Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Terceiro Ciclo, Posgrao, Cuarto Ciclo e Formación Continua  »  Regulamento dos Estudios de Posgrao e de Formación Continua

Regulamento dos Estudios de Posgrao e de Formación Continua

Preámbulo

Estudios de Posgrao

Estudiosde Formación Continua

Da Organización dos Estudios de Posgrao e de Formación Continua

Financiación

Acceso, Preinscrición e Matrícula

Validacións e Avaliacións

Expedición de Títulos e Certificacións

Memoria Final

Seguimento da Calidade dos Estudios

Disposicións Adicionais, Transitorias e Finais

 

REGULAMENTO DOS ESTUDIOS DE POSGRAO E DE FORMACIÓN CONTINUA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

(Xunta de Goberno do 22 de decembro de 1999)

(DOG do 2 de marzo de 2001)

(Modificación do artigo 20, por Xunta de Goberno do 23-abril-2002)

(Modificación dos artigos 7, 11 e 30 polo Consello de Goberno do 12-06-2003)

(Modificación do artigo 6 polo Consello de Goberno do 13-XI-2003)

(Modificación dos artigos 29 e 30 polo Consello de Goberno do 17-XI-2004)

( Modificación parcial, arts. 1, 3, 7, 8, 10, 14, 21, 22, 23, 26, 31, 32, 33, 35 e 36, por Consello de Goberno do 30 de marzo de 2005 )

PREÁMBULO

O artigo 17 do Real Decreto 778/1998, polo que se regula a obtención e expedición de títulos de doutor e doutros estudios de posgrao, desenvolve o artigo 28.3 da L. R. U. Nel recoñécese que as Universidades, no uso da súa autonomía, "poderán impartir ensinanzas para titulados universitarios sobre campos do saber propios da carreira de procedencia ou de carácter intercurricular e especialmente orientadas á aplicación profesional de ditos saberes". Indica igualmente que "quen superen as ditas ensinanzas poderán obter da Universidade o correspondente título ou diploma propio da Universidade, de acordo coas previsións do artigo 6 e seguintes do Real Decreto 1496/1987, de 6 de novembro, sobre obtención, expedición e homologación de títulos universitarios".

Por outra banda, o artigo 122 dos Estatutos da USC atribúe ós departamentos, centros e institutos universitarios a función de organizar estudios dirixidos á obtención de certificados ou diplomas de especialización. Corresponde á Xunta de Goberno, consonte ó artigo121, "establece-las normas xerais que regulen a organización e a aprobación destes estudios, así coma o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas correspondentes".

Facendo uso destas atribucións organizativas, a Xunta de Goberno acordou aproba-la creación do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua (CPTF no que segue) na súa sesión do día 22 de decembro de 1998 co obxectivo fundamental de supervisa-la calidade desta oferta formativa.

Consideránse Estudios de Posgrao e Estudios de Formación Continua aqueles estudios non establecidos con carácter oficial por Real Decreto, que sexan aprobados pola Xunta de Goberno no caso dos Estudios de Posgrao, e polo CPTF no caso de Estudios de Formación Continua, en aplicación do presente regulamento.

CAPÍTULO I: ESTUDIOS DE POSGRAO

Norma xeral

Artigo 1

1. A presente normativa é de aplicación ós estudos propios de posgrao e ós estudos de formación continua impartidos pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). A xestión das propostas e a supervisión destes estudos corresponderalle ó Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua (CPTF), que estará asistido pola Comisión competente en materia de posgrao propio.

2. Os estudos propios de posgrao articúlanse en dous tipos de cursos: "Máster" e de *Especialización*. Conducirán respectivamente ás titulacións propias da USC de "Máster Universitario propio" e de "Especialista Universitario". Para a elaboración dos planos de estudo correspondentes ós estudos de posgrao empregarase o sistema de créditos. A efectos de cómputo, un crédito equivale a dez horas lectivas independentemente de que se impartan baixo a modalidade presencial ou non presencial.

Tipos de Cursos de Posgrao e condicións de acceso

Artigo 2

O Máster comprenderá como mínimo 50 créditos debidamente distribuídos entre teoría e prácticas. A súa duración lectiva será, polo menos, dun curso académico.

Artigo 3

1. En xeral, para acceder a un Máster será necesario estar en posesión dun título universitario correspondente ó segundo ciclo. Excepcionalmente, cando a especificidade dun Máster concreto e a súa conexión coa formación de posgrao de titulados universitarios de primeiro ciclo estea suficientemente xustificada, poderán acceder tamén a estes estudios os titulados de primeiro ciclo.

2. Poderán ser admitidos nun Máster, cando así se dispoña na programación deste ou por acordo posterior da Comisión de Posgrao, os alumnos que teñan superados os créditos do primeiro ciclo das actuais titulacións de dous ciclos, sempre que non lle falten máis de 30 créditos para obter a titulación. En todo o caso, para poder obter o título de Máster, o alumno deberá posuír a condición de titulado antes de acabar o ano académico correspondente ós estudos. Os alumnos que cursaran estudos nun Master e non tiveran dereito ao título poderán solicitar unha certificación de ditos estudos.

Artigo 4

A Especialización comprenderá como mínimo 20 créditos debidamente distribuídos entre teoría e prácticas. A súa duración lectiva será, polo menos, dun curso académico.

Artigo 5

En xeral, para acceder ás Especializacións será necesario estar en posesión dun título universitario de primeiro ou de segundo ciclo. Poderán tamén acceder ás Especializacións os profesionais relacionados con estes estudios sen titulación universitaria previa. En calquera caso, deberán cumprir, de conformidade co establecido no artigo 7.1 do Real Decreto 1496/1987, os requisitos legais para cursar estudios na universidade. Así mesmo, poderán acceder alumnos non titulados, tendo en conta que para poder obte-lo título de Especialista Universitario deberán posuí-la condición de titulados antes de acaba-lo ano académico correspondente ós estudios.

Artigo 6

O acceso ós Estudios de Posgrao considerados no presente regulamento por parte dos que se atopen en posesión dun título estranxeiro realizarase, en conformidade co artigo 16.1 do Real Decreto 86/1987 do 16 de xaneiro, sen necesidade de homologación do dito título, sendo suficiente a autorización outorgada polo rector, que se expedirá previa comprobación (1) da correspondencia do título estranxeiro presentado.

CAPÍTULO II: ESTUDIOS DE FORMACIÓN CONTINUA

Artigo 7

Ademais dos estudios conducentes a títulos propios, a USC poderá organizar outros estudios de menor duración, orientados á formación continua ou a temas de especialización moi específicos. Estes estudios reciben o nome xenérico de Estudios de Formación Continua e articúlanse en tres tipos de cursos:

a) Cursos Básicos: de 1 ata 3 créditos

b) Cursos de Perfeccionamento: de 3 ata 10 créditos

c) Cursos de Experto Universitario: de 10 créditos ou máis

A participación regular en un destes cursos, entendida segundo os criterios que se determinen, dará lugar a un Diploma de Participación. Se o curso inclúe un procedemento de avaliación, aqueles estudantes que o superen recibirán un Diploma de Aproveitamento.

CAPÍTULO III: DA ORGANIZACIÓN DOS ESTUDIOS DE POSGRAO E DE FORMACIÓN CONTINUA

Norma xeral

Artigo 8

A coordinación, supervisión e control dos Estudios de Posgrao e de Formación Continua corresponde ó CPTF. A xestión académica correspóndelle á Secretaría Xeral da Universidade.

Centros autorizados

Artigo 9

1. Os departamentos, os centros docentes propios e adscritos, os institutos universitarios e o CPTF poderán propoñer, no prazo que se estableza, a aprobación de Cursos de Posgrao. Cando sexan máis de un os departamentos, centros ou institutos propoñentes designarase un deles como responsable. A proposta estará autorizada polo consello de departamento, pola xunta de centro ou polo consello científico (2) do instituto universitario propoñente responsable. En tódolos casos deberán ser informados os departamentos implicados.

2. Poderá ser promotor de Cursos de Formación Continua, ademais dos devanditos, un grupo de profesores, sempre que a metade deles sexan profesores da USC. Os promotores deberán informar ós seus departamentos.

Proposta de Cursos de Posgrao

Artigo 10

A proposta deberá acompañarse dunha memoria xustificativa na que se expresen as necesidades sociais, científicas ou profesionais ás que os estudios que se propoñen atenden, e na que constarán os seguintes puntos:

a) Denominación do Máster ou Especialización, que non poderá coincidir con ningunha outra que fora aprobada pola Xunta de Goberno, e relación dos contidos dos estudios que en ningún caso poderán coincidir cos Programas de Doutoramento da USC.

b) Designación do director (ou codirectores) dos estudios que deberá ser un catedrático ou profesor titular de universidade ou de escola universitaria, pertencente á USC e que, no caso do Máster, deberá ademais posuí-lo título de doutor. Calquera proposta que non cumpra este requisito, deberá ser debidamente xustificada e soamente en casos excepcionais se considerará pola Comisión de Posgrao.

c) Designación dunha comisión académica que estará formada por un mínimo de catro dos profesores que impartirán os estudios propostos, e que presidirá o director. Como mínimo a metade da Comisión estará constituída por profesores da USC. O secretario da comisión académica, por delegación expresa da mesma, poderá exerce-los labores de coordinador dos estudios.

d) Presentación do plano de estudios no que constará a relación de materias, indicando a súa duración e o seu programa, o seu carácter obrigatorio ou optativo e o seu carácter práctico ou teórico. Deberá presentarse o calendario de impartición das materias e o lugar no que se desenvolverán. Presentarase a relación de créditos recoñecibles mediante traballos de investigación e de aplicación técnica. No caso de que os estudios fagan uso da ensinanza non presencial, será preciso presentar unha relación do material docente que vai ser empregado, e unha descrición do sistema e da programación das titorías.

e) Indicación dos números máximo e mínimo de alumnos e dos requisitos de admisión, especificando, no seu caso, as titulacións de primeiro ciclo que dean acceso a un determinado Máster.

f) Relación do persoal implicado nas tarefas docentes do que o 25% como mínimo deberá pertencer ó cadro de persoal da USC e imparti-lo 25% ou máis dos créditos programados. Nos estudios conducentes á obtención dun Máster, un 50% da docencia estará impartida por profesores co título de doutor. No caso de non poder respectar estes mínimos, a proposta deberá incluír un informe do director indicando as razóns extraordinarias que concorren e determinan esa imposibilidade. Deberá existir unha adecuación entre o curriculo do profesor e o perfil do curso.

g) Relación de medios materiais e persoais dispoñibles no departamento, centro ou instituto universitario para facer fronte ás necesidades derivadas dos estudios propostos. As propostas deberán contar, unicamente para os efectos de utilización de locais, co acordo da dirección do centro onde se van realiza-los estudios. Este acordo é particularmente necesario cando se utilicen instalacións alleas á USC, tales como hospitais, centros médicos, centros técnicos, etc. En situacións de discrepancia na dispoñibilidade de locais da USC, resolverá o Vicerrectorado de Organización Académica.

h) Procedemento de avaliación.

i) Carta de intencións que conteña a relación expresa, no seu caso, dos concertos con institucións ou organismos profesionais, públicos ou privados, que garanten a realización do carácter práctico da docencia nas devanditas institucións ou organismos. Os convenios suscritos deberan axustarse ó previsto na normativa vixente.

l) Orzamento total avaliando os ingresos e os gastos previstos que garanten a viabilidade dos estudios e da súa adaptación ó presente regulamento. Entre os ingresos detallaranse os que se obterán por matrícula, calculados segundo o número mínimo de alumnos especificado no apartado e), e os que se obterán por axudas e subvencións. Entre os gastos detallaranse os de tipo xeral, as remuneracións do profesorado, as remuneracións do persoal de administración e servicios, as remuneracións e o réxime dos bolseiros, e as retencions para o departamento, centro ou instituto universitario propoñente responsable e para a USC.

m) Inclusión no orzamento dunha póliza de seguros para cubrir polo menos ós alumnos que non dispoñan do seguro escolar.

n) Os directores dos cursos de posgrao integrados por un curso matriz e outros derivados deberán presentar unha proposta específica na que se detalle cada un dos cursos. O orzamento será presentado globalmente na proposta do curso matriz, así como a estrutura do mesmo e, no seu caso, o itinerario que debe seguir o alumno para a consecución dos diferentes títulos.

Proposta de Cursos de Formación Continua

Artigo 11

A proposta dun Curso de Formación Continua se presentará no CPTF e contará coa seguinte información:

a) Denominación dos estudios.

b) Designación do profesor da USC proposto como director (ou codirectores) responsable dos mesmos. A Comisión de Posgrao poderá aprobar excepcionalmente a exención do requisito de ser profesor da USC para ser designado director sempre que as razóns se xustifiquen debidamente na proposta.

c) Indicación do programa, créditos, datas e lugar de realización coa autorización, a efectos de utilización de locais, do director do centro onde se van desenvolve-los estudios.

d) Relación do profesorado coa especificación das súas tarefas docentes.

e) Indicación dos números máximo e mínimo de alumnos e dos requisitos de admisión.

f) Tipo de Diploma asociado ó Curso. No caso dos Diplomas de Aproveitamento, iformarase do tipo de probas de avaliación que realizarán os alumnos.

g) Orzamento onde se especificará os ingresos previstos por matrícula e o seu importe, así como os que deriven de axudas e subvencións de organismos públicos ou privados. Especificación, así mesmo, do capítulo de gastos.

h) No caso de cursos de experto a inclusión no orzamento dunha póliza de seguros para cubrir polo menos ós alumnos que non dispoñan de seguro escolar.

Tramitación e aprobación das propostas

Artigo 12

1. As propostas de Cursos de Posgrao se remitirán ó CPTF polo director (ou codirectores) designado na mesma no prazo que este Centro estableza coa necesaria antelación. As propostas serán informadas pola Comisión de Posgrao. A Comisión poderá requerir a información complementaria que estime conveniente para unha mellor análise da proposta e, en calquera caso, contará cos elementos de xuízo necesarios para garanti-la adecuación entre os contidos dos estudios e o ámbito científico do departamento, centro ou instituto universitario promotor. Aqueles estudios nos que o informe da Comisión sexa favorable remitiranse á Xunta de Goberno para a súa aprobación, se procede. No caso de que o informe sexa desfavorable, serán devoltos ós propoñentes, xunto cunha copia do informe razoado da Comisión que xustifique a súa devolución. Neste último caso, os propoñentes, se o consideran oportuno, poderán recorri-la decisión negativa da Comisión directamente ante a Xunta de Goberno.

2. As propostas de Cursos de Formación Continua se remitirán ó CPTF polo director (ou codirectores) designado na mesma, polo menos dous meses antes da súa impartición, e serán aprobadas, no seu caso, pola Comisión de Posgrao.

Artigo 13

Unha vez aprobada pola Xunta de Goberno a proposta dun Curso de Posgrao, calquera modificación da mesma deberá ser autorizada expresamente pola Comisión de Posgrao. Ésta poderá somete-la decisión á Xunta de Goberno se considera que a modificación altera substancialmente o plano de estudios ou o orzamento. En calquera caso, as modificacións deberán ser presentadas e autorizadas antes da realización da matrícula.

Artigo 14

Para os efectos de ulteriores edicións dun curso de posgrao, poderá ser renovado sempre que os departamentos, centros ou institutos universitarios organizadores confirmen en tempo e forma a súa continuidade, acompañando o correspondente orzamento e indicando as variacións producidas respecto do proxecto inicial. A aprobación da devandita renovación realizaraa, de ser o caso, a Comisión de Posgrao tendo en conta o desenvolvemento de edicións anteriores. A Comisión informará ó Consello de Goberno das renovacións concedidas achegando unha valoración das variacións producidas respecto ó proxecto inicial.

Profesorado

Artigo 15

A participación nas ensinanzas contempladas neste regulamento non xustificará, en ningún caso, carga docente ós efectos do cumprimento das obrigas lectivas mínimas do profesorado universitario. Para evitar que redunden negativamente na calidade da docencia do primeiro, do segundo e do terceiro ciclo, un profesor da USC poderá impartir como máximo 10 créditos por curso acádemico neste tipo de ensinanzas. As tarefas de dirección e, no seu caso, de coordinación de Cursos de Posgrao e de Formación Continua deberán valorarse en créditos na proposta, e a suma de créditos lectivos e de dirección ou coordinación nunca superará a máximo de 12 créditos. Non se poderá asumi-la dirección simultánea de máis dun curso de posgrao ou a co-dirección de máis de dous. Somentes no caso en que os estudios dunha Especialización formen parte dos estudios dun Máster as tarefas de dirección poderán ser exercidas pola mesma persoa.

Artigo 16

1. Serán funcións do director (ou codirectores) responsable dun Curso de Posgrao:

- Presenta-la proposta de impartición.

- Xestiona-lo orzamento, de acordo co establecido no Capítulo IV do presente regulamento.

- Convocar e presidi-la comisión académica.

- Atende-lo correcto desenvolvemento das ensinanzas teóricas e prácticas.

- Presenta-la memoria final.

2. Serán competencias da comisión académica as seguintes:

- A selección dos alumnos admitidos.

- A asignación de bolsas.

- A avaliación global final dos alumnos.

- Adscribi-las funcións do coordinador no seu caso.

- Calquera outra que se lle encomende e que esté recollida na proposta aprobada pola Xunta de Goberno.

3. Serán funcións do director responsable dun Curso de Formación Continua:

- Presenta-la proposta de impartición.

- Xestiona-lo orzamento, de acordo co establecido no Capítulo IV do presente regulamento.

- Atende-lo correcto desenvolvemento das ensinanzas teóricas e prácticas.

- Presenta-la memoria final.

Artigo 17

As retribucións do profesorado da USC axustaranse ó a este respecto nos artigos 11 e 45 da L. R. U., nos Reales Decretos 1930/84 e 1450/89, e nas normas específicas de aplicación da USC.

Persoal de administración e servicios

Artigo 18

1. As tarefas administrativas e de servicios ordinarias para a realización dos cursos de posgrao ou de formación continua serán desempeñadas polo persoal adscrito ós departamentos, centros ou institutos universitarios propoñentes.

2. As tarefas de xestión específicas dos cursos de posgrao e de formación continua serán realizadas preferentemente por personal de administración e servicios da USC, fora de xornada ordinaria, sendo retribuidas á marxe da sua remuneración ordinaria, axustándose ó regulamento de colaboración do persoal de administración e servicios da USC en cursos e convenios de investigación.

3. No suposto de que os cometidos a desenvolver non poidan ser atendidos polo persoal de plantilla do/s departamento/s, centro/s ou instituto/s universitario/s propoñentes, procederase á contratación temporal do persoal preciso, a tempo parcial ou en réxime de dedicación completa, conforme o procedemento establecido con carácter xeral. A tal efecto, o departamento, centro ou instituto universitario correspondente elevará a oportuna solicitude de contratación á Xerencia a través do CPTF.

4. No caso de Cursos de Formación Continua promovidos por un grupo de profesores o desempeño das tarefas de administración e servicios seguirá as pautas recollidas nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo sendo, neste caso, o/s departamento/s, centro/s ou instituto/s universitario/s aludidos, aqueles departamentos ós que pertenzan os profesores da USC do grupo, previa autorización do director correspondente.

CAPÍTULO IV: FINANCIACIÓN

Artigo 19

1. Os estudios regulados por este regulamento serán sempre autofinanciados, debendo figurar na proposta dirixida ó CPTF un equilibrio entre ingresos e gastos. No caso de producirse un superavit, o director do curso poderá propoñer á Comision de Posgrao a súa incorporación á seguinte edición do mesmo informando sobre a súa utilización e adxuntando o resultante orzamento definitivo do curso. No caso de que non se realice a proposta de incorporación, ou a Comisión de Posgrao non a aprobe na súa totalidade, o remanente incorporarase ó presuposto xeral da USC.

2. Respecto do importe da matrícula, no primeiro cuadrimestre do curso anterior á realización dos Estudios de Posgrao e de Formación Continua, o Consello Social aprobará, a instancias da Xunta de Goberno, o prezo público máximo por crédito que servirá de referencia para os promotores á hora de establece-lo prezo da matrícula deste tipo de estudios, sen prexuízo das competencias do Consello Social no referente ó artigo 2 da súa normativa. Así mesmo, o Consello Social, a instancias da Xunta de Goberno acordará as taxas de expedición de certificados, de convalidacións e de solicitude dos títulos correspondentes.

3. A retención para gastos xerais da USC (10 % do orzamento total), efectuarase directamente desde os seus servicios centrais, deducíndose o importe da retención dos ingresos de matrícula ou, de se-lo caso, das subvencións.

4. No orzamento dun Curso de Posgrao ou de Formación Continua deberá constar o importe dunha retención equivalente ó 15% da retribución do persoal da USC implicado en tareas docentes, de dirección e de coordinación. Esta retención destinarase ó departamento, centro ou instituto universitario propoñente responsable. No caso de Cursos de Formación Continua promovidos por un grupo de profesores o 15% repartirase entre os departamentos dos profesores do grupo de propoñentes proporcionalmente ó número de profesores de cada un deles.

5. A execución do gasto farase de acordo coas normas específicas aprobadas polo Vicerrectorado de Asuntos Económicos a instancias da dirección do CPTF.

Artigo 20

1. Os cursos de posgrao deberán financiar co seu orzamento bolsas de matrícula para un determinado número de alumnos admitidos, que reúnan os requisitos que se establezan. Para estes efectos, a Comisión de Posgrao propoñerá a aprobación dun sistema de bolsas de matrícula, que atenda ós méritos académicos e económicos dos candidatos. Esta norma recollerá a contía mínima das bolsas, o importe que cada curso ten que destinar ó seu financiamento e os requisitos e criterios necesarios para poder optar ás ditas bolsas.

2. Aqueles cursos que reciban subvencións condicionadas á admisión de determinados alumnos seleccionados polo organismo que aporta o financiamento, tomarán como referencia para o cálculo do número de bolsas unicamente o número de alumnos que sexan seleccionados pola Comisión Académica do curso.

CAPÍTULO V: ACCESO, PREINSCRICIÓN E MATRÍCULA

Acceso e preinscrición

Artigo 21

Os aspirantes a cursar Estudios de Posgrao deberán reuni-los requisitos sinalados con carácter xeral no capítulo I e os específicos que establezan para cada un deles. As solicitudes de admisión presentaranse nas secretarías dos departamentos, centros ou institutos universitarios que ofrezan estes estudios nos prazos que se fixasen para cada un deles, debidamente publicitados a través do CPTF. Na solicitude o alumno indicará se desexa ser considerado para unha bolsa no caso de que o curso considere a súa concesión. A comisión académica será a encargada de realiza-lo proceso de selección e, se é o caso, de asignación das bolsas. Unha vez realizado este proceso, o director responsable deberá efectua-las seguintes xestións:

a) Publica-las listas de admitidos e excluídos. No caso de que os cursos o consideren, entre os admitidos indicarase os que teñen concedida unha bolsa e a súa contia.

b) Fixa-lo prazo de reclamacións.

c) Publicar as listas definitivas de admitidos e bolseiros, e o horario de impartición dos estudios, e remitir a documentación da selección ao Servizo de Xestión Académica.

d) Comunicar a relación de bolseiros ó Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado.

e) Publica-los prazos de matrícula, previa consulta coa Secretaría Xeral.

Artigo 22

Os aspirantes a cursaren estudos de formación continua presentarán a correspondente solicitude de admisión e, de se-lo caso, de bolsa, no lugar e prazo que o director dos estudos fixe, debidamente publicitados a través do CPTF. O director realizará un proceso de selección e efectuará as xestións a), b), c), d) e e) recollidas no artigo precedente. Unha vez rematado o proceso de selección o director do curso deberá remitir toda a documentación ó Servizo de Xestión Académica.

Artigo 23

1. Unha vez rematado o proceso de selección e admisión de alumnos, o director responsable enviará ó Servizo de Xestión Académica a relación de alumnos solicitantes e admitidos para que se proceda á súa matrícula nas datas previamente acordadas.

2. Na relación requirida no punto 1 tamén deberá figurar o importe que cada alumno deberá aboar pola matrícula.

3. O procedemento de matrícula establecerase, coa necesaria antelación, pola Secretaría Xeral .

Artigo 24

Os alumnos quedarán suxeitos á normativa vixente na USC e no previsto neste regulamento.

CAPÍTULO VI: VALIDACIÓNS E AVALIACIÓNS

Validacións

Artigo 25

En concordancia coa diferencia de obxectivos e de definición académica entre os Estudios de Terceiro Ciclo e os Estudios de Posgrao, a USC establecerá unha distinción nítida entre as ensinanzas dos Programas de Doutoramento e as que correspondan a estudios conducentes a Títulos Propios, de forma que ambos ámbitos de formación atendan os seus obxectivos especificos e non se confundan. En particular, a validación de créditos de Estudios de Posgrao por créditos de Programas de Doutoramento nunca será automática, e será competencia da Comisión de Doutoramento, axustándose á normativa que esta determine.

Artigo 26

As validacións das materias dos programas dos Cursos de Posgrao resolveranse segundo a tramitación seguinte:

a) O alumno solicitará ao reitor a validación a través dunha Unidade de Xestión Académica. Esta remitirá a solicitude coa súa documentación á Comisión de posgrao para que sexa informada.

b) A Comisión de Posgrao, procederá a informar a solicitude, podendo recadar, se o estima, o correspondente informe da comisión académica do curso.

c) O informe da Comisión de Posgrao remitirase ó Servizo de Xestión Académica, para que propoña a resolución ó reitor ou persoa en quen delegue.

Artigo 27

En todo caso, os alumnos ós que se lles realicen validacións deberán proceder a paga-los dereitos de validación que teña establecido o Consello Social, a instancias da Xunta de Goberno.

Avaliacións

Artigo 28

A obtención dun Título Propio ou dun Diploma de Aproveitamento esixirá que se superaran, a través do correspondente proceso de avaliación, os estudios e actividades académicas que correspondan ó devandito Título ou Diploma. En ningún caso a simple asistencia dará lugar á obtención do mesmo. A cualificación será "apto", "non apto" ou "non presentado" e referirase á totalidade dos créditos asignados. Non existe a posibilidade de superacións parciais. A convocatoria para supera-los créditos mínimos establecidos para cada Curso de Posgrao ou de Formación Continua será única salvo autorización expresa da Comisión de Posgrao. Unicamente no caso de Cursos de Formación Continua conducentes a un Diploma de Participación a simple asistencia dará lugar á obtención do mesmo.

CAPÍTULO VII: EXPEDICIÓN DE TÍTULOS E CERTIFICACIÓNS

Artigo 29

Os títulos propios de posgrao expedidos pola USC serán asinados polo reitor, polo interesado e polo xefe da dependencia administrativa responsable da tramitación e expedición do título, en modelo normalizado no que poderá figurar impresa a sinatura do reitor, e causarán constancia rexistral nun Rexistro Universitario de Títulos Propios, con análogas condicións de identificación, custodia, certificación e carácter público que o rexistro universitario de títulos oficiais. No reverso do titulo figurará a relación de materias e de créditos superados .

Artigo 30

Os diplomas de aproveitamento e de participación nos cursos d e formación continua expedidos pola USC serán asinados polo reitor ou persoa en quen delegue e polo xefe da dependencia administrativa responsable da tramitación e expedición do correspondente título , en modelo normalizado no que poderá figurar impresa a sinatura do reitor , e causarán constancia rexistral nun Rexistro creado para tal efecto. No reverso do diploma figurará a relación de materias e créditos cursados.

Artigo 31

A solicitude de expedición dos correspondentes títulos e diplomas presentarase nas Unidades de Xestión Académica , entregando a documentación que se estableza.

Artigo 32

No caso de que un alumno non obtivese a cualificación global de "apto", poderá solicitar un certificado académico das materias cursadas.

Artigo 33

Ademáis dos certificados aludidos no artigo anterior, os alumnos que superen as ensinanzas correspondentes a un título propio ou un diploma de aproveitamento obtendo a cualificación global de "apto" poderán solicitar a expedición do correspondente certificado nas Unidades de Xestión Académica .

Artigo 34

Para a expedición pola USC de Títulos Propios, Diplomas e certificados é necesario realiza-lo pagamento das taxas que aprobe o Consello Social para cada ano académico.

CAPÍTULO VIII: MEMORIA FINAL

Artigo 35

1. Unha vez rematado un curso de posgrao, o director deberá presentar no CPTF a correspondente memoria académica e económica segundo o modelo normalizado que facilitará o devandito centro. A memoria levará o visto e prace do director do departamento, decano ou director do centro ou director do instituto universitario que actúe como responsable. A presentación da memoria será tida en conta para a continuidade dos estudios correspondentes, sen prexuízo da obriga de presentala .

2. Unha vez rematado un Curso de Formación Continua, o director deberá presentar no CPTF unha concisa memoria académica e económica segundo o modelo normalizado que facilitará o devandito Centro.

CAPÍTULO IX: SEGUIMENTO DA CALIDADE DOS ESTUDIOS

Artigo 36

1. Coa información recabada das memorias finais e a través das vías que se consideren oportunas o CPTF fará un seguimento da calidade dos Estudios de Posgrao e de Formación Continua.

2. Todos os cursos deberán establecer antes da súa finalización, e dentro do calendario previsto polo CPTF, unha data para a realización da enquisa de calidade ós alumnos.

3. A información será analizada pola Comisión de Posgrao de cara a establecer accións que teñan por obxecto a mellora da calidade

CAPÍTULO X: DISPOSICIÓNS ADICIONAIS,TRANSITORIAS
E FINAIS

Disposición adicional primeira: Facúltase ó CPTF da USC para elaborar normas complementarias que desenvolvan o presente regulamento.

Disposición adicional segunda: A modificación da porcentaxe establecida no artigo 19.3 requerirá o acordo da Xunta de Goberno.

Disposición adicional terceira: No momento da aprobación deste regulamento a normativa ó que se refere o artículo 18.2 é a recollida na resolución rectoral do 20 de maio de 1989 (D.O.G. do 12 de xullo de 1989) entendéndose feitas ó CPTF as referencias relativas a Oficina de Proxectos de Investigación.

Disposición adicional cuarta: No caso de Estudios de Posgrao e de Formación Continua compartidos con outras universidades ou institucións aplicaranse na medida do posible as disposicións da presente normativa. En calquera caso, nos aspectos non expresamente contemplados na mesma, resolverá a Comisión de Posgrao.

Disposición transitoria: A presente normativa será de aplicación para tódolos cursos que comencen a partir do ano académico 2000-2001, inclusive.

Disposición final: Quedan derrogados os regulamentos, circulares, disposicións e resolucións anteriores, no que se opoñan ó establecido na presente normativa.