Na USC somos conscientes de que, nunha sociedade global, debemos fomentar a proxección internacional da nosa actividade, polo que buscamos desenvolver e ofrecer o noso coñecemento a través de programas internacionais e programas propios que fomenten a mobilidade internacional do estudantado e o persoal e a cooperación con outras institucións na docencia e a investigación. Para favorecer este intercambio, a USC traballa no establecemento de relacións estables con organismos internacionais, con institucións educativas de todo o mundo, con organizacións sen ánimo de lucro, e con empresas e asociacións de carácter social que comparten os mesmos obxectivos de mobilidade internacional.
A través do Portal Internacional, canalízase toda a información sobre a proxección exterior da USC. Trátase dun espazo de comunicación e apoio que permite coñecer todos os programas de mobilidade e cooperación internacional e dispor do asesoramento e información necesaria para elixir entre as múltiples propostas.
A USC, a través do seu Servizo de Relacións Exteriores (SRE), dependente da Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización, fomenta a participación e centraliza a xestión dos programas de mobilidade nacional e internacional, asesorando e respaldando aos estudantes e ao persoal nas diferentes fases da mobilidade (ver seccións sobre Mobilidade do persoal e Mobilidade do estudantado). O SRE tamén se encarga da tramitación, rexistro e seguimento dos convenios de cooperación no ámbito académico, cultural e de investigación dos que forma parte a USC, e promove a colaboración con distintos programas de cooperación ao desenvolvemento.
Para facilitar a mobilidade e o intercambio de experiencias no ámbito internacional, a USC ofrece unha variada e atractiva formación en distintos idiomas a toda a comunidade universitaria e a todas as persoas externas interesadas en cursos de idiomas, á vez que acredita o seu dominio coa expedición de distintos títulos recoñecidos a nivel internacional. Ademais dos cursos de idiomas do CLM (ver sección sobre a mobilidade internacional, a unidade de Cursos Internacionais da USC ofrece ao longo de todo o ano programas de lingua e cultura españolas para profesores e estudantes estranxeiros de diferente duración, estrutura e contido. Por outra banda, o Instituto da Lingua Galega e o Servizo de Normalización Lingüística ofrecen cursos sobre a lingua e cultura da nosa Comunidade Autónoma.