As organizacións de todo tipo son hoxe conscientes de que os sistemas e estruturas que apoian o benestar social e a competitividade económica non operan de forma illada. É necesario construír a nivel local, rexional, nacional e internacional, complexas alianzas constituídas por diferentes axentes e áreas de especialización, procedentes do ámbito público, privado, civil e académico, que combinen os mellores coñecementos, activos e capacidades de cada sector para abordar o reto de lograr un Desenvolvemento Sostible.
No cumprimento da nosa misión universitaria é esencial fomentar a colaboración coas diversas empresas e institucións da nosa contorna e coas administracións públicas. As relacións que mantemos con elas teñen carácter diverso: comercial (provedores), financeiro (entidades financeiras e administracións públicas), e de colaboración na xeración e transferencia de coñecemento tanto na docencia coma na investigación (cátedras institucionais, contratos de investigación, prácticas profesionais, etc.). A USC mantén unha actitude aberta ao establecemento de alianzas cos diferentes sectores da ámbito empresarial, público e da sociedade civil e procura basear as súas relacións cos diferentes axentes económicos e sociais no respecto e a transparencia, perseguindo a xeración de valor compartido.