A plataforma Unidade de Avaliación de Actividades Farmacolóxicas de Compostos Químicos (USEF) constitúese a partir do grupo GI-1685 que aporta as súas capacidades científicas e tecnolóxicas.
O novo concepto de plataforma USEF comprende servicios a:
1) Grupos públicos mediante o deseño de experimentos á medida das necesidades dos grupos químicos e a automatización das tecnoloxías para os grupos biomédicos.
O apoio a grupos públicos cobre a demanda de grupos químicos públicos para o estudio do espectro xeral de perfiles farmacolóxicos mediante un screening rápido e aporta aos grupos biomédicos as tecnoloxías e a experiencia para a automatización / miniaturización das súas técnicas. Todo elo para sacar valor aos novos hits procedentes da diversidade estructural que proporcionan os distintos grupos químicos, e ás novas técnicas das que dispoñen en investigación os grupos biomédicos.

2) Ó sector farmacéutico privado na posta a punto e execución de cascadas de screening.
Nun ámbito tan competitivo como é o descubrimento de fármacos, a oferta de cascadas integradas mediante as que se leve a cabo a selección de candidatos a fármacos, constitúe unha das actividades máis valoradas. A súa aplicación a screening (cribado) automatizado de alto rendemento constitúe un dos pilares do I+D de fármacos.
Na Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Grupo GI-1685 do Departamento de Farmacoloxía (UCR) desenvolve o seu traballo dende 1992 no ámbito do I+D de fármacos, en validación de dianas terapéuticas i en deseño i execución de cascadas de screening de fármacos en proxectos tanto de ámbito público como privado (con compañías farmacéuticas), ámbitos nos que é un dos grupos con maior experiencia en España. Por esto, o grupo dispón de experiencia acumulada durante o ensaio de miles de compostos, na posta a punto e automatización de técnicas para ser implementadas en cascadas de amplo rendemento.

O conxunto dispón dun moderno e ben equipado laboratorio de avaliación da actividade farmacolóxica de moléculas incluíndo tódalas infraestructuras necesarias para levar a cabo cascadas de selección de fármacos a grande escala, tanto en estudios de unión como funcionais.
Así mesmo cóntase cun equipo de profesionais especializados capaz de asesorar nos distintos eidos da planificación de cascadas de screening e validación de dianas en descubrimento de fármacos familiarizado co uso das tecnoloxías a grande escala incluíndo tanto o manexo das plataformas e robots necesarios, como o deseño miniaturización/automatización dos ensaios, e co emprego dos programas (algún propio) de deseño e lectura de resultados, así como coa súa análise e interpretación.