Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  O marco de responsabilidade social na USC  »  Principios da xestión socialmente responsable na USC

Principios da xestión socialmente responsable na USC

Ap3_1

 

A integración da responsabilidade social na estratexia global da USC susténtase nos seguintes principios xerais:

  1. Compromiso coa calidade na docencia, na investigación e nos servizos, contando coa implicación e participación de toda a comunidade universitaria. Os conceptos de responsabilidade social e calidade son inseparables e mutuamente incluíntes, pois, aínda constituíndo obxectivos autónomos e independentes, precísanse o un do outro, xa que non hai responsabilidade social sen calidade, nin calidade que hoxe poida ser entendida sen un firme compromiso coa responsabilidade social. Este compromiso coa calidade reflíctese na USC en diversas actuacións: melloras na metodoloxía de ensino-aprendizaxe, adaptación da oferta de titulacións, apoio financeiro á mellora da calidade, formación do PDI e o PAS, fomento da innovación na docencia, aposta polas TIC, oferta de materias de nivelación e programas de titorías personalizadas ou apoio titorial extraordinario, programas de inserción laboral de titulados/as, consolidación dos grupos de investigación e incremento da participación do profesorado nas tarefas de investigación.
  2. Compromiso coas persoas: as persoas son o centro da institución e, en consecuencia, insistimos na necesidade de respectar os seus dereitos e, de forma semellante, promover os seus deberes e capacidades. Na xestión do noso capital humano preocupámonos pola mellora da capacitación e da seguridade e saúde dos/as traballadores/as, e impulsamos diversos tipos de beneficios económicos e sociais. O noso compromiso coas persoas céntrase tamén no fomento da igualdade de xénero: o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), a Oficina de Igualdade de Xénero e o Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC 2009-11, fixeron da USC unha universidade pioneira en materia de igualdade. Pola súa banda, o Servizo de Participación e Integración Universitaria coordina e desenvolve, entre outros obxectivos, accións de integración universitaria de persoas con necesidades especiais e de conciliación da vida familiar e laboral.
  3. Compromiso co desenvolvemento sostible: plasmado nos propios estatutos da USC, reflectido en diversos plans e actuacións e levado á práctica a través de distintos instrumentos na nosa universidade. Este principio reitor da responsabilidade social na USC integra en realidade aos anteriores, pero é especialmente canalizado a través da Oficina de Desenvolvemento Sostible e o Servizo de Participación e Integración Universitaria. A Oficina de Desenvolvemento Sostible iniciou no ano 2011 o proxecto “USC en Transición”, a través do que está a dar un novo pulo a súa xa intensa labor e traxectoria en materia de educación, divulgación e concienciación ambiental. Ademais, na USC impártense diversos másteres, cursos de especialización e programas de doutoramento orientados ao desenvolvemento sostible, así como cursos, xornadas e materias de libre elección de temática ambiental e social. E o Servizo de Participación e Integración Universitaria coordina e desenvolve accións de voluntariado, participación e cooperación internacional, promoción social e formación en valores. O Servizo de Relacións Exteriores tamén promove a sinatura de convenios de cooperación internacional no ámbito académico, cultural e de investigación.