Normativa sobre regulación do título propio de especialización en avogacía, procuradoría e práctica xurídica da USC
Aprobada polo Consello de Goberno o 22 de xuño de 2004
A Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela foi creada polo Real decreto 2394/1981 do 20 de agosto, logo de que iniciara o expediente en 1978 a Facultade de Dereito en estreito contacto co Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, e logo do posterior informe favorable da Xunta de Goberno desta Universidade emitido na súa sesión do 23 de xaneiro de 1979. Dentro da estrutura universitaria ten o carácter de escola de especialización profesional.
A Escola de Práctica Xurídica «Eugenio Montero Ríos» foi creada ao abeiro das funcións que o artigo 4.e) do Estatuto Xeral da Avogacía (Real decreto 2090/1982, do 24 de xullo) recoñece aos colexios de avogados, por acordo do 2 de xullo de 1991 da Xunta Xeral do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, logo da proposta da súa Xunta de Goberno; acordo ao que se adheriu o Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela o 3 de xullo de 1991.
O 23 de novembro de 1994, froito das excelentes relacións existentes entre os equipos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela e dos ilustres colexios de avogados e de procuradores da cidade, asinase un convenio de colaboración entrámbalas dúas escolas, por medio do cal tódalas actividades de formación que cada unha viña realizando ata ese intre por separado pasan a desenvolverse de forma conxunta baixo o nome de Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela.
A Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, no seu artigo 34.3 dispón que “as universidades poderán establecer ensinanzas conducentes á obtención de diplomas e títulos propios, así como ensinanzas de formación o longo de toda a vida” Asemade nesta mesma Lei o artigo2 que regula a autonomía universitaria establécese que “Nos termos da presente Lei, a autonomía universitaria comprende: c) a creación de estruturas específicas que actúen como soporte da investigación e da docencia.”
Os Estatutos da Universidade de Santiago no artigo 130, sinalan que o Consello de Goberno, seguindo as directrices emanadas polo Claustro, establecerá as normas xerais que regulen a organización e a avaliación dos estudos que ofreza, o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas correspondentes, así como o réxime de vinculación dos estudantes coa universidade.
No artigo 63 dos Estatutos regúlanse as Escolas de Especialización Profesional definíndoas como “Centros Universitarios orientados á formación e ao perfeccionamento profesional dos titulados universitarios ou, de ser o caso, de estudantes de cursos avanzados dos estudos universitarios”.
A Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago foi creada como Escola de Especialización profesional, polo que de acordo cos Estatutos da Universidade “poderá organizar os estudos dirixidos á obtención de títulos, certificados ou diplomas de especialización”.
Dada a peculiaridade destes estudos e da súa organización faise necesario establecer unha regulación específica, diferente doutros estudos ou títulos propios.
En consecuencia, o Consello de Goberno, na súa reunión do 22 de xuño de 2004,
ACORDA
Artigo 1.- Obxecto
O obxecto da presente normativa é regular a xestión, impartición e expedición do título propio da USC “Título de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica” ao abeiro do art. 34.3 da Lei Orgánica de Universidades.
Naqueles aspectos non regulados na presente norma será de aplicación subsidiaria a Normativa de Xestión Académica, sen que sexa aplicable o Regulamento de Estudos de Posgrao nin o Regulamento sobre expedición de títulos propios.
Artigo 2.- Plan docente
Os estudos se estruturan en:
· Curso xeral formativo, cunha duración de once meses e aproximadamente 60 créditos
· Ciclo de especialización, cunha duración de oito meses e aproximadamente 30 créditos
· Prácticas externas cunha duración de 150 créditos, só para alumnos a tempo completo
A superación da totalidade final dos créditos e dunha proba que se estableza, tendo en conta os criterios do Consello Xeral da Avogacía para a homologación do centro, dará lugar ao título propio de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica.
Artigo 3.- Admisión e preinscrición
Poderán acceder a estes estudos os licenciados en Dereito ou con título homologado a este polo Estado Español. Excepcionalmente admitiranse alumnos da licenciatura de Dereito con algunha materia pendente, ou licenciados doutros países pendentes de homologar o título, previa resolución de equivalencia. A continuidade dos estudos e a expedición do título quedará condicionada ao remate dos estudos ou á homologación de estudos estranxeiros.
A Universidade establecerá anualmente o límite das prazas a proposta do Consello Directivo da Escola. As prazas adxudicaranse en función dos criterios que se establezan e se anuncien con anterioridade ao prazo de matrícula. Así mesmo poderá establecerse un prazo de preinscrición no que se esixirá un pagamento en concepto de preinscrición. No caso de non ser admitido procederase a súa devolución de oficio. No caso de ser admitido deducirase do importe total da matrícula. Non procederá a devolución no caso de renuncia á matrícula, unha vez admitido.
Artigo 4.- Matrícula
A matrícula poderá ter dúas modalidades de dedicación: tempo completo ou tempo parcial, segundo a dispoñibilidade dos alumnos.
O prazo de matrícula establecerase anualmente pola USC previa proposta do Consello Directivo da Escola.
Coa matrícula os alumnos abonarán o seguro de accidentes que estableza a Universidade.
Artigo 5.- Docencia
A docencia pode realizarse en modalidade presencial ou virtual, con carácter teórico ou práctico, e impartirse en aulas e instalacións tanto da Universidade como de colexios profesionais, xulgados, despachos de avogados, empresas ou institucións públicas.
O persoal docente estará composto fundamentalmente de expertos nas diferentes materias. Aos colaboradores alleos á USC outorgaráselle a oportuna venia docendi.
Artigo 6.- Prezos públicos
1. Os prezos públicos dos estudos serán determinados polo Consello Social, a proposta do Consello de Goberno, previa solicitude do Consello Directivo da Escola.
2. Non caberán exencións nin bonificacións de prezos, agás en virtude de convenios que establezan, no marco do intercambio internacional, unha exención de abono de dereitos de matrícula en condicións de reciprocidade. Tamén poderán existir convenios ou acordos que establezan a subvención de prezos, a todos ou a algúns dos alumnos, especificamente para esta titulación, sempre sometidos ao principio de compensación á USC dos ingresos deixados de percibir.
3. Non serán aplicables nin os descontos de familia numerosa, nin outras bolsas ou exencións previstas para primeiro, segundo ou terceiro ciclo.
4. A Universidade ou os Colexios Profesionais, previa convocatoria pública, poderán establecer unha compensación total ou parcial dos dereitos de matrícula en función das circunstancias económicas e académicas dos alumnos.
5. Ademáis dos prezos públicos por matrícula, os alumnos deberán abonar os prezos por servizos que fixe anualmente a Universidade ou, no seu defecto, os establecidos polo Decreto anual de prezos aprobado pola Xunta de Galicia.
Artigo 7.-. Cualificacións e mencións
As cualificacións e mencións dos alumnos serán as mesmas que as establecidas para primeiro ou segundo ciclo das titulacións oficiais, agás a matrícula de honra.
Artigo 8.- Dereitos e deberes
Os alumnos terán os seguintes dereitos: expedición e uso da tarxeta universitaria de identidade (TUI), uso da biblioteca, utilización do bonobús universitario, e acceso aos servizos deportivos e ás actividades culturais nas mesmas condicións que os alumnos da USC de titulacións oficiais, podéndose ampliar estes dereitos por resolución reitoral.
O sistema de representación será o que estableza o Regulamento Electoral da Universidade.
Os deberes serán os dos alumnos da Universidade.
Artigo 9.- Títulos
1. O procedemento de expedición dos títulos será xestionado na Sección de Títulos do Servizo de Xestión Académica.
2. As cartolinas soporte dos títulos, tamaño DIN A-3, deberán levar impreso o emblema da Universidade de Santiago de Compostela e o dos colexios oficiais de Avogados e Procuradores, así coma o selo en seco da Universidade e unha clave alfanumérica que se reflectirá tanto no anverso coma no reverso. Os títulos expediranse en versión bilingüe (galego-castelán) nun único documento, de acordo co modelo que aprobe a Secretaría Xeral.
Os títulos levarán impresa no anverso a sinatura do reitor da Universidade de Santiago de Compostela e os decanos dos colexios profesionais. Tamén serán asinados no anverso polo xefe da Sección de Títulos e polo propio interesado/a.
No reverso serán asinados polo responsable do Rexistro de Títulos que dará constancia do asento no Libro Rexistro Universitario.
3. Os títulos deberán ser retirados persoalmente polos interesados, acreditando a súa identidade e asinarán o título no momento da súa entrega, do que quedará constancia. No suposto de que non lle fora posible retiralo persoalmente, o interesado poderá autorizar a outra persoa, sempre mediante poder notarial, para que o retire no seu nome. Dito poder notarial arquivarase no expediente do alumno no caso de ser específico, ou unha copia cotexada no caso de tratarse dunha autorización notarial xenérica. Os interesados que residan en localidade distinta do centro no que realizaran os estudos, poderán solicitar mediante instancia dirixida ao xefe da UXA a remisión do título á oficina de Educación ou Oficina Consular máis próxima ao seu lugar de residencia. No caso de falecemento do alumno antes de recoller o título, o reitor poderá acordar a súa entrega aos parentes máis próximos ou herdeiros que o soliciten e acrediten a súa condición. Neste caso o título incluirá a mención legal de invalidación do mesmo.
4. Procederá a expedición de duplicados, previa anulación do título orixinal, no suposto de que se produzan alteracións derivadas de cambio de nome ou calquera outra que afecte ao contido do título. Así mesmo procederá a expedición de duplicado no suposto de extravío, destrución ou deterioro dun título.
O procedemento para a expedición de duplicados será o mesmo que o dos títulos oficiais.
Disposición transitoria primeira
1.- A Secretaría Xeral da Universidade poderá ditar instrucións sobre a elaboración e xestión das actas, así como sobre a elaboración dos títulos.
2.- A Universidade poderá integrar estes estudos na oferta xeral da USC, así como establecer internamente circulares específicas.
Disposición transitoria segunda
O procedemento e efectos do título regulado na presente normativa serán aplicados aos títulos que se expidan para os alumnos do bienio 2002-2004 e posteriores.
Aqueles alumnos que posúan un título da Escola de Práctica Xurídica da USC que a propia Universidade declare homologable ao regulamentado nesta Normativa, poderá solicitar a expedición dun novo título coa denominación actual, debendo abonar as taxas por expedición do novo título.
Disposición final
A presente Normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno, sen prexuízo da supervisión do seu contido económico que corresponda ao Consello Social. A Normativa poderá ser incorporada ás Normas de Xestión Académica como parte integrante das mesmas.