Saltar ao contido principal
Inicio  »  Investigación  »  Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico  »  Experimentación Animal  »  Sección de Animalario Experimental (Lugo)  »  Presentación

Animalario Experimental

O Animalario de Investigación do Campus de Lugo (número de rexistro AE-LU-002) é unha instalación de apoio á investigación que ten como misión asegurar a correcta estabulación e mantemento dos animais de experimentación en condicións definidas de seguridade, confort, hixiene e parámetros ambientais (iluminación, temperatura, humidade ..., de acordo coa normativa específica que rexe estas instalacións.

Dá servizo a investigadores da USC (Campus de Lugo e Santiago), doutras Universidades, e tamén a entidades de carácter público ou privado que poidan precisar a utilización de modelos animais para o desenvolvemento da súa actividade.

 Inmunización para a produción de anticorpos en coellos
Inmunización para a produción de anticorpos en coello

O animalario de experimentación do Campus de Lugo está actualmente estruturado nas seguintes unidades:

• Bloque de pequenos animais (roedores e lagomorfos).

• Acuario e algario de auga salgada.

• Acuario de auga doce.

• Instalacións de apoio.

Entre os servizos ofertados, ademais das operacións normais de estabulación, coidados sanitarios e mantemento dos animais, cómpre destacar a posibilidade de realizar xestión de colonias, xestacións e partos programados, inmunización de animais para a produción de anticorpos, administración de dietas especiais, etc.

 Módulo de estabulación para rato
Módulo de estabulación para rato

O bloque de pequenos animais está dividido en dúas zonas, unha delas destinada ás especies consideradas “de barreira” (rata, rato, cobaia), que requiren un dobre acceso, a través tanto da zona común como da zona limpa (para acceso con material limpo e/ou estéril dende a zona de lavado/esterilización) e outra destinada a animais que non precisan estabulación con zona de barreira (coellos).

Na zona de barreira hai un total de oito cubículos, seis deles para rata e rato, un para outros roedores (cobaia) e outro destinado a sala intermedia para a preceptiva cuarentena. A súa concepción modular permite que o número de animais de cada especie poida ser adaptado ás demandas dos investigadores, con capacidades máximas no entorno dos 200 animais, tanto para rato como para rata. Disponse ademais do espazo para incrementar estas capacidades en función das necesidades futuras.

 Cubículos para rato, rata e cobaia
Cubículos para rata, rato e cobaia

A zona sen barreira dispón de dous cubículos para coello, con capacidade para aloxar, no momento actual, ata un máximo de 18 animais, con previsións para duplicar esta cifra no futuro inmediato e aínda para ampliala a medio prazo, se a demanda así o xustifica.

 Módulo de estabulación para coello
Módulo de estabulación para coello

Respecto ás instalacións para acuicultura, disponse de algario (xa operativo) e de acuarios separados para auga doce e salgada (en fase de montaxe).

Ademais, o animalario dispón de varias salas destinadas ó seu uso como pequenos laboratorios, así como dun quirófano para pequenos animais.

 Algario e acuario de auga salgada
Algario e acuario de auga salgada