A USC presenta un volume arredor da actualidade das investigacións sobre as mulleres e o xénero
Xoves, 23 de decembro de 2010
Cuestións actuais das investigacións realizadas arredor das mulleres e da perspectiva do
xénero quedan recollidas no libro
Investigaciones actuales de las mujeres y del género, unha obra que se presentou este
mércores 15 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Xunto ao reitor Juan Casares, que presidiu o
acto, interviñeron ademais a coordinadora da publicación e directora do Centro Interdisciplinario
de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX), Rita Radl; a secretaria xeral
de Igualdade da Xunta de Galicia, Marta González; e o director do Servizo de Publicacións e
Intercambio Científico, Juan Blanco Valdés.
Trátase da primeira publicación que edita o CIFEX, dende a súa creación en 2006, vertendo nas
súas páxinas parte do traballo que este centro realiza no eido da investigación e da divulgación
arredor dos estudos de xénero. Neste senso, a profesora Radl considera que a edición deste novo
volume contribúe de maneira decidida á incorporación desta área de traballo ao contexto científico
xeral. Apelou a responsable do CIFEX á necesidade de seguir traballando a prol da difusión e maior
visibilidade científica e social destes estudos, “altamente especializados e de carácter
multidisciplinar”, para completar o proceso de plena integración no corpo xeral de coñecemento en
todas as parcelas
Trátase dunha aspiración que Marta González xustifica por “ter alcanzado lexitimidade
académica”, eido no que a USC “é un referente” en virtude do traballo realizado no eido docente e
agora investigador dende hai décadas. A secretaría xeral de Igualdade dixo ser consciente da
necesidade de “reforzar estes estudos nas universidades” pola súa dimensión como institucións
educadoras e transmisoras de valores, polo que o seu departamento continuará apoian ás
universidades neste eido.
A visibilización do compromiso das universidades coa sociedade non se manifesta unicamente na
formación de profesionais competentes ou o desenvolvemento da investigación, senón tamén a través
de “servizos de intanxibles”, dixo o reitor Juan Casares para quen o libro presentado pon de relevo
o interese da universidade por atender as problemáticas da sociedade actual. Apelou o reitor
compostelán ao compromiso dos universitarios por seguir traballando na liña xa iniciada porque “non
é un traballo acabado.
Completando o abano de intervencións, para Juan Blanco a edición deste volume pon de relevo o
papel das institucións universitarias como “axitadoras de conciencias” máis en temas de candente
actualidade como o maltrato ou as desigualdades por razóns de xénero. O responsable do Servizo de
Publicacións subliñou o dobre cometido cumprido por iniciativas como o libro hoxe publicado ao
salientar a súa función a prol da ”estimulación da concienciación social” e da transferencia de
coñecemento que a universidade ten encomendada.
O libro
A obra inclúe achegas científicas de autoría diversa, tanto do ámbito nacional como
internacional, que se foron xestando ao longo da primeira fase da existencia do Centro
Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos de Xénero da USC, centro único en
Galicia.
O libro organízase en catro partes consagradas a cuestións actuais das investigacións sobre as
mulleres e o xénero. No primeiro apartado se abordan temas de teoría e epistemoloxía, partindo de
posturas que insisten na necesidade dunha renovación das ciencias humanas e sociais con argumentos
que subliñan unha incorporación sistemática das achegas das investigacións sobre mulleres e xénero
á bagaxe teórica e conceptual das disciplinas científicas modernas avogando por unha renovación
substancial das ciencias sociais.
No segundo bloque toma protagonismo o complexo temático da participación laboral e género,
acoutando a temática desde ángulos científicos innovadores e multiculturais. Xa na terceira parte,
sobre violencia e xénero, ofrece interesantes achegas dende unha perspectiva interculturalmente
diferencial. Para rematar, o libro reúne textos referentes a procesos de socialización diversos e
xénero, incide na importancia básica das condiciones de socialización en aras dunha transformación
das estruturas sociais.