NORMATIVA DE CONCESIÓN DE LICENCIAS DE ANO SABÁTICO
Aprobada polo Consello de Goberno o 30 de marzo de 2004
O artigo 20 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto autonómico 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG 09-02-2004) recolle o dereito dos profesores, cando cumpran determinados requisitos, a unha licencia dun ano conservando todos os seus dereitos económicos e administrativos. Indica tamén que o Consello de Goberno elaborará a normativa de concesión destas licencias e decidirá sobre a súa concesión, tendo en conta os proxectos de actividades que se vaian realizar.
En cumprimento do establecido no mencionado precepto, o Consello de Goberno, na súa reunión do 30 de marzo de 2004 aprobou a seguinte NORMATIVA:
1. OBXECTIVOS
A concesión de licencias de ano sabático ten como obxectivos mellorar a calidade da docencia e incrementar o potencial investigador da Universidade de Santiago de Compostela.
2. REQUISITOS DOS SOLICITANTES
Ser profesor funcionario ou contratado en réxime laboral na Universidade de Santiago de Compostela, ter un mínimo ininterrompido de 6 anos de docencia nesta Universidade en réxime de dedicación a tempo completo e atoparse nesta mesma dedicación no momento da solicitude.
3. CRITERIOS DE PREFERENCIA
3.1. Non ter gozado de ningún ano sabático.
3.2. Non ter gozado dun total de doce meses de permiso nos últimos cinco anos.
3.3. Antigüidade como profesor funcionario ou contratado na Universidade de Santiago
de Compostela.
3.4. Interese científico e académico da actividade a desenvolver.
Como regra xeral non poderá concederse máis dunha licencia por área de coñecemento e curso académico. Excepcionalmente este número poderá elevarse se iso non causa prexuízos ao desenvolvemento da docencia e da investigación.
4. PROCEDEMENTO
4.1. Convocatoria
O reitorado establecerá cada curso académico un prazo para que os profesores que cumpran os requisitos establecidos neste acordo poidan solicitar licencias por ano sabático.
4.2. Documentación
Os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:
a) Instancia dirixida ao reitor.
b) Curriculum vitae.
c) Descrición da actividade a realizar durante a licencia, acompañada dunha declaración expresa de que non se dedicará durante o tempo de goce da licencia a ningunha outra actividade distinta daquela para a que se solicita.
d) Informe do Consello de Departamento, coa mención expresa das medidas arbitradas para cubrir a docencia. De existir capacidade docente na área esta deberase facer cargo da docencia que corresponde ao profesor.
En caso de ser necesario, e na medida en que os orzamentos da Universidade o permitan, o Consello de Goberno habilitará partidas específicas para cubrir a docencia.
4.3. Concesión
O Consello de Goberno, a proposta da Comisión de Ordenación Académica e Profesorado e consonte ós criterios fixados no presente acordo, decidirá sobre a concesión de licencias de ano sabático.
No caso dos profesores que desempeñen unha praza vinculada con función asistencial no SERGAS, consonte ao Convenio USC-SERGAS, o acordo do Consello de Goberno trasladarase á Comisión Mixta USC-SERGAS para que esta adopte a decisión que corresponda.
5.- MEMORIA
Rematado o período da licencia, e antes da finalización do ano natural correspondente, o profesor debe realizar unha memoria sobre o traballo ou actividades desenvolvidas nese tempo, que será remitida ao Consello de Goberno acompañada dun informe emitido polo Consello de Departamento ao que estea adscrito.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Desde a data de aprobación do presente acordo queda sen efecto a “Normativa de anos sabáticos” aprobada por acordo da Xunta de Goberno do 20 de decembro de 1990.