Saltar ao contido principal
Inicio  »  Institutos e centros de investigación  »  Instituto de Ciencias da Educación (ICE)  »  Formación  »  Plan de de investigación do ICE-USC, 2006

PLAN DE INVESTIGACIÓN DO ICE-USC

CONVOCATORIA DE AXUDAS Á INVESTIGACIÓN EDUCATIVA 2006


pdf diptico convocatoria [pdf - 230 kb][Actualizado: 4/4/12]
[ 230KB]

Introdución

No curso académico 2004-05, o ICE-USC deu conta á sociedade mediante publicación financiada polo goberno galego, do estado da investigación educativa na nosa Comunidade Autónoma, e para elo examinaba a traxectoria seguida, por áreas e dimensións de traballo, desde finais da década dos oitenta ata principios do novo século. O estudo marcaba conclusións e propostas, e indicación de liñas de interese estratéxico pensando na optimización do coñecemento educativo e na trasferencia do mesmo para a mellora sostida da calidade da educación en Galicia.

Xa que logo, congruentemente coa súa misión institucional, e coa finalidade de ofrecer apoio directo a liñas e ámbitos de traballo que se entenden como prioritarios no desenvolvemento educativo e pedagóxico de Galicia, o ICE-USC realiza a seguinte convocatoria pública de axudas á investigación educativa no marco da Universidade de Santiago de Compostela, e con cargo aos fondos de investigación do referido Instituto Universitario (Partida Presupostaria 6010-2402-64000).

Obxectivos da Convocatoria.

- Promover unha investigación educativa relevante e pertinente pola súa conexión con aspectos que están a condicionar na actualidade vías de mellora para a realidade educativa de Galicia.
- Reforzar na USC a configuración de equipos de investigación educativa con disposición integradora de profesores non universitarios.

Modalidades da Convocatoria

Son duas as accións que se consideran:

-Acción A: Complementar a dotación económica de proxectos de investigación educativa subvencionados nas convocatorias públicas de ámbito autonómico e/ou nacional correspondentes aos anos 2004, 2005 e 2006 sempre que tales proxectos sexan adscritos, para a súa correspondente xestión, ao ICE-USC. En calquer caso, as temáticas destes proxectos deberán encaixar nas liñas identificadas como prioritarias nesta convocatoria.

- Acción B: Realización de proxectos de Investigación Educativa, xestionados no ICE, de duración non superior a dous anos (desde o momento da concesión) sobre aquelas temáticas que se estimen de interese para a mellora da calidade da educación e do ensino en Galicia. Aínda que teñan preferencia os proxectos relacionados coas liñas priorizadas na presente convocatoria, a Comisión Avaliadora examinará a pertinencia e relevancia de tódalas solicitudes. Tódolos proxectos que obteñan financiación, despois da correspondente avaliación, serán proxectos do ICE-USC a tódolos efectos, e así se fará constancia diante de calquer información, difusión e publicación.

As axudas para a realización de proxectos de investigación educativa, de acordo con esta Acción B serán, a tódolos efectos, incompatibles coa percepción doutras axudas procedentes de Convocatorias Oficiais a nivel Autonómico, Nacional ou Europeo. O incumprimento deste aspecto dará lugar, por parte do ICE, a unha proposta de rescisión da axuda concedida diante do Sr. Reitor da USC.

En calquer caso, os Proxectos avaliados positivamente nesta Acción B poderán recibir axudas institucionais, sen que tales axudas proveñan de convocatorias públicas oficiais para o desenvolvemento da investigación.

Solicitantes e Beneficiarios.

Poderán ser solicitantes e perceptores das axudas obxecto desta convocatoria os grupos de investigación da USC xa establecidos ou aqueles equipos da USC, derivados dos mesmos grupos, que presenten unha proposta de interese a xuízo da Comisión Xulgadora. En todo caso, non podería haber máis de dous I.P. por proxecto, que deberán estar en posesión do título de Doutor/a. Os restantes membros do equipo terán que ser, agás en casos excepcionais, Licenciados, Enxeñeiros ou Arquitectos. Ningún Equipo poderá estar composto por menos de tres persoas.

Asemade, para poder presentar un proxecto na Acción B será requisito indispensable que na relación de membros do Equipo se encontre, alomenos, unha persoa pertencente aos corpos de mestre, de profesor/a de Ensino Secundario, ou de Formación Profesional, en situación de servicio activo no intre de rematar o prazo da solicitude.

Áreas Prioritarias.

Terán prioridade na proposta de concesión das axudas que regula esta convocatoria do ICE-USC as seguintes liñas temáticas, que deberán ser recoñecibles tanto no título como na memoria explicativa do Proxecto:

• Reforma do Curriculo e Calidade da Educación en Galicia
• A Titoría e o Progreso da Calidade nos Centros Educativos
• As Novas Tecnoloxías e o Éxito Educativo nas Escolas Rurais de Galicia.
• Bilingüismo e Identidade Cultural en Galicia.
• Atención Socioeducativa aos Inmigrantes e Minorías Étnicas en Galicia.
• Educación e xestión da inmigración en Galicia
• A Calidade da Formación Profesional en Galicia.
• Educación e Desenvolvemento Local en Galicia.
• Educación e Competencias Cívicas nas Escolas de Galicia.
• Educación Infantil e Cambio Familiar en Galicia.
• Competencias para o Desenvolvemento Profesional Docente
• Internet e Aprendizaxe no Sistema Educativo
• Educación e Benestar Social en Galicia
• O Fracaso Escolar na Universidade. Prevención e Intervención

Prazo de Presentación e Documentación requerida.

O prazo de presentación rematará, a tódolos efectos, o día 17 de marzo de 2006. A solicitude, coa correspondente documentación, será entregada a través dos Rexistros Xerais da USC, dirixida ao Excmo. Sr. Reitor Mafco. da USC, coa indicación “Convocatoria de Axudas á Investigación Educativa do ICE-USC”.

A documentación que acompañará ao impreso de solicitude, será a seguinte:

Opción A.- Copia da Solicitude e Memoria do Proxecto presentado á Convocatoria Autonómica, Nacional, etc. no ano 2004, 2005 ou, no seu caso, no 2006, xunto con carta na que o IP asume o compromiso de xestionar o proxecto no ICE, caso de serlle concedida a axuda.

Opción B.- Memoría do Proxecto (Introducción, Obxectivos, Metodoloxía, Plan de Traballo,...), Orzamento do Proxecto, e CV (normalizado) dos IP e restantes membros do Equipo.

Os IP comprometense, coa solicitude e, no seu caso, coa aceptación da axuda que se determine a publicar nalgunha das coleccións do ICE-USC aquelas monografías ou libros que resulten da investigación realizada baixo a Acción B. e non resultar posible tal publicación desde o ICE-USC, os Equipos quedarán facultados para publicar a través do medio ou instancia que consideren oportuno.

Contía das Axudas.

As axudas correspondentes á Opción A non poderán superar os dous mil (2.000) Euros.

Na Opción B, ningún Proxecto poderá recibir, con cargo ao ICE-USC, unha financiación superior aos 15.000 Euros. Nesta acción serán obxecto de financiación únicamente os seguintes aspectos:

- Material non inventariable (en contía non superior ao 25% do total)
- Viaxes para a realización de traballo de campo (en contía non superior ao 25% do total)
- Viaxes para reunións do equipo (en contía non superior ao 10% do total)
- Organización e, no seu caso, asistencia a eventos relacionados co proxecto (en contía non superior ao 15% do total)
- Traballos de realización e revisión da Memoria do Proxecto (en contía non superior ao 15% do total)
- Outros gastos a xustificar debidamente (en contía non superior ao 10% do total)

En ningún caso será obxecto de financiación o material inventariable, nin se poderán facer contratos laborais.

Avaliación dos Proxectos.

Tódalas axudas contempladas nesta convocatoria pública serán avaliadas por unha Comisión nomeada polo Excmo. Sr. Reitor da USC. A devandita Comisión estará composta polos seguintes membros:

Comisión Titular:

Presidente: Director do ICE-USC

Vogais:
- Un representante do Vicerreitorado de Investigación da USC
- Dous Profesores da Universidade de Santiago de Compostela
- Dous Profesores doutras Universidades
- Un Catedrático de Bacharelato

Secretaria: Xefa de División de Investigación Educativa do ICE-USC

Comisión Suplente:

Presidente: Subdirector do ICE-USC

Vogais:

- Un representante do Vicerreitorado de Investigación da USC
- Dous Profesores de Universidade da Universidade de Santiago de Compostela
- Dous Profesores de Universidade de Universidades de fora de Galicia
- Un Catedrático de Bacharelato

Secretaria: Xefa de División de Documentación e Tecnoloxía Educativa do ICE-USC

A Comisión tomará as súas decisións por consenso. A Comisión poderá chamar aos I.P. para unha entrevista, a fin de clarexar, no seu caso, algún aspecto do proxecto ou mesmo do orzamento presentados. Os criterios de valoración atenderán, sobre todo, á calidade científica do proxecto, á súa conexión coas áreas prioritarias establecidas nesta convocatoria, e á previsible incidencia práctica na mellora da educación en Galicia.

Unha vez rematado o proceso de avaliación, a Comisión encargada da mesma elevará a correspondente proposta ao Excmo. Sr. Reitor Magfco, quen decidirá no prazo de 20 días hábiles a contar desde o día seguinte ao de envío por parte do Presidente da Comisión. Corresponderá ao Secretario da Comisión o envío das correspondentes resolucións ao enderezo académico oficial dos IP con proxectos a financiar, así como recabar a conformidade destes no tempo e forma que se estableza. Unha vez recibida a aceptación e conformidade dos IP, a USC abrirá a correspondente partida orzamentaria, da que será responsable o IP do Proxecto.

A condición de membro da Comisión implica a aceptación das presentes Bases
da Convocatoria.


doc formulario [doc - 301 kb][Actualizado: 4/4/12]
[34KB]