Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  USC Responsable  »  Extensión e voluntariado  »  Cultura

Cultura

Ap9_2a

 

Desde a Área de Cultura da USC ofrécense distintas programacións, prestacións e servizos de carácter cultural aos membros da Comunidade Universitaria, tanto no ámbito da produción cultural (a través do Coro Universitario, o Espazo de Cámara, o Grupo de Creación Musical, o Espazo de Danza Universitario e a Aula de Teatro) coma no da difusión (encontros, tertulias e debates, ciclos de música, exposicións, actuacións, etc.). Mes a mes actualízase e faise pública a axenda da área. De entre o seu diverso repertorio de actividades, destaca a Aula de Teatro, o Espazo de Danza, o Espazo de Cámara, o Coro Universitario, o Espazo de fotografía e o Grupo de Creación Musical.

 

A Área de Cultura conta tamén cun Espazo de Astronomía que engloba dúas liñas de acción diferentes relacionadas coa astronomía: o Programa de Extensión Cultural de Astronomía (PECAS) do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, que ten o obxectivo de dar a coñecer o mundo da Astronomía e as funcións do Observatorio, e o programa Astronomía na beirarrúa (AnB), que persegue desfrutar da observación do ceo nocturno desde as rúas e prazas dos nosos barrrios e vilas, en estreita cooperación coas entidades asociativas cidadás.

 

A Área de Cultura ofrece tamén actividades de carácter formativo (cursos de arte dramática, fotografía, baile e de danza), e é tamén a encargada da xestión da oferta de cursos de verán da USC, sobre os que se poden consultar os informes correspondentes aos cursos 2009-10 (PDF) e 2010-11 (PDF).

 

Ap9_2b

 

Por outra banda, a USC conta con diversos servizos e instalacións de carácter cultural, como o Auditorio Universitario, as salas de teatro/ensaio Roberto Vidal Bolaño e Luísa Cuesta, a Fonoteca Universitaria, as salas de exposicións do Colexio de Fonseca, a Igrexa da Universidade en Santiago, e a Casa do Saber, a sala de exposicións Isaac Díaz Pardo, a sala de teatro e danza e o laboratorio de fotografía en Lugo.

 

O programa de visitas guiadas ao Patrimonio Histórico da USC (Universidade Viva), pola súa banda, persegue difundir e por en valor o patrimonio histórico da USC a través da apertura e o percorrido dos seus espazos máis emblemáticos. Ademais, este percorrido está a ser valorado polos seus visitantes dun xeito altamente positivo, conseguindo unhas cualificacións de 9 sobre 10 nas enquisas de satisfacción, onde é altamente valorado o traballo dos diferentes guías, elixidos entre doutorandos/as ou licenciados/as en Xeografía e Historia da Arte.

 

Neste programa inclúense tamén as visitas ao Museo de Historia Natural Luís Iglesias, que é sen dúbida o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia. As coleccións botánicas, zoolóxicas, xeolóxicas e obxectos de valor histórico-científico, procedentes de adquisicións realizadas pola USC, de doazóns particulares e de intercambios con outras institucións, conforman un magnífico escaparate do mundo natural e da ciencia galega en particular.

 

Podemos destacar tamén que no ano 2011, a USC comezou a coordinar o proxecto europeo CampUSCulturae, a prol da diversidade cultural e das minorías lingüísticas, cofinanciado pola Culture Agency da Comisión Europea a través do programa ‘Culture’.