Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información xeral  »  Visitas ao patrimonio  »  Visita ao patrimonio natural

Visita ao patrimonio natural

Foto do Campus Sur

O Museo de Historia Natural “Luís Iglesias” e xardíns do Campus Sur

A Universidade de Santiago de Compostela quere mostrar á sociedade unha parte do seu patrimonio natural, mediante visitas guiadas á exposición permanente do Museo de Historia Natural “Luís Iglesias” e aos xardíns do Campus Vida.

O Museo de Historia Natural ten a súa orixe no Gabinete de Historia Natural, creado no ano académico 1840-41. Na actualidade constitúe o conxunto de patrimonio histórico científico máis importante de Galiza.

A riqueza dos seus fondos converte este museo nun “reflexo do mundo natural” en xeral, e da ciencia galega en particular. A través das súas coleccións pódese facer un percurso polo labor de moitos dos máis sobranceiros científicos galegos.

As principais funcións deste museo universitario son a investigación, a docencia e a divulgación científica. No cadro da divulgación científica, saliéntase a exposición permanente e diversas actividades temporais (exposicións, roteiros, obradoiros...).

Museo de Historia Natural "Luis Iglesias"

A exposición permanente organízase en 3 bloques:

Salas de Zooloxía

Nunha primeira sala, ademais de numerosos exemplares de fauna mariña, pódense contemplar anfibios, réptiles, aves e mamíferos dos cinco continentes. É importante a presenza de exemplares de países afastados e de especies que se extinguiron no medio natural en España, como a mangosta ou o porco espín.

Na segunda sala ofrécese unha panorámica da fauna galega, destacando a colección de dioramas de mamíferos e aves de Galiza, nos que se representan as especies nos seus hábitats.

Sala de Xeoloxía

Garda un dos máis valiosos tesouros do patrimonio científico da USC: a colección de modelos cristalográficos do abate René Just Haüy. Só no Musée de mineralogie de l´École des mines de París existe outra colección semellante á que se expón no noso museo.

Son tamén de grande interese as coleccións de minerais e rochas de diferentes orixes, así como os mapas xeolóxicos e os exemplares de fósiles que completan a exposición.

Sala de Botánica

Combínanse nesta sala exemplares das coleccións de madeiras e sementes do continente americano, con exemplares da flora vascular galega do Herbario Baltasar Merino e de fungos da Micoteca César Sobrado. Ademais, expóñense figuras clásticas e modelos utilizados no ensino da Botánica. 

Xardíns do Campus Sur

Exemplo nas tendencias na xardinaría urbana desde mediados do século XX , estes xardíns son un importante recurso cultural e didáctico, no que aparece mesturado o gusto polas especies exóticas (xinkgo, sequoia, ciprés dos illós...), coas propias da nosa terra (carballo, bidueiro, acivro...).

A visita guiada, dunha duración de aproximadamente dúas horas, abrangue a exposición permanente e os xardíns. Ofrécese tamén a posibilidade de optar só pola exposición permanente ou polos xardíns.

Horarios e reservas

Para consultar a dispoñibilidade horaria e facer reservas previas:

981 593 589

981 563 100, extensión 14 202

museohn@usc.es

SAÍDAS: Museo Luís Iglesias, Facultade de Química, Campus Sur

Prezos

Xeral individual: 7 euros

Xeral en grupo: 6 euros (mínimo 12 persoas, máximo 20 persoas)

Grupos organizados pola USC, xubilados/as, estudantes doutras comunidades universitarias e persoas posuidoras do cartón xoven: 5 euros

Visitas institucionais e membros da comunidade universitaria (primeira visita gratis): 3 euros

Nenos/as menores de 12 anos, gratis

Grupos escolares: gratis, previa reserva