Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Relacións con outras organizacións  »  Programa "A Ponte entre o Ensino Medio e a USC"

Programa "A Ponte entre o Ensino Medio e a USC"

Ap11_b

 

O éxito da misión docente das universidades depende en boa medida da colaboración coas institucións de educación secundaria, que constitúen a antesala da educación universitaria e que poden xogar un importante papel preparando adecuadamente ao seu alumnado para dar o salto á universidade, tanto mediante o desenvolvemento das capacidades e competencias necesarias coma proporcionando unha axeitada orientación para a elección dos estudios universitarios.

A USC ten institucionalizado esta cooperación co ensino medio mediante o programa “A Ponte”, co que se pretende achegar a oferta formativa da USC e a realidade das institucións de educación superior aos/ás seus/súas futuros/as estudantes.

No marco do programa “A Ponte”, unha das actividades máis importantes é a realización de visitas aos centros de ensino medio, tanto polo volume de estudantes contactados/as coma pola envergadura da coordinación despregada entre a USC e os diferentes centros. Nas charlas participan estudantes con experiencia na Universidade, capaces de comunicar dun xeito moitas veces máis efectivo á esencia da vida universitaria.

Esta actividade ten como contrapartida, baixo o nome de “Encontros entre o Ensino Medio e a USC”, á visita aos diferentes centros, institutos de investigación e servizos da Universidade por parte de estudantes de bacharelato e ciclos formativos. O alumnado amosou estar moi ou bastante satisfeito con estas visitas.

Baixo o programa impártense tamén charlas para nais e pais nos propios centros, e celébranse actos de recoñecemento e felicitación aos/ás estudantes de bacharelato de Galicia que acadan unha nota de nove ou superior na cualificación definitiva nas probas de acceso á universidade na convocatoria de xuño, e recoñecemento e información para os/as estudantes maiores de 25 anos que aproban o exame específico de ingreso na Universidade.

O programa ‘A Ponte’ tamén participa nos Campus Científicos de Verán, programa organizado pola FECYT en colaboración co Ministerio de Educación e co apoio da Obra Social La Caixa, dirixido a estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato de toda España que se incorporan a grupos e departamentos de investigación nas universidades participantes.

Pode consultarse mais información nas memorias dos cursos 2009-2010, 2010-11 e  2011-12 do programa.