cos diversos grupos de interese conforman e condicionan a responsabilidade social da USC e esixen facer explícitos os compromisos adquiridos para con cada un deles. Estes compromisos esténdense a todas as actividades da universidade e diríxense tanto cara aos membros da comunidade universitaria coma á sociedade en xeral. A USC ten identificado cales son os seus principais grupos de interese e procura coñecer as súas expectativas e opinións de diversos xeitos.

Os intereses e as expectativas dos axentes fundamentais (estudantes, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador e sociedade) son tidos en conta coa súa presenza directa nos distintos órganos de goberno da Universidade (Claustro Universitario, Consello de Goberno, xuntas de facultade e escola e consellos de departamento). A participación nestes órganos da comunidade universitaria é primordial, achegando as súas propostas, actuando activamente e facendo as suxestións necesarias para a mellora da actividade universitaria.
Os dous apartados que integran esta sección pretenden describir o perfil dos nosos dous principais grupos de interese: o noso estudantado e o noso persoal.