Saltar ao contido principal
Inicio  »  Normativa  »  Estudantes e calidade da docencia  »  Estatuto do estudiantado da Universidade de Santiago

ESTATUTO DO ESTUDIANTADO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

(Claustro do 12 de decembro de 1998)

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Constitución Española consagra no seu artigo 27 a autonomía das Universidades españolas que se manifesta, entre outros aspectos, na capacidade de deseña-la súa regulación normativa.

En uso desa capacidade, a Universidade de Santiago de Compostela elaborou os seus Estatutos establecendo as funcións, dereitos e deberes dos membros da comunidade universitaria. En concreto o artigo 32 dispón que " O Claustro Universitario elaborará e aprobará o Estatuto do Estudiantado para o desenvolvemento polo miúdo dos seus dereitos e deberes e para a regulación das súas condicións de estudio na Universidade…"

En cumprimento dese mandato estatutario o presente texto, logo de defini-los requisitos constitutivos da condición de estudiante, recolle e desenvolve os seus dereitos recoñecidos nos Estatutos e no resto do ordenamento xurídico, facilitando así as condicións para a súa efectividade. Ó mesmo tempo recóllense os deberes do estudiantado baseados no respecto dos demais e na preservación das finalidades da institución universitaria.

TÍTULO I: ÁMBITO DE APLICACIÓN E PRINCIPIOS XERAIS.

Artigo 1: Obxecto do Estatuto:

O presente Estatuto desenvolve os dereitos e deberes recoñecidos ó estudiantado, en canto tal, nos Estatutos da Universidade e no resto do ordenamento.

Artigo 2: Ambito de aplicación:

1.- Para os efectos deste Estatuto considéranse estudiantes:

A) De primeiro e/ou segundo ciclo: aquelas persoas que están matriculadas en cursos ou materias conducentes á obtención de titulacións oficiais de primeiro ou segundo ciclo.

B) De terceiro ciclo: aquelas persoas que estean a realiza-los programas de doutoramento da Universidade de Santiago e tamén quen nos tres anos seguintes ó remate dos programas estean a realiza-la tese de doutoramento con dedicación a tempo completo, acreditada polo departamento ou instituto, consonte ós criterios fixados polos órganos de goberno da Universidade.

2.- Os dereitos e deberes daquelas persoas que cursen estudios na Universidade de Santiago e non se atopen incluídos no apartado anterior serán regulados pola Xunta de Goberno.

Artigo 3: Principios xerais:

1.- Tódolos estudiantes terán igualdade de dereitos e deberes sen máis distincións cás derivadas das ensinanzas que estean a cursar.

2.- Os dereitos e deberes exercitaranse de acordo cos fins propios da Universidade e sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria.

TÍTULO II: DOS DEREITOS DO ESTUDIANTADO

Artigo 4: Dereitos do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria

1.-Son dereitos do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria:

A participación nos órganos de goberno e de xestión.

A organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais, recreativas e e a utilización das instalacións e dos servicios universitarios.

A liberdade de asociación, sindicación, reunión, manifestación e folga dentro do ámbito universitario.

A organización, promoción e participación en actividades que contribúan a vincula-la Universidade de Santiago co seu contorno e a mellora desta institución.

Beneficiarse das distintas axudas ou subvencións que a Universidade estableza.

A información permanente, mediante a difusión nos diferentes medios e soportes, sobre tódalas cuestión que afecten á comunidade universitaria.

A formulación de peticións, reclamacións e queixas.

A confidencialidade daqueles datos persoais ou académicos legalmente protexidos.

O uso do galego a todolos niveis e en todalas relacións coa Universidade.

A participación nas actividades de Voluntariado que se desenvolvan na Universidade.

A que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguidade e hixiene

2.- Os órganos de goberno da Universidade de Santiago velarán para que os estudiantes con discapacidades non vexan impedido o libre exercicio dos seus dereitos ou o acceso a instalacións e servicios da Universidade.

Artigo 5: Dereitos específicos do estudiantado

Son dereitos específicos do estudiantado:

Recibir unha formación e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos coma nos seus métodos pedagóxicos.

Ser avaliado obxectivamente no seu rendemento académico.

Participar no control da calidade da docencia e na elaboración dos criterios xerais de avaliación desta, consonte ós procedementos previstos polos órganos de goberno da Universidade.

Ser protexido polo réxime de aseguramento establecido legalmente.

A propiedade intelectual dos traballos orixinais artísticos, científicos ou técnicos que realice no marco da súa actividade discente.

Recibir orientación educativa e profesional a través do persoal dos servicios correspondentes.

Que se lles faciliten os medios necesarios para recibir unha formación e docencia cualificada e actualizada en igualdade de condicións nos estudios elixidos, en especial se teñen algunha dificultade física, psíquica ou sensorial.

Sección 1ª: Dereito á participación nos órganos de goberno

Artigo 6:

Tódolos estudiantes da Universidade de Santiago teñen dereito a participar nos órganos de goberno da Universidade, dos centros e dos departamentos, mediante a elección dos seus representantes.

Para estes efectos serán electores e elixibles tódolos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2,1 nos termos que sinale a normativa electoral

Artigo 7: Representantes dos estudiantes

Son representantes dos estudiantes: Os estudiantes que, elixidos polos seus compañeiros, forman parte dos órganos colexiados de Goberno da Universidade: Consello Social, Claustro, Xunta de Goberno, Xunta de Facultade ou Escola e Consello de Departamento e as súas Comisións Delegadas

Artigo 8: Funcións dos representantes .

Os representantes canalizarán as propostas, queixas e reclamacións que realicen os estudiantes diante dos órganos da Universidade, sen prexuízo do dereito de calquera estudiante a formulalas directamente.

Artigo 9: Dereitos dos representantes.

Os representantes dos estudiantes teñen dereito a:

a) Execer libremente a súa representación.

b) Expresarse libremente sen máis limitacións cás derivadas das normas legais e o respecto ás persoas e á institución.

c) Recibir información exacta e puntual sobre as materias que afecten ós estudiantes, salvo aquelas amparadas por deber de confidencialidade.

d) Participar no proceso de toma de decisións.

e) Que os seus labores académicos se adecúen, dentro do posible e sen menoscabo da súa formación, ás súas actividades representativas. Para tal efecto estableceranse os procedementos que se consideren convenientes.

Artigo 10: Deberes dos representantes .

Son deberes específicos dos representantes:.

Asumi-las responsabilidades derivadas do seu cargo representativo.

Facer un uso adecuado da información recibida por razón do cargo, respectando a confidencialidade canto tivera este carácter.

Protexer, fomentar e defende-los bens e dereitos da Universidade de Santiago.

Informar ós seus representados das actividades e resolucións dos órganos colexiados e das súas propias actuacións.

Sección 2ª: Dereito a organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais recreativas e deportivas.

Artigo 11: Actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas.

Tódolos estudiantes terán dereito a participar nas actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas organizadas pola Universidade, de acordo co que se estableza na respectiva normativa.

Tamén poderán promove-la realización de actividades desta natureza, directamente ou a través dos seus representantes. Cando se enmarquen nunha programación xeral, tales propostas deberán facerse dentro dos prazos e de acordo co disposto na oportuna convocatoria.

Artigo 12: Utilización das instalacións universitarias.

Os estudiantes e asociacións poderán utiliza-las instalacións universitarias para as súas actividades formativas, culturais, deportivas, e recreativas. Tal utilización deberá contar coa autorización do órgano competente, previa petición dos interesados, e poderá ser denegada cando non se axuste ó rexime de utilización establecido.

Artigo 13: Servicios universitarios.

Os estudiantes poderán acceder ós distintos servicios universitarios, de acordo co establecido nos seus respectivos regulamentos.

Sección 3ª: Dereito de asociación

Artigo 14: Dereito de asociación.

Tódolos estudiantes teñen dereito a asociarse libremente no ámbito universitario. A estructura e o funcionamento interno das asociacións estudiantís deberán ser democráticas.

Artigo 15: Asociacións universitarias

1.- Son asociacións de estudiantes na Universidade de Santiago aquelas que, reguladas por este Estatuto, e constituídas de conformidade co establecido na lexislación vixente se comprometan á defensa dos bens culturais e universitarios en réxime de liberdade, autonomía, representatividade e auténtica participación dos seus asociados, dentro do respecto ó ordenamento xurídico.

2.- Os órganos de goberno da Universidade elaborarán unha normativa que regule as condicións para rexistrarse como asociación de estudiantes da Univesidade de Santiago.

Artigo 16: Promotores das Asociacións

1.- Poderán promover asociacións os estudiantes a que se refire o artigo 2.1 deste Estatuto, que se encontren en pleno uso dos seus dereitos académicos e que libremente acorden servir ós fins enunciados nos seus propios estatutos.

Artigo 17: Estatutos das Asociacións

1.-As asociacións rexeranse por uns estatutos que deberán conte-las seguintes mencións:

Denominación da entidade que deberá ser suficientemente individualizada para non inducir a erros respecto doutras asociacións xa rexistradas.

Domicilio da asociación.

Fins que se propoñen.

Órganos directivos, funcións e forma de administración.

Procedemento de adquisición e perda da condición de asociado.

Dereitos e deberes dos asociados.

Patrimonio fundacional, recursos previstos e límites do presuposto anual.

Aplicación do patrimonio no caso de disolución que deberá reverter en beneficio da Universidade.

2.- Os Estatutos serán aprobados polos órganos gobernativos competentes. Cando sinale como domicilio unha dependencia universitaria deberá contar coa autorización do órgano competente.

Artigo 18: Rexistro de Asociacións

No Rectorado da Universidade existirá un Rexistro público de Asociacións, no que se inscribirán as que se constitúan no seu ámbito, de acordo con este Estatuto e coa lexislación vixente.

Artigo 19: Dos recursos

Ademais doutros recursos, as Asociacións nutriranse das subvencións que poidan recibir da Universidade a través das oportunas convocatorias

Sempre que exista dispoñibilidade, facilitaranse locais ás asociacións nos centros onde conten con implantación. Existirá, polo menos, un local común para uso de tódalas asociacións en cada centro.

A Universidade facilitará un local, sempre que exista dispoñibilidade, ás asociacións con representación claustral intercentros.

 

Artigo 20: Perda da condición de asociación universitaria na Universidade de Santiago

A Xunta de Goberno, previa audiencia dos responsables das asociacións, poderá dar de baixa no seu Rexistro de Asociacións da Universidade, con carácter temporal ou definitivo, a aquelas que incumpriran grave e reiteradamente os compromisos que figuran no artigo 15 destes Estatutos.

Sección 4ª: Dereito de reunión e manifestación

Artigo 21: Do dereito de reunión

Tódolos estudiantes e asociacións teñen dereito a reunírense en locais universitarios. Para tal efecto será preciso cursar con antelación suficiente a oportuna solicitude ó responsable de tales espacios. A solicitude deberá ser atendida salvo que medien circunstancias excepcionais que aconsellen o contrario.

Artigo 22: Do dereito de manifestación

Tódolos estudiantes teñen dereito a manifestárense libremente, cumprindo os requisitos previstos no ordenamento. Cando esa manifestación vaia ter lugar dentro dos espacios universitarios, deberá comunicarse con antelación suficiente ás autoridades académicas.

Sección 5ª: Dereito a beneficiarse de axudas e subvencións.

Artigo 23: Axudas e subvencións.

Os estudiantes terán dereito a beneficiarse das axudas e subvencións establecidas pola Universidade ou por outras institucións, sempre de acordo co disposto nas oportunas convocatorias.

As axudas e subvencións que a Universidade estableza para a continuidade ou finalización dos estudios deberán ter en conta o rendemento académico e a situación económica para a súa concesion.

Sección 6ª: Dereito de petición, reclamación e queixa

Artigo 24:

1.-Os estudiantes poderán formular peticións ou manifestar reclamacións ou queixas diante daquelas persoas ou órganos da Universidade que sexan competentes, de maneira individual ou colectiva, debendo ser neste último caso presentadas por escrito.

2.- A petición, reclamación ou queixa deberá fundamentarse no exercicio de dereitos recoñecidos ós estudiantes.

Sección 7ª: Dereito a unha docencia de calidade

Artigo 25: Do dereito a recibir ensinanzas teóricas e prácticas.

Os estudiantes teñen dereito a coñecer con antelación que se estableza na normativa correspondente o programa de cada materia, incluíndo a bibliografía indispensable para preparala, que deberá ser supervisada polo departamento correspondente. O programa estará depositado no centro responsable da titulación.

O profesor deberá facer público ó comenzo do curso académico e no programa da asignatura os obxectivos docentes, a metodoloxía e os procedementos de avaliación e control dos coñecementos.

Os horarios de clases teóricas e prácticas dun mesmo grupo deberán ser compatibles ó longo do curso, non debendo ser modificados senón por causa de forza maior.

Artigo 26: Da simultaneidade de estudios.

Os estudiantes que desexen iniciar estudios universitarios simultaneándoos con outros xa iniciados, poderán ser admitidos se existiran prazas vacantes e se cumpriran os requisitos establecidos na normativa de ordenación académica.

Artigo 27: Do dereito á avaliación

Os estudiantes teñen dereito a seren avaliados obxectivamente nos seus coñecementos.

Os procedementos de cualificación deberán consistir nalgún ou varios dos seguintes:

Participación activa e individualizada nas actividades teóricas, seminarios, traballos levados a cabo ou prácticas programadas.

Exames parciais que, de existir, poderán ter carácter liberatorio.

Exames finais.

Outros medios obxectivos de avaliación da actividade académica.

No caso de estudiantes con discapacidades, deberá facilitárselle-la realización de probas ou exames en condicións axeitadas ás súas capacidades.

Artigo 28: Dos exames

Tódolos estudiantes matriculados nunha materia teñen dereito a realiza-los exames finais. Tamén poderán realizar os exames parciais que estiveran previstos cando reunan os requisitos fixados para participar neles. De cara á realización dos exames os estudiantes deberán identificarse, cando así o solicite o profesor encargado da súa avaliación.

Durante a realización das probas será obrigatoria a presencia do profesor que impartiu a materia, salvo causas xustificadas.

Os criterios de cualificación dos exames deberán darse a coñecer antes do seu inicio.

Os exames finais deberán ser realizados nas datas e na modalidade aprobada pola Xunta de Centro con anterioridade ó prazo de matrícula, non cabendo máis modificacións cás derivadas de causas de forza maior. No caso de que se alteren as datas, garantirase o dereito a exame evitando as incompatibilidades.

Os estudiantes teñen dereito, se o solicitan, a un xustificante documental de terse presentado á proba ou exame.

Artigo 29: Dos traballos de curso

A data de entrega dos traballos deberá establecerse no momento da súa proposta.

Artigo 30: Participación no control da calidade.

Os estudiantes participarán na avaliación da actividade docente levada a cabo pola Universidade, mediante enquisas ou outros procedementos.

Tamén participarán na avaliación institucional da calidade de titulacións e servicios, xa sexa directamente, xa a través dos seus representantes.

Os resultados das enquisas serán tidos en conta polos órganos da Universidade.

Sección 8ª: Dereito a unha avaliación obxectiva.

Artigo 31: Avaliación e cualificación

A cualificación das probas faraa pública o responsable da materia mediante unha lista oficial, nos lugares previstos para tal efecto no centro, e no prazo máximo fixado na normativa de ordenación académica.

Artigo 32: Do dereito de revisión

Os estudiantes teñen dereito a revisa-lo seu propio exame, nas datas e horarios fixadas polo profesor e publicadas xuntamente coas cualificacións.

A revisión terá lugar no centro, sendo atendido polos profesores encargados da cualificación ou polo profesor que coordine a materia en casos excepcionais, de acordo coas normas aprobadas para tal efecto pola Xunta de Goberno.

Artigo 33: Da impugnación das cualificacións

No caso de que o alumno considere que a cualificación outorgada supón un tratamento arbitrario ou discriminatorio poderá impugnala, mediante petición motivada dirixida ó decano ou director do centro no prazo de dez días dende a publicación da mesma.

O decano ou director, no caso de admitir a trámite a impugnación, dará traslado ó órgano competente para a súa resolución de acordo co procedemento aprobado pola Xunta de Goberno.

Sección 9ª: Dereito á propiedade intelectual

Artigo 34: Da propiedade intelectual dos traballos académicos

Os traballos e memorias prácticas deberán ser devoltos ós estudiantes asinantes, a petición dos mesmos, unha vez rematado o prazo de reclamación contra a cualificación final da materia, salvo que estivese pendente de resolución unha reclamación ou procedemento xudicial. Un exemplar da tese quedará depositado na Biblioteca Universitaria.

No caso de que a devolución non sexa solicitada no prazo establecido, procederase á destrucción ou reciclaxe, de se-lo caso, do soporte material dos traballos.

Os estudiantes conservarán o dereito á propiedade intelectual dos traballos orixinais por eles realizados. A publicación ou reproducción total ou parcial dos mesmos, ou a súa utilización para calquera outro fín deberá contar coa autorización por escrito do seu autor.

Sección 10ª: Dereito a recibir información e a orientación educativa e profesional

Artigo 35: Dereito a recibir información

Os estudiantes teñen dereito a recibiren información, directamente ou a través dos seus representantes, dos acordos ou resolucións dos distintos órganos de goberno que puideran serlles de interese

Artigo 36: Das titorías

Os estudiantes teñen dereito a seren asistidos e orientados individualmente no proceso de aprendizaxe mediante titorías. Para tal efecto os departamentos deberán publicar ó comenzo do cuadrimestre os horarios de titorías do profesorado, que se adecuarán no posible ós diferentes grupos existentes.

Artigo 37: Da información e orientación

Os estudiantes teñen dereito a recibiren orientación e asesoramento sobre a organización, contidos e esixencias dos distintos estudios universitarios, procedementos de ingreso e saídas profesionais. A Universidade disporá os medios necesarios para garantir este dereito sen prexuízo de que outras institución ou entidades poidan colaborar con ela nesta tarefa.

TÍTULO III: DOS DEBERES DO ESTUDIANTADO

Artigo 38: Deberes do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria:

Son deberes do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria:

Cumprimento dos Estatutos, e demais normativa que fose de aplicación.

O cumprimento das obrigas investigadoras ou discentes inherentes á súa condición.

A cooperación cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servicios e na consecución dos fins da Universidade.

O respecto do patrimonio da Universidade e a contribución ó seu digno mantemento.

A asunción das responsabilidades propias dos cargos para os que sexan elixidos.

O potenciamento da vinculación e do prestixio da Universidade de Santiago de Compostela na sociedade.

Artigo 39: Deberes específicos do estudiantado

Cumpri-las tarefas de estudio e de investigación que lles correspondan na súa condición de universitarios.

Asistir regularmente ás actividades lectivas programadas, salvo nos casos de exención que se autoricen.

Sección única: Do estudio

Artigo 40: Do estudio

O estudio e a formación constitúen o deber básico dos estudiantes, debendo seguir a tal efecto con responsabilidade o proceso de formación e adquisición de coñecementos, segundo as orientacións dos profesores.

Artigo 41: Asistencia ás actividades académicas

É deber dos estudiantes a asistencia ás clases teóricas e prácticas propias de cada materia e a realización dos traballos complementarios axeitados.

Coa fin de garantir a asistencia á clase, a Xunta de Centro poderá concede-lo cambio de grupo a aqueles estudiantes que xustifiquen axeitadamente a imposibilidade de asistir ás actividades do grupo que lles fose asignado.

Con carácter singular e para casos específicos, a Xunta de Centro poderá concede-la dispensa de asistencia a clase, sempre que se pida e se xustifiquen axeitadamente as causas do pedimento.

Disposición final:

O presente Estatuto entrará en vigor ó día seguinte da súa aprobación polo Claustro Universitario.