Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Relacións con outras organizacións  »  Relación con empresas e institucións

Relación con empresas e institucións

A relación das universidades coas empresas e institucións da súa contorna é un dos piares do desenvolvemento económico e social. Deixando a un lado as relacións comerciais que se establecen coas empresas provedoras dos bens e servizos que as universidades requiren para o desenvolvemento da súa actividade, as empresas e institucións da contorna local e global actúan moitas veces como receptoras dos servizos de investigación prestados polas universidades (a través de contratos de investigación ou asistencias técnicas) e colaboran no proceso de formación dos estudantes a través dos programas de prácticas profesionais.

Pero o seu papel vai moito máis aló, xa que teñen a responsabilidade de facer chegar ás universidades información sobre cáles son as demandas do mercado laboral e das propias empresas en canto aos desafíos técnicos e de xestión aos que teñen que enfrontarse día a día, motivando que a docencia e a investigación desenvolvida nas universidades estea axeitadamente orientada á satisfacción de necesidades sociais.

Na USC defendemos a importancia da cooperación universidade-empresa na nosa actividade investigadora, impulsando a transferencia do coñecemento xerado polos/as nosos/as investigadores/as cara as empresas e institucións da nosa contorna mediante a firma de contratos de investigación, o desenvolvemento de cursos e congresos, e poñendo ao seu servizo as nosas infraestruturas instrumentais de investigación (equipos de resonancia magnética, raios X, crioxenia, secuenciación e xenómica funcional, etc.). Así, a Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) da USC, ademais de dar soporte á investigación dos/as diferentes investigadores/as, grupos de investigación, departamentos, institutos, centros e servizos de investigación da USC, ponse ao servizo doutros centros públicos ou privados no marco de contratos, convenios, concertos ou acordos. Destaca tamén a actividade da Aula TIC-PEMEs, que ofrece formación e asesoramento ás PEMEs para a implantación das TICs.

Destaca tamén o papel da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) na transferencia do coñecemento científico-tecnolóxico desde o Sistema Universitario Galego (SUG) cara a empresa e a sociedade, mediante actividades de I+D+i e de divulgación científica.

Na nosa actividade docente, a colaboración coas empresas e institucións da nosa contorna canalízase primordialmente a través da Área de Orientación Laboral da USC e dos programas de prácticas dos propios centros e facultades, así como os xestionados polo Consello Social e pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). Ademais, a formación de posgrao que oferta a USC, tanto oficial coma, especialmente, propio, diríxese con frecuencia á mellora das competencias e capacidades do capital humano das empresas e institucións que nos rodean, e integra nos seus equipos docentes a un bo número de profesionais do ámbito empresarial que, coa súa experiencia, permiten achegar á realidade da empresa ao noso estudantado de posgrao.

Pero sen dúbida o principal expoñente da colaboración da USC con outras institucións e empresas é o noso Campus Vida. A súa Agrupación Estratéxica está integrada por un conxunto de axentes institucionais e empresas que, de forma consorciada, garanten o pleno desenvolvemento do proxecto para conformar un biocluster competitivo que, promovendo a excelencia académica, científica e empresarial no sector biotecnolóxico e biosanitario galego, actúe como motor económico do país e promova a súa proxección e competencia internacional.

A creación de cátedras propias institucionais é outras das vías para desenvolver actividades complementarias no ámbito da docencia e da investigación, e adoita ter unha transcendencia moi importante na proxección exterior da USC. A creación das Cátedras Institucionais da USC formalízase a través da firma dun convenio entre a USC e unha ou varias empresas, fundacións, institucións e/ou padroados que participarán no seu financiamento segundo os obxectivos xa sinalados e as condicións que se describen a continuación. Estas cátedras institucionais constitúen ámbitos especiais para a reflexión, o debate, o estudo e a investigación en todos os ámbitos académicos que xorden da necesidade de potenciar ao máximo a relación entre a comunidade universitaria e o seu entorno para converterse nun importante foco de proxección da imaxe exterior da nosa Universidade.