Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Terceiro Ciclo, Posgrao, Cuarto Ciclo e Formación Continua  »  Normativa sobre regulación dos estudos de cuarto ciclo

Normativa sobre regulación dos estudos de cuarto ciclo da UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (USC)
(Aprobada polo Consello de Goberno o 22 de xuño de 2004 e polo Consello Social o 21-xullo-2004)

 
O artigo 34 da Lei 6/2001, de Universidades indica que as universidades poderán establecer ensinanzas conducentes á obtención de diplomas e títulos propios, así como ensinanzas de formación ao longo de toda a vida xustificado na exposición de motivos que a “sociedade esixe, ademais, unha formación permanente ao longo da vida, non só na orde macroeconómica e estrutural, senón tamén como modo de autorrealización persoal. Unha sociedade que persegue consegui-lo acceso masivo á información necesita persoas capaces de a converter en coñecemento mediante a súa ordenación, elaboración e interpretación.”
Neste senso a USC ven impartindo os estudos de Cuarto ciclo para promove-la incorporación das persoas maiores de 50 anos aos estudos universitarios.
A presente normativa ten por obxecto regulamentar os aspectos de xestión académica dos títulos propios que conforman o cuarto ciclo.
Artigo 1. Obxecto
O Cuarto ciclo é un ciclo independente dos estudos universitarios ordinarios, dirixido a persoas maiores de 50 anos, orientado á formación deste colectivo.
Os seus obxectivos son:
a)        Posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que sexan precisos para acadar tal fin.
b)        Promove-la formación universitaria das persoas maiores de 50 anos, con criterios de interdisciplinariedade, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social, no marco da formación permanente, entendida como experiencia global desenvolvida ao longo de toda a vida.
Artigo 2. Plan docente
Os estudos de Cuarto ciclo se estruturan en cinco cursos. Os tres primeiros son de carácter xeral e os dous últimos de especialización.
A superación dos tres primeiros cursos dará dereito ao diploma de “Graduado Senior”.
A superación dos cinco cursos dará dereito ao diploma de “Graduado Superior Senior”. Trala realización dun traballo de investigación, os titulados superiores poderán optar ao grao de excelsor.
Os tres primeiros cursos constarán de tres materias por un total de nove créditos e os cursos 4º e 5º dunha materia de nove créditos conforme a programación que realice a Universidade.
Artigo 3. Do grao excelsor
Para a obtención deste grao o alumno deberá realizar, baixo a dirección dun profesor ou profesores da USC, un traballo de investigación orixinal, individual ou colectivamente, axustándose para a súa presentación, exposición e defensa aos procedementos que de seguido se establecen.
a) Solicitude: Os graduados superiores senior que pretendan obter o grao de excelsor, deberán solicitalo o director do IV Ciclo co visto e prace do director do traballo, acompañando unha breve memoria do traballo a realizar, debendo mediar como mínimo 90 días, entre a solicitude e a súa presentación ou depósito.
b) Presentación: O traballo deberá estar redactado en galego ou castelán e será depositado por cuadriplicado na secretaría do IV Ciclo, debidamente encadernado, debendo figurar na primeira páxina o visto e prace do director ou directores, non podendo ter sido avaliado ou cualificado con anterioridade en ningunha outra institución académica.
c) Exposición ou defensa: transcorridos quince días, dende o seu depósito, a Dirección do IV Ciclo poderá autorizar a súa defensa, que deberá anunciar con un mínimo de quince días. Unha vez autorizada a súa defensa e fixado o día e nomeado o tribunal dará traslado á U.X.A. correspondente, comunicándolle ao alumno a obriga de formalizar matrícula con un mínimo dunha semana antes da exposición.
d) Tribunal: O tribunal constará de tres membros que serán nomeados polo departamento ao que pertenza o director que figure en primeiro lugar. Se foran máis de un, a proposta do director do IV Ciclo. O director do traballo formará parte do tribunal. De ser máis de un os directores formará parte do tribunal un deles.
e) Cualificación: Os traballos que concorran ao excelsor serán cualificados consonte ás seguintes cualificacións: Aprobado, Notable e Sobresaliente.
Se a xuízo do tribunal o traballo non acadara o nivel suficiente, procederá á devolución do traballo e á devolución do expediente á unidade de xestión correspondente, facendo constar na acta a mención de “devolto”.
Artigo 4. Docencia
Impartirase docencia en presenza física, tanto de carácter teórico como práctico en aulas e instalacións da Universidade, sendo impartida maioritariamente por profesores universitarios. No caso de profesionais ou colaboradores alleos á USC requirirase a previa autorización e o outorgamento da correspondente “venia docendi”.
A Universidade poderá fixar un número mínimo de alumnos por materia. No caso de non chegar a ese número os alumnos poderán optar pola realización dunha materia ou solicitar a anulación de matrícula con devolución do importe da mesma.
Artigo 5. Acceso
Poderán acceder a estes estudos os maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel formativo previo.
A Universidade poderá establecer anualmente o límite de prazas para estes estudos.
O acceso os estudos de IV Ciclo non supón o cumprimento dos requisitos ordinarios de acceso aos estudos oficiais da Universidade .
Artigo 6. Matrícula
A matrícula realizarase na Unidade de Xestión Académica do Campus Sur.
No primeiro curso, por primeira vez, deberá formalizar matrícula na totalidade dos créditos que conforman o curso. Excepcionalmente, e previa petición individual dos alumnos, atendendo as circunstancias persoais, pódense admitir matrículas con menor carga de créditos.
Para matricularse no curso superior o alumno non deberá ter máis dunha materia de máis de tres créditos pendente de cursos precedentes.
O prazo de matrícula establecerase anualmente pola USC. De non fixarse será o mesmo que para a continuación de estudos da matrícula oficial. O réxime de modificación e anulacións será o xeral para os alumnos oficiais. As modificacións realizadas con posterioridade non darán dereito á devolución do importe da matrícula.
Coa matrícula os alumnos abonarán o seguro de accidentes que estableza a Universidade.
Artigo 7. Cualificacións
As cualificacións serán as mesmas que para as titulacións oficiais. A mención de matrícula de honra, non conleva a exención ou bonificación de prezos públicos.
Artigo 8. Dereitos e deberes
Os alumnos do Cuarto ciclo terán os seguintes dereitos: expedición e uso da tarxeta universitaria de identidade (TUI), uso da biblioteca, utilización do bonobús universitario, e acceso aos servizos deportivos e ás actividades culturais nas mesmas condicións que os alumnos da USC de titulacións oficiais, podéndose ampliar estes dereitos por resolución reitoral.
O sistema de representación será o que estableza o Regulamento Electoral da Universidade.
Os deberes serán os dos alumnos da Universidade.
Artigo 9. Prezos
Os prezos dos estudos e dos servizos asociados deben ser fixados polo Consello Social, a proposta do Consello de Goberno. Estes prezos incrementaranse conforme ás porcentaxes de incremento do Decreto anual de prezos da Xunta de Galicia.
Non caben exencións nin bonificacións de prezos.
Anualmente a USC convocará bolsas de matrícula específicas para este colectivo, de xeito que a matrícula poida ser gratuíta para as persoas cun nivel inferior de renda. Esta convocatoria será xestionada polo Servizo de Bolsas e Axudas e terá como obxectivo a cobertura dos custes de matrícula por servizos académicos.
O prezo inicial do crédito será de 7,61 euros por crédito.
Ademais dos prezos por créditos, os alumnos deberán abonar:
-       18,13 euros por apertura de expediente (unha soa vez).
-       18,13 euros por certificacións académicas.
-       22,83 euros pola expedición de títulos.
-       22,83 euros por duplicado do título.
-       3,89 euros por expedición e mantemento da tarxeta.
Artigo 10. Títulos
1. O procedemento de expedición dos títulos será xestionado na Sección de Títulos do Servizo de Xestión Académica.
2. As cartolinas soporte dos títulos, tamaño DIN A-3, deberán levar impreso o emblema da Universidade de Santiago de Compostela, así coma o selo en seco da Universidade e unha clave alfanumérica que se reflectirá tanto no anverso coma no reverso. Os títulos expediranse en versión bilingüe (galego-castelán) nun único documento, de acordo co modelo que aprobe a Secretaría Xeral.
Os títulos levarán impresa no anverso a sinatura do reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén serán asinados no anverso polo  xefe da Sección de Títulos e polo propio interesado/a.
No reverso serán asinados polo responsable do Rexistro de Títulos que dará constancia do asento no Libro Rexistro Universitario.
3. Os títulos deberán ser retirados persoalmente polos interesados, acreditando a súa identidade e asinarán o título no momento da súa entrega, do que quedará constancia. No suposto de que non lle fora posible retira-lo persoalmente, o interesado poderá autorizar a outra persoa, sempre mediante poder notarial, para que o retire no seu nome. Dito poder notarial arquivarase no expediente do alumno no caso de ser específico ou unha copia cotexada no caso de tratarse dunha autorización notarial xenérica. Os interesados que residan en localidade distinta do centro no que realizaran os estudos, poderán solicitar mediante instancia dirixida ao xefe da UXA a remisión do título á unha oficina de Educación ou Oficina Consular máis próxima ao seu lugar de residencia. No caso de falecemento do alumno antes de recoller o título, o reitor poderá acordar a súa entrega aos parentes máis próximos ou herdeiros que o soliciten e acrediten a súa condición. Neste caso o título incluirá a mención legal de invalidación do mesmo.
4. Procederá a expedición de duplicados, previa anulación do título orixinal, no suposto de que se produzan alteracións derivadas de cambio de nome ou calquera outra que afecte ao contido do título. Así mesmo procederá a expedición de duplicado no suposto de extravío, destrución ou deterioro dun título.
O procedemento para a expedición de duplicados será o mesmo que o dos títulos oficiais.
Disposición transitoria
1.- A Secretaría Xeral da Universidade poderá ditar instrucións sobre a elaboración e xestión das actas do Cuarto ciclo, así como sobre a elaboración dos títulos.
2.- A Universidade poderá integrar estes estudos na oferta xeral da USC, así como establecer internamente circulares específicas.
Disposición final
A presente Normativa entrará en vigor cando sexa aprobada polo Consello Social a proposta do Consello de Goberno, e poderá ser incorporada ás Normas de Xestión Académica como parte integrante das mesmas.