Visitas guiadas ao Patrimonio Histórico da USC

Con máis de cincocentos anos de historia, a Universidade de Santiago de Compostela abre as súas portas nunha viaxe desde a súa xénese ata a actualidade a través do seu patrimonio histórico.
Na compañía dun/ha guía licenciado/a na USC, partimos do Colexio de Santiago Alfeo (actual Colexio de Fonseca), sede do denominado Colexio Novo, impulsado por un mecenas do Renacemento, D. Alonso III de Fonseca. Este, nomeado arcebispo en 1507, proxectaba crear un edificio universitario que dotase ao Reino de Galicia dun centro de estudos superiores, en especial para a clerecía galega así como establecer as ensinanzas de Artes, Teoloxía e Dereito. Pódese visitar o seu claustro, obra de figuras chave da arquitectura renacentista peninsular como son Juan de Álava, Rodrigo Gil ou Alonso de Covarrubias. Na chamada Biblioteca América, única no mundo pola súa especialidade temática, atopámonos cun compendio iconográfico, humanístico e bibliográfico latinoamericano froito da iniciativa de Gumersindo Busto. Os seus muros albergan unha xoia, o libro de Horas de Fernando I de León, datado en torno ao 1055 e considerado o libro máis antigo de Compostela. Continúase o percorrido ata o Colexio de San Xerome que ata o ano 1651 foi sede do Hospital de Santiago na praza de Acibecharía. A súa portada trasladouse ao novo edificio, na praza do Obradoiro, actual Reitoría.
Continúase o percorrido visitando o emblemático edificio que corresponde á actual Facultade de Xeografía e Historia, que, desde 1767, coa expulsión dos xesuítas por Carlos III, convértese no emprazamento da universidade ilustrada. O edificio da Compañía, a igrexa e a biblioteca foron bens asignados á universidade, ampliando os planos de estudo pola inclusión de Matemáticas, Física experimental e Medicina. Polas súas estancias máis nobres, como é o Paraninfo, proxecto artístico elaborado polo pintor José María Fenollera e o escultor Rafael de la Torre Mirón, únense harmoniosamente os estudos científicos e humanísticos. Estas escenas unitarias adquiren un lema concreto: exaltar o papel da Universidade como propiciadora da sabedoría e da virtude a través das Artes, as Letras, as Ciencias e a Filosofía, baixo o ollar atento da deusa Minerva. Ademais, pódese acceder ao seu Salón de Lectura inspirado nas bibliotecas monásticas, froito dunha remodelación do edificio en 1774 baixo as trazas de Miguel Ferro Caaveiro. A Igrexa é un dos tres edificios da Compañía que se conserva sen grandes alteracións desde os tempos dos xesuítas, con ilustres retablos, obras de Simón Rodríguez, Miguel de Romay ou do célebre Domingo de Andrade. Pola súa localización, converteuse en capela da Universidade, hoxe pechada ao culto e utilizada como sala de exposicións e concertos.
O epílogo constitúeo a posibilidade de contemplar unha das máis fermosas e elevadas vistas de Compostela desde as cubertas desta Facultade, emblema visual sobre a planimetría da cidade e os seus monumentos máis característicos. Este conxunto vivo, servizo da comunidade universitaria, xorde para dar a luz a un itinerario alternativo, complementario e fundamental para comprender a historia de Santiago de Compostela e de Galicia.
Horarios (Consultar dispoñibilidade)
Grupos escolares: de luns a venres entre as 10:00 e as 12:00 horas (pola tarde ten carácter excepcional, sometido a consulta previa)
Outros grupos organizados: de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 / sábados de 11:00 a 14:00
Individuais: de luns a venres ás 12:00 e ás 16:30 / sábados ás 12:00
Saídas: Colexio de Fonseca
Xeral individual: 7 euros
Prezos
Xeral en grupo: 6 euros (mínimo 12 persoas, máximo 20 persoas)
Grupos organizados pola USC, xubilados/as, estudantes doutras comunidades universitarias e persoas posuidoras do cartón xoven: 5 euros
Membros da comunidade universitaria: primeira visita gratis, visitas sucesivas 5 euros
Nenos/as menores de 12 anos: gratis
Grupos escolares: gratis, previa reserva
Información, venda e recollida de billetes
Colexio de Fonseca
(+34) 881 81 10 99
Información e reservas para grupos
Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade
(+34) 881 81 10 18