A Universidade de Santiago de Compostela, con máis de 500 anos de historia, é unha das universidades de maior tradición en Europa e o motor do coñecemento e a cultura nas dúas cidades patrimonio da humanidade nas que desenvolve a súa actividade, Lugo e Santiago de Compostela. Nesta última podemos atopar numerosos vestixios da intensa vinculación da universidade coa cidade, que se procuran conservar e pór en valor a través de iniciativas como a da Casa da Troia, antiga residencia estudantil xestionada hoxe coma Museo por un padroado formado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns, o Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e a USC. De xeito similar, tanto na cidade de Santiago de Compostela coma na de Lugo a USC ocupa algúns dos edificios máis emblemáticos dos seus cascos históricos, acadando desde modo unha gran integración na súa vida cotiá.

Como se contempla no artigo 1º dos seus estatutos, a USC é unha institución pública dotada de plena personalidade xurídica e patrimonio propio, constituída polos campus de Santiago de Compostela e Lugo (ver localización e planos), que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público esencial á comunidade mediante o estudo, a docencia e a investigación, actividades para as que goza de autonomía, de acordo cos seus estatutos e no marco da lexislación vixente.
A USC atópase integrada no Espazo Europeo de Educación Superior, que persegue harmonizar os distintos sistemas educativos da Unión Europea, e baixo o que a educación superior se divide en tres ciclos: grao (de orientación xeralista e unha duración de 4 anos), máster (de orientación especialista e unha duración de un ou dous anos) e doutoramento. A USC oferta estes títulos en todas as áreas do saber.
Ademais da oferta académica oficial, a USC promove o desenvolvemento doutras iniciativas de formación que contribúan ao desenvolvemento persoal e profesional dos membros da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade, a través do posgrao propio e a formación continua, o IV ciclo universitario e unha variada oferta de cursos e congresos.
Xunto coa docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento completan na USC a tradicional tripla misión das universidades, que hoxe inclúe tamén á responsabilidade social. Na USC, o compromiso coa calidade e eficacia na docencia, a investigación e a transferencia corre en paralelo co compromiso social que atesoura desde anos atrás e que fai dela unha universidade implicada co desenvolvemento económico e social da súa contorna máis próxima e preocupada polos problemas de carácter global que afectan ás sociedades de todo o mundo. O logro dun desenvolvemento sostible e a asunción e formalización da súa responsabilidade social son, así, obxectivos inherentes á misión da USC na sociedade e que afectan tanto a súa xestión interna coma a súa relación cos seus diversos grupos de interese.
O compromiso social da USC canalízase, fundamentalmente, a través da extensión universitaria (Área de Cultura e Servizo de Deportes), o fomento do emprendemento e o emprego (Servizos de Apoio ao Emprendemento e o Emprego), a promoción do voluntariado, a integración, e a acción social (Servizo de Participación e Integración Universitaria), a preocupación polo ambiente e a sostibilidade (Oficina de Desenvolvemento Sostible), a defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (Oficina de Igualdade de Xénero) e outras políticas internas de responsabilidade social (conciliación, transparencia e bo goberno, etc.). Pero este compromiso social é tamén inherente a actividade docente, investigadora e de xestión. A nosa responsabilidade social, polo tanto, non é unha parcela máis da nosa actividade, senón que é o que somos, o que facemos e o cómo o facemos.
O que a USC é, e o que quere ser, atópase definido no Plan Estratéxico da USC para o período 2011-2020, que contén a formulación da súa misión, visión e valores, e no que se fixan os obxectivos estratéxicos que guiarán a xestión da institución no período 2011-2020, clasificados por ámbito e liña estratéxica.
Se ben a información contida nesta web permitirá ao lector coñecer con detalle a realidade da USC nas súas diversas dimensións, podemos destacar outros esforzos previos para dar a coñecer a institución ao conxunto da sociedade dun xeito máis concreto e conciso, como a publicación A Cara da USC, presentada en 2010, ou a máis recente Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1495 marcando o camiño a seguir, editada polo Consello Social da USC e presentada en marzo de 2013. A sección Coñece a USC contén un conxunto de presentacións e materiais útiles para a promoción dos estudos e a actividade científica da nosa universidade.