
As Administracións públicas locais, autonómicas e estatais son un grupo de interese esencial na universidade. Por unha banda, establecen o marco xurídico do seu goberno e actividade e supervisan o seu desempeño. Por outra, son responsables de garantir o acceso da poboación á educación universitaria, e a calidade do servizo prestado pola universidade, a través dun financiamento suficiente (en forma de bolsas, transferencias e subvencións). Ademais, as universidades e as administracións públicas deben traballar man a man para dar resposta as necesidades da sociedade. Para logralo, a USC non só aborda coa máxima responsabilidade e baixo o compromiso coa calidade e a eficiencia as súas actividades docente, investigadora, de xestión e de transferencia e extensión, senón que tamén ten subscrito numerosos convenios con entes e organismos de carácter público. Destacamos de xeito especial os convenios promovidos polo Servizo de Participación e Integración Universitaria.
Debemos salientar tamén a importancia dos programas de apoio á docencia e a investigación promovidos desde o sector público. Iniciativas como a do Programa Campus de Excelencia Internacional (baixo o que a USC xestiona o Campus Vida e participa no Campus do Mar) teñen posibilitado que as universidades e outras institucións creen "ecosistemas de coñecemento" que favorezan o emprego, a cohesión social e o desenvolvemento económico territorial. No eido concreto da investigación e a transferencia de coñecemento, temos que recoñecer o papel clave do financiamento achegado polas administracións públicas (autonómicas, nacionais e internacionais) mediante as convocatorias competitivas de proxectos de investigación e de recursos humanos destinados á I+D+i.
A colaboración entre as administracións públicas e as universidades pode formalizarse tamén mediante a creación de unidades de traballo e acción que persigan obxectivos comúns. Así, por exemplo, en relación co fomento da responsabilidade social e o bo goberno corporativo, a USC e a Xunta de Galicia crearon en 2011 o Centro de Responsabilidade Social, Goberno corporativo e Protección do Investidor (CERGI), que desenvolve labores de investigación, formación e difusión nas materias obxecto das súas liñas de investigación. Outros institutos e centros de investigación da USC son tamén froito de convenios coa administración pública, como o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), o Instituto de Ciencias Forenses "Luís Concheiro", o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e o Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP), ou con entidades privadas como o Instituto de Cerámica, o Instituto de Ciencias Neurolóxicas "Pedro Barrié de la Maza", ou mesmo froito de alianzas público-privadas como as construídas en torno á agrupación estratéxica de Campus Vida ou ao Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR).