
A Universidade de Santiago de Compostela segue a avanzar no seu compromiso coa responsabilidade social, no que o impulso á transparencia é un dos piares fundamentais. A transparencia é a base da confianza da que queremos ser merecedores por parte dos nosos grupos de interese, polo que aos esforzos que durante anos se veñen facendo na institución para render contas á sociedade sobre a nosa actividade, sumamos a elaboración e mantemento deste espazo web co que pretendemos abrir unha ventá permanente á realidade da nosa institución.
O obxectivo deste espazo web é, en primeiro lugar, explicar cómo entendemos na USC o noso compromiso coa responsabilidade social e cómo o integramos na nosa xestión cotiá. En segundo lugar, a través deste espazo web queremos facilitar á comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade o acceso á información estatística actual e histórica sobre todas as facetas do noso desempeño (académico, investigador, económico, social, cultural e ambiental), ofrecendo un compendio de datos, esencialmente cuantitativos, que permitan aos nosos grupos de interese avaliar de xeito directo e obxectivo as nosas actuacións. E, finalmente, a través deste espazo web perseguimos tamén pór en valor o traballo que desde tempo atrás vimos facendo na web institucional para dar a coñecer a nosa actividade, dado que os contidos que se desenvolven aquí axúdanse da información xa existente na web institucional para completar o coñecemento da nosa universidade. Así, a través de enlaces a páxinas xa existentes na web institucional e a táboas de datos dispoñibles en formato xlsx, ofrecemos aos nosos grupos de interese a posibilidade de somerxerse na nosa realidade, afondando naqueles aspectos ou ámbitos da nosa actividade que resulten de maior interese para cada quen.
Agardamos que con este esforzo contribuamos á mellora do coñecemento da nosa institución e ao recoñecemento por parte da sociedade do valor achegado desde a Universidade.