
A xestión da responsabilidade social en todo tipo de organizacións comprende unha dimensión interna e unha dimensión externa. Na USC, desde unha perspectiva interna, procuramos facer valer os dereitos de todos os membros da comunidade universitaria e facelos corresponsables do cumprimento dos seus deberes e os da propia institución coa sociedade. E desde unha perspectiva externa, pretendemos que a nosa actividade reverta no noso entorno, formando a futuros traballadores competentes e responsables, e desenvolvendo e transferindo coñecemento que de resposta as necesidades sociais, así como colaborando con outros organismos e institucións e co conxunto da sociedade na mellora da calidade de vida dos cidadáns e o logro dun desenvolvemento sostible.
A xestión da responsabilidade social da USC esixe identificar e coñecer aos nosos diversos grupos de interese (persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, estudantes, egresados, provedores, empresas, administracións públicas, comunidades locais e globais) e desenvolver actuacións na nosa dimensión interna e externa. A dimensión interna comprende as actuacións que desenvolvemos no seo da institución para os propios membros da comunidade universitaria, e que podemos agrupar en tres ámbitos: bo goberno e transparencia, xestión do noso capital humano e xestión ambiental. A dimensión externa da nosa responsabilidade social refírese ás nosas relacións cos nosos restantes grupos de interese (provedores, administracións públicas, empresas e institucións e sociedade no seu conxunto), comprendendo tamén tres ámbitos diferenciados: a extensión universitaria, ás relacións co entorno socioeconómico, e a contribución ao desenvolvemento sostible global.
Pero nesta diferenciación entre as dimensións interna e externa da nosa responsabilidade social, o noso estudantado xoga un papel peculiar. O estudantado da lugar a un espazo intermedio entre as dimensións interna e externa da nosa responsabilidade social, na medida en que, mentres os/as estudantes estanse a formar nas nosas aulas, tratámolos/as como a un membro máis da institución, con representación nos órganos de goberno e decisión e un papel esencial “facendo universidade” xunto co persoal; e cando completan os seus estudios convértense na máis importante achega da universidade á sociedade, trasladándolle os coñecementos, competencias e valores humanos que lles teñamos inculcado.
Xurde, así, un espazo intermedio entre as dimensións interna e externa da nosa responsabilidade social que se corresponde en grande medida coa nosa actividade docente. Pero, igualmente, a nosa actividade investigadora constitúe tamén unha ponte que comunica ámbalas dúas dimensións interna e externa: por unha banda, os/as investigadores/as, xunto cos servizos internos de apoio á investigación, son o motor da investigación, o desenvolvemento e a innovación pero, ao tempo, precisan da colaboración e apoio doutros axentes externos á institución; e por outra banda, non podemos esquecer que a investigación adquire sentido e pertinencia cando desemboca nunha efectiva transferencia de coñecemento á sociedade e da resposta ás súas demandas e necesidades.
Este ámbito intermedio entre as dimensións interna e externa da nosa responsabilidade social, que comprende as nosas actividades docentes e investigadoras, pode ser identificado como o ámbito da xestión social do coñecemento. Deste xeito, a responsabilidade social da USC configúrase en torno a tres dimensións (interna, intermedia e externa), tal e como se reflicte na seguinte figura:

Na dimensión interna da nosa responsabilidade social, e no tocante a nosa estrutura de goberno, todos os membros da comunidade universitaria, e outros axentes sociais e económicos do entorno, contan con representantes en diversos órganos de goberno e toma de decisións. Desde a USC levamos, ademais, moitos anos impulsando a transparencia na nosa xestión, publicando informes (económicos, de resultados de investigación, de diversos servizos á comunidade universitaria, etc.) e, desde o ano 2004 e de forma pioneira en España, a nosa memoria de responsabilidade social.
En segundo lugar, aplicamos políticas de xestión do noso capital humano que promoven o desenvolvemento profesional de cada membro do persoal, a igualdade de oportunidades e a seguridade e saúde no traballo. Podemos destacar os programas de formación para o PDI e o PAS, o Plan Estratéxico para a Igualdade de Oportunidades (fomos das primeiras universidades españolas en implantalo) ou que algúns dos nosos centros están certificados conforme á norma OHSAS18001.
A USC mantén tamén un compromiso explícito co medio ambiente, formalizado a través do seu Plan de Desenvolvemento Sostible, desde o que xestionamos o noso impacto ambiental, tratando de reducir o consumo de recursos e a xeración de residuos e promover actuacións de recollida selectiva e compostaxe de residuos biodegradables, aforro enerxético e mobilidade sostible. A Oficina de Desenvolvemento Sostible encárgase tamén de calcular a pegada ecolóxica da USC.

Na nosa aposta polo desenvolvemento sostible, e entrando xa na dimensión externa da nosa responsabilidade social, tentamos ademais concienciar ao conxunto da sociedade mediante accións formativas dirixidas aos diversos sectores da comunidade universitaria, destacando o carácter esencialmente participativo do proxecto “USC en Transición”, no que implicamos a toda a comunidade universitaria para fomentar modos de vida máis sostibles. Ademais, impulsamos a cooperación internacional a través da que temos firmado numerosos convenios con institucións en países de todo o mundo.
Esta actitude colaborativa a empregamos tamén na xestión das relacións cos nosos provedores e coas empresas e administracións públicas coas que desenvolvemos proxectos de investigación e transferencia, e coas que tamén contamos para facilitar a formación e a inserción laboral dos nosos estudantes e titulados. Neste ámbito debemos destacar tamén ás fortes relacións de colaboración construídas en torno ao noso Campus Vida, recoñecido como Campus de Excelencia Internacional de referencia global, e ao Campus do Mar.
Na USC tamén fomentamos valores de cidadanía como a solidariedade, a convivencia, a tolerancia e o respecto á diversidade, coa finalidade de contribuír á construción dunha sociedade máis xusta. A través do noso Servizo de Participación e Integración Universitaria promovemos a participación dos estudantes e o resto dos membros da comunidade universitaria en programas de voluntariado, atendemos aos estudantes con necesidades especiais e desenvolvemos campañas de sensibilización, divulgación e formación, mentres que a través da extensión universitaria damos a coñecer á sociedade o noso rico patrimonio (programa Universidade Viva), apoiamos todo tipo de manifestacións artísticas e culturais (Área de Cultura) e promovemos a divulgación científica. Ademais, fomentamos o deporte organizando numerosas actividades que compartimos con todos os cidadáns, aos que damos acceso a moitas das nosas instalacións.
Finalmente, no ámbito intermedio da xestión social do coñecemento, a nosa prioridade é garantir a calidade e a pertinencia da formación que impartimos e a investigación que desenvolvemos, asegurándonos de que estamos dando resposta ás demandas da sociedade e do mercado de traballo, e fomentando a inserción laboral do estudantado e a transferencia dos resultados de investigación. Pero tamén nos preocupamos por formar aos nosos estudantes en valores éticos e humanos, tanto de forma transversal nas titulacións coma a través de propostas de formación específica, e mediante o recoñecemento curricular de actividades de participación e voluntariado, e de facer partícipe á sociedade dos nosos progresos no desenvolvemento de novo coñecemento mediante a divulgación científica. Este enriquecemento perséguese tamén co impulso á internacionalización, participando de forma activa nos diversos programas de mobilidade de estudantes e profesores no ámbito nacional, europeo e internacional e fomentando a formación en idiomas.
Neste espazo web daremos conta das nosas actuacións e resultados en todos estes ámbitos.