NORMAS DE XESTIÓN PATRIMONIAL (RESOLUCIÓN RECTORAL DO 14 DE XULLO DE 1993) (D.O.G. 11 DE AGOSTO DE 1993)
Unha vez aprobadas polo Consello Social desta universidade as normas de xestión patrimonial, na súa sesión celebrada o día 31 de maio de 1993, por proposta da Xunta de Goberno celebrada o día 29 de abril de 1993, este rectorado resolve que se publiquen as citadas normas, que se xuntan como anexo a esta resolución.
NORMAS DE XESTIÓN PATRIMONIAL DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA.
Segundo os artigos 67.2º e 219.2º dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 204/1985, do 19 de setembro, modificados polo 103/1989, do 13 de abril, a xerencia elaborou unhas normas de xestión do inventario patrimonial dos bens mobles de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela.
Por resolución rectoral do 20 de maio de 1989 (DOG do 12-7-1989) aprobouse o Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela, que no seu capítulo VI regula os contratos patrimoniais da universidade, indicando ademais o procedemento que se seguirá o seu réxime xurídico.
Por resolución rectoral do 6 de setembro de 1991 (DOG do 16-10-1991), aprobáronse as normas de uso dos bens patrimoniais da Universidade de Santiago de Compostela.
Este conxunto de normas, xunto coa lexislación básica aplicable (Constitución española, L.R.U., Lei autonómica 5/1987, do 27 de maio, Lei do consello social da Universidade, Lei do patrimonio do Estado, da Comunidade Autónoma galega e demais disposicións de desenvolvemento), constitúen o marco legal no que se está a desenvolve-la xestión do patrimonio da universidade.
Por todo isto, faise precisa a elaboración e posterior aprobación, por parte dos órganos estaturarios competentes (Xunta do Goberno e Consello Social), dunhas normas de xestión do patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, nas que se regulen tanto as formas de tráfico administrativo dos bens demaniais e patrimoniais, a súa adquisición, alleamento e cesión, como as de inventario, utilización, defensa, aproveitamento e explotación do patrimonio.
TITULO PRELIMINAR. DISPOSICIÓNS XERAIS.
Artigo 1º.-
Constitúen o patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela:
a) Os dereitos sobre os bens inmobles e mobles que lle pertenzan por calquera título.
b) Os títulos, valores, capitais de fundacións, propiedades incorporais, doazóns e restantes bens, dereitos e accións que lle pertenzan.
Artigo 2º.-
1.- A Universidade de Santiago de Compostela é a titular dos bens estatais de dominio público que estean afectos ó cumprimento das súas funcións e asumirá a titularidade daqueles que no futuro sexan destinados ás mesmas finalidades polo Estado ou a Comunidade Autónoma de Galicia.
2.- A desafectación dos bens de dominio público de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela implicará a súa consideración como patrimoniais dela.
Artigo 3º.-
Os bens e dereitos integrantes do patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela terán a natureza de demaniais ou de patrimoniais.
Artigo 4º.-
1.- Son bens de natureza demanial os de dominio público afectos ó uso xeral ou á prestación directa de servicios públicos propios da universidade.
2.- Son bens patrimoniais da Universidade de Santiago de Compostela:
a) Os que lle correspondan, en propiedade
b) Os bens e dereitos derivados da súa titularidade patrimonial.
c) Os dereitos reais, inmateriais ou persoais que lle pertenzan, incluída a propiedade intelectual.
d) Calquera outro ben ou dereito que lle pertenzan e que non sexa de natureza demanial.
Artigo 5º.-
Os acordos relativos á disposición dos bens de dominio público, así como os patrimoniais, corresponderán ó Consello Social, por proposta da Xunta de Goberno, de acordo coa lexislación aplicable.
Artigo 6º.-
1.- Os bens e dereitos demaniais da universidade son indispoñibles e non poderán ser obxecto de tráfico xurídico privado. O tráfico dos bens e dereitos patrimoniais someterase o disposto no presente regulamento.
2.- A disposición dos bens de dominio público e dos patrimoniais da Universidade de Santiago de Compostela exerceraa o Consello Social, logo da proposta da súa Xunta de Goberno.
3.- O disposto no apartado anterior enténdese sen prexuízo das competencias que nesta materia lle poidan pertencer ó Estado.
Artigo 7º.-
O patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela réxese polo disposto na Lei Orgánica de Reforma Universitaria, nos Estatutos da propia universidade, no presente regulamento e nas súas disposicións de desenvolvemento. Supletoriamente, aplicarase o dereito público, e, no seu defecto, as normas de dereito privado, civil ou mercantil.
TITULO PRIMEIRO. ADQUISICIONS DE BENS INMOBLES E MOBLES.
Artigo 8º.-
1.- A Universidade de Santiago de Compostela ten plena capacidade para adquirir e posuír bens e dereitos de acordo coa lexislación vixente, así como para exerce-las accións e recursos necesarios para a defensa e a tutela do seu patrimonio.
2.- As adquisicións a título gratuíto, legados, cesións e doazóns, requirirán a aceptación e aprobación do Consello Social, por proposta da Xunta de Goberno. Igual sistema se seguirá con bens obtidos como consecuencia dun procedemento expropiatorio.
3.- A adsquisicións de bens a título oneroso esixirán o cumprimento da lexislación vixente en materia de contratación administrativa, estatal e autonómica, así como do Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela, respectando os principios de publicidade e concorrencia, e coas únicas excepcións que se establecen na dita lexislación. As ditas adquisicións, cando se trate de bens inmobles, inscribiranse no Rexistro da Propiedade a nome da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 9º.-
1.- Terán a consideración de contratos privados da Universidade:
1.- Os de compravenda de inmobles.
2.- Os de compravenda de mobles, cando non sexan de aplicación as normas da contratación administrativa.
3.- Os contratos de arrendamento.
4.- Os que sexan consecuencia de legados, cesións ou doazóns.
2.- A competencia xeral para celebra-los contratos correspóndelle ó rector ou persoa en quen delegue. A preparación deles esixirá a elaboración dun expediente de acordo co disposto nas presentes normas, e materializarase nun documento administrativo ou notarial, segundo proceda.
3.- A xurisdicción civil será a competente para resolve-las controversias que xurdan entre as partes nos contratos que estean suxeitos ó dereito privado. Os actos de preparación, aceptación ou adxudicación rexeranse, en todo caso, pola lexislación administrativa aplicable, e poderan ser impugnados ante a xurisdicción contencioso-administrativa.
TITULO SEGUNDO. ALLEAMENTO E CESIÓN.
Artigo 10º.-
O alleamento ou gravame dos bens inmobles requirirá a previa declaración de alienabilidade por parte da Xunta de Goberno da universidade, tralo informe do rectorado ou órgano en que este delegase as funcións e xestión en materia de patrimonio.
Artigo 11º.-
Non poderán declararse alienables:
a) Os bens de litixio.
b) Os non deslindados ou non inscritos no Rexistro da Propiedade.
c) Os non descritos ou non identificables.
Artigo 12º.-
A declaración de alienabilidade será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 13º.-
O alleamento realizarase ordinariamente polo procedemento de subhasta pública. O rector poderá autoriza-lo alleamento directo con publicidade cando o valor de reposición dos bens sexa igual ou inferior a cinco millóns de pesetas, no caso de bens inmobles. Cando se trate de bens mobles, a dita cantidade reducirase a un millón de pesetas.
Artigo 14º.-
Requirirase autorización explícita do Consello Social da Universidade para a celebración de calquera contrato que teña por obxecto a adquisición, venda ou transmisión da propiedade de bens inmobles que afecten ó patrimonio da universidade.
Artigo 15º.-
Os bens de natureza patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela poderán ser cedidos en uso, sempre e cando non se estableza a súa afectación demanial ou aproveitamento no período de tempo que dure a mesma. O dito período non poderá exceder de 10 anos. A cesión será solicitada pola entidade interesada e a súa autorización propoñeralla a Xunta de Goberno da Universidade ó Consello Social. No caso de bens inmobles, o acordo resultante publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a súa execución formalizarase mediante escritura pública. O incumprimento dalgunha das bases do acordo por parte da entidade beneficiaria da cesión, causará a reversión automática do uso, considerándose resolta aquela.
Artigo 16º.-
Tanto os bens mobles coma os inmobles declarados alleables poderán ser permutados por outros alleos, trala taxación pericial das partes, sempre que das mesmas resulte unha diferencia entre os valores de mercado non superior ó 50% do que o teña máis alto, e a diferencia de valoración compensarase en metálico. O procedemento que se seguirá será o mesmo que o indicado nos artigos 10, 11, e 12 deste capítulo.
TITULO TERCEIRO. UTILIZACIÓN E APROVEITAMENTO DO PATRIMONIO.
Artigo 17º.-
1.- A utilización dos bens de dominio público e patrimoniais rexerase polas presentes normas e polas disposicións que as desenvolvan.
2.- A Universidade de Santiago de Compostela poderá autoriza-la celebración, nas instalacións da súa titularidade, de actividades extraacadémicas que non sexan contrapostas ós fins da institución, sempre e cando non supoña menoscabo ningún das súas funcións propias.
3.- O uso das instalacións, no caso de actividades alleas ós fins académicos e investigadores, estará sometido á autorización previa por parte da universidade, logo da correspondente solicitude da entidade organizadora. Na solicitude constará, ademais de tódolos datos do solicitante, a aceptación das condicións establecidas pola universidade.
4.- Mediante resolución rectoral estableceranse as bases, prezos e condicións que se observarán neste procedemento. No calculo dos prezos aplicables en cada suposto teranse en conta os prezos do mercado de alugueiros desta clase de locais instalacións e ademais dos custos reais que incidan neles, tales como gastos de persoal, incluída a cota patronal da Seguridade Social, limpeza, enerxía eléctrica, calefacción, teléfono, fax e calquera outro que proceda aplicar.
TITULO CUARTO. INVENTARIO DE BENS MOBLES E INMOBLES.
Artigo 18º.-
1.- A xerencia da universidade, a través da unidade técnica ou administrativa correspondente, deberá xestiona-lo inventario xeral do patrimonio da universidade, que comprenderá:
a) Os bens inmobles da universidade, tanto de naturaleza demanial como patrimonial.
b) Os bens mobles de carácter histórico-artístico.
c) Os dereitos patrimoniais.
d) Os títulos-valores.
e) Os bens mobles non comprendidos nos apartados anteriores cun custo de adquisición relevante.
f) Vehículos e semoventes.
g) Outros bens e dereitos inventariables.
2.- Para estes efectos, os distintos centros universitarios deberán facilita-los datos necesarios nos soportes establecidos con tal fin.
3.- O labor de inventariado comprende, ademais dos rexistros e numeración correspondente, os de valoración dos bens e dereitos. Permitirá, así mesmo, a súa perfecta identificación e localización física. No caso dos inmobles, fornecerase, ademais, tódolos datos xurídicos, rexistrais, medicións, usos dos locais e instalacións e calquera outro que se considere de interese.
4.- Os valores fixados serán obxecto de actualizacións periódicas anuais. Tamén serán revisados con esta periodicidade os restantes datos, en especial as variacións das superficies útiles e os cambios de uso dos edificios. Do mesmo xeito, anualmente incorporaranse os bens adquiridos mediante o procedemento descrito no artigo 6 do Regulamento de contratos, informes e cursos da universidade.
5.- O inventario así elaborado formará parte da memoria económica anual da universidade.
TITULO QUINTO.EXPLOTACIÓN DOS BENS PATRIMONIAIS.
Artigo 19º.-
1.- Correspóndelle ó Consello Social, por proposta da Xunta de Goberno da universidade, dispoñe-lo modo de explotación do seu patrimonio, tanto de naturaleza material como inmaterial, segundo criterios de rendibilidade e eficacia.
2.- A explotación poderá ser levada a cabo directamente, pola propia universidade, ou conferir a particulares mediante contrato, trala elaboración do oportuno expediente que conterá en todo caso:
a) A descrición dos bens afectados.
b) A posibilidade de explotación.
c) O estudio económico dela.
d) A proposta de explotación.
e) A proposta de prego de bases.
3.- Se a explotación se lles encomenda a particulares mediante contrato, este adxudicarase mediante os procedementos de concurso público ou subhasta, convocados mediante resolución rectoral, e logo de aprobación do correspondente prego de bases por parte dos órganos pertinentes.
4.- A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e, polo menos, en dous xornais dos de maior circulación en Galicia.
Facúltanse a xerencia da Universidade de Santiago de Compostela para elabora-las instruccións necesarias de execución e desenvolvemento das presentes normas.