Aprobadas polo Claustro Universitario o 23 de febreiro de 2006
A LOU, dedica o seu capítulo XIII á regulación do espazo europeo de educación superior, no marco dos principios acordados na Declaración de Bolonia e nos posteriores pronunciamentos dos gobernos da Unión Europea.
O Real Decreto 55/2005, do 21 de xaneiro, establece a estrutura das ensinanzas universitarias e regulamenta os estudos de grao; o Real Decreto 56/2005, do 21 de xaneiro regulamenta os estudos universitarios oficiais de posgrao establecendo así unha nova estrutura dos estudos de nivel universitario, que diferenza entre estudos de grao e estudos oficiais de posgrao. Estes decretos foron obxecto de modificación polo RD 1509/2005 atribuíndo novas competencias para as comunidades autónomas.
Pola súa banda os Estatutos da USC reservan ao Claustro a competencia para aprobar, entre outras materias, as regras xerais reguladoras dos estudos de posgrao, que posteriormente deberán ser desenvoltas polo Consello de Goberno para establecer así o marco normativo propio da USC no referente a docencia universitaria de posgrao.
Xa que logo, o Claustro Universitario, na súa reunión de 23 de febreiro de 2006 aprobou as seguintes REGRAS XERAIS DOS ESTUDOS DE POSGRAO DA USC.
Artigo 1
1. Os estudos de posgrao na USC están integrados por:
a) Programas oficiais de posgrao, que abarcan:
- Estudos de máster (segundo ciclo).
- Estudos de doutoramento (terceiro ciclo).
b) Estudos de posgrao propios da USC que poden revestir a forma e ter a duración que determine a normativa.
2. A xestión académica dos estudos de posgrao levarase a cabo, agás excepcións debidamente motivadas, nas mesmas unidades de xestión previstas para a docencia de grao.
CAPITULO I Dos estudos oficiais de posgrao.
Artigo 2
Os programas oficiais de posgrao, orientados á especialización académica, profesional ou investigadora están integrados por:
a) Estudos de máster, con unha duración de entre 60 e 120 créditos.
b) Estudos de doutoramento, orientados á investigación e a realización da tese de doutoramento.
Artigo 3
1. Os plans dos estudos de máster estarán compostos por:
- Módulos: que se definen como o conxunto de materias relacionadas entre si e poderá estar constituído por materias obrigatorias e/ou materias optativas.
- Materias: que son os contidos correspondentes a disciplinas e actividades formativas que poden ter carácter presencial ou non presencial.
2. Os programas oficiais de posgrao poderán prever a existencia de especialidades en función dos módulos ou materias cursados polo alumno.
Artigo 4
Os plans de estudos de doutoramento están compostos por:
- Liñas de investigación, que poderán ser obxecto de teses de doutoramento.
- Relación de profesores e investigadores encargados da dirección das teses de doutoramento.
- A programación de outras actividades docentes ou investigadoras, no seu caso.
Artigo 5
1. A responsabilidade dos estudos de máster corresponderá, salvo excepcións que deberán estar especialmente motivadas, a centros da USC.
2. A responsabilidade dos estudos de doutoramento recaerá en departamentos ou institutos da USC.
3. Cando se trate de programas interuniversitarios, intercentros ou interdepartamentais, deberán preverse os órganos precisos de coordinación dos centros ou institucións implicadas.
Artigo 6
1. A oferta de programas oficiais de posgrao tenderá a abarcar todas as grandes áreas de coñecemento, atendendo as necesidades de formación posgraduada e tomando en consideración os titulados de grao nos distintos estudos e nos dous campus que integran a USC, así como a desexable racionalidade na oferta de estudos dentro do espazo universitario galego.
2. Na USC non poderá existir máis dun programa oficial de posgrao que incida sobre os mesmos contidos e obxectivos.
3. A determinación da proposta de programas oficiais de posgrao efectuarase tendo en conta os criterios de: calidade; pertinencia académica; adecuación á realidade social e económica de Galicia; demanda previsible e razoada e recursos dispoñibles, nos termos que precise a normativa de desenvolvemento.
Artigo 7
Para a resolución das cuestións referidas aos estudos de posgrao da USC crearase unha Comisión de Estudos de Posgrao. Garantirase a presenza de todos os sectores da comunidade universitaria que representen as grandes áreas de coñecemento, dos dous campus, así como a decanos ou directores de centro e directores de departamento ou instituto.
Artigo 8
A todos os efectos, a docencia e demais encargos ou obrigas referidas aos estudos oficias de posgrao deberán recibir o mesmo tratamento previsto para a docencia de estudos oficias de grao.
Artigo 9
A normativa que regule os programas oficiais de posgrao establecerá un réxime de acceso atendendo a criterios que respondan aos principios de obxectividade, imparcialidade, mérito e capacidade.
Artigo 10
As presentes disposicións xerais poderán excepcionarse no caso de estudos de posgrao oficiais con directrices propias.
CAPITULO II Dos estudos de posgrao propios da USC.
Artigo 11
1. O encargo docente e as actividades de dirección ou coordinación do profesorado en estudos de posgrao propios da USC deberán figurar e computarse dentro do seu Plan de Traballo Anual.
2. O Consello de Goberno regulará as condicións de participación do profesorado nos estudos de posgrao propios, así como a posible remuneración das actividades que neles se desenvolven, tomando en consideración a dedicación docente do profesorado.
Artigo 12
As restantes cuestións referidas a estudos de posgrao propios da USC serán regulados polo Consello de Goberno, tratando de garantir calidade, pertinencia social e o mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.