Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  O marco de responsabilidade social na USC  »  Premios, pactos, iniciativas e redes

Premios, pactos, iniciativas e redes

Ap3_3

 

Como parte do seu compromiso coa responsabilidade social, a USC promove o recoñecemento do traballo dos membros da comunidade universitaria e da sociedade coa concesión de diversos premios, medalas e distincións (ver regulamento de honras e distincións). Destacan a Insignia e Medala de Ouro, o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia e o Premio Fonseca de Divulgación Científica, así como o nomeamento de Doutores Honoris Causa.

Coa finalidade de incentivar e promover os valores vinculados á responsabilidade social, a USC ten instituídos diversos premios, entre os que destacan o Premio ARESA de Desenvolvemento Rural, o Premio Humanitas e o Premio de Accións Sostibles de Emprendemento Social.

 

Premios vinculados á responsabilidade social
Premio ARESA de Desenvolvemento Rural, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela e o grupo empresarial Aresa, co obxectivo de recoñecer e incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras nos eidos agrícola e gandeiro, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan no medio rural galego.
Premio HUMANITAS, co que o Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC recoñecen aquela actividade universitaria que se distinga pola súa calidade humana na dedicación e implicación en actividades solidarias, sociais e humanitarias.
Premio de Accións Sostibles de Emprendemento Social, promovido pola Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, co obxectivo de premiar ás persoas que desde os campus de Lugo e Santiago presenten accións sostibles no tempo, que promovan o emprendemento con proxección no ámbito social e que supoñan transferencia ou xeración de coñecemento.

 

A promoción da responsabilidade social precisa tamén potenciar a colaboración con outras institucións e entidades. A USC ten subscritos diversos pactos e iniciativas e tense integrado en numerosas redes de traballo, entre os que destacan:

 

Pactos e iniciativas subscritos pola USC
Magna Charta Universitatum, asinada por Rectores de Universidades de todo o mundo en 1988 con motivo do noveno centenario da universidade de Boloña, cando indicou como principio fundamental que: “Nas universidades, a actividade docente é indisociable da de investigación, a fin de que o ensino sexa igualmente capaz de seguir a evolución das necesidades e as esixencias da sociedade, e dos coñecementos científicos”.
Pacto Mundial das Nacións Unidas (Global Compact), subscrito en maio de 2003. É unha iniciativa de adhesión voluntaria que ten por finalidade impulsar o cumprimento dos principios universais relacionados cos dereitos humanos, as condicións de traballo, o medio ambiente e a loita contra a corrupción.
Declaración de Principios para Construír a Sociedade da Información, que recolle os principios expresados na Cumbre Mundial sobre a Sociedade da Información de Xenebra a prol da construción dunha sociedade da información na que as persoas, as comunidades e os pobos poidan empregar plenamente a súas posibilidades na promoción do seu desenvolvemento sostible e na mellora da súa calidade de vida.
Directrices de sostibilidade curricular dos estudos universitarios, aprobadas polo grupo de traballo da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) sobre calidade ambiental e desenvolvemento sostible, ao que pertence a USC, e que recollen recomendacións para incorporar a sostibilidade á docencia e investigación.
Declaración de Compostela (febreiro 2004), firmada por reitores e responsables de relacións internacionais de universidades de países iberoamericanos e representantes de asociacións universitarias para lograr maiores niveis de calidade nos ámbitos da formación e da investigación que contribúan ao desenvolvemento harmónico e sostible das sociedades. Declaración de compromiso coas prácticas sostibles das institucións de educación superior Río+20 (xuño 2012), firmada por 257 institucións educativas de 52 países, pola cal os líderes das institucións de educación superior acordaron apoiar o ensino de conceptos de desenvolvemento sostible.
Asociacións e redes ás que pertence a USC
Grupo de traballo da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) sobre Calidade Ambiental, Desenvolvemento Sostible e Prevención de Riscos (CADEP): xurdiu como grupo de traballo, grazas ao impulso dalgunhas universidades, en setembro de 2002, co obxectivo fundamental de recopilar a experiencia das universidades sobre a súa xestión ambiental, os seus avances na ambientalización da comunidade universitaria e os seus traballos en prevención de riscos, á vez que busca o fomento constante da cooperación entre as mesmas nestas materias. Dada a súa relevancia no actual marco mundial e a importancia que as súas actividades supoñen dentro da comunidade universitaria, constituíse en comisión sectorial da CRUE en xullo de 2009. Conferencia de Reitores das Universidades do Noroeste (CRUNO): reúne aos reitores de 11 universidades de Galicia e Castela e León e ten como obxectivo contribuír á promoción e mellora da educación superior mediante a cooperación interuniversitaria e o diálogo entre as institucións académicas e os interlocutores sociais.
Rede Copernicus(Cooperation Program in Europe for Research on Nature and Industry through Coordinated University Studies), unha rede europea de universidades pola sostibilidade.
Rede Universale (Universidades e Responsabilidade Social en América Latina, Asia e Europa) que pretende establecer un modelo de xestión que incorpore criterios de responsabilidade social no ámbito universitario. No 2006, a USC promoveu o I Encontro Internacional da antedita rede.
Red UniRSE(Rede Iberoamericana de Universidades pola Responsabilidade Social Empresarial), punto de encontro de Universidades privadas e públicas da rexión, creada para favorecer a promoción, animación e sensibilización acerca da RSE.
RCE  (Rede de Comités de Ética das Universidades e Organismos de Investigación Públicos de España), creada para compartir información e experiencias e definir procedementos, tanto de cara aos propios Comités coma aos/ás investigadores/as das Universidades
Rede de Universidades polo Clima, unha plataforma que engloba a universidades sensibilizadas e comprometidas cos problemas derivados do cambio climático e que pretende pór en marcha iniciativas para previlos e solucionalos.
CINDA (Centro Interuniversitario de Desenvolvemento), institución académica internacional formada por importantes universidades de América Latina e Europa, cuxo propósito fundamental é vincular as universidades entre se e cos principais problemas do desenvolvemento.
Grupo Compostela de Universidades, rede universitaria de ámbito europeo, integrada por preto de 80 universidades de 25 países.
Rede Unisic(Universidad para la Sociedad del Conocimiento), grupo de universidades iberoamericanas preocupadas e ocupadas no desafío de enfrontarse á sociedade do coñecemento.
Rede ISEP (International Student Exchange Program), unha rede de 225 universidades de todo o mundo, cuxo obxectivo é facilitar o intercambio recíproco de estudantes de pre e posgrao entre institucións membros en EE.UU., e máis de trinta países de todo o mundo.
RedEmprendia (Rede de Universidades Iberoamericanas para a Incubación de Empresas), fundada en 2006 por iniciativa da USC e a Universidade de Barcelona, e integrada por outras dez universidades iberoamericanas. Rede Lucense de Voluntariado: constituída formalmente no mes de setembro de 2011 e conformada por, xunto coa USC, Aspnais- Asociación de pais ou titores de persoas con discapacidade intelectual de Lugo, Asociación Xuvenil Ateibo, Auxilia Lugo, Cáritas Diocesana de Lugo, Cogami Lugo, Asociación Down Lugo, Fundación Secretariado Xitano, Asociación Valponasca e a Fundación JuanSoñador.
AEPUM(Asociación Estatal de Programas Universitarios para Maiores), que ten como obxectivo fomentar os programas educativos de carácter universitario contribuíndo ao desenvolvemento formativo e cultural do colectivo de maiores.
Asociación EUNIS (European University Information Systems), a principal asociación europea de sistemas de información en educación superior que aglutina a máis de 70 membros de 22 países europeos, ademais de Israel e Estados Unidos.
Membro do Consello Consultivo de INEO, asociación multisectorial de novas tecnoloxías da información e da comunicación que agrupa a 65 empresas galegas do sector das TIC.