(Resolución rectoral do 20 de maio de 1989)
(D.O.G. do 12 de xullo de 1989)
Resolución do 20 de maio de 1989 pola que se aproba o Regulamento de colaboración do persoal de administración e servicios desta Universidade en cursos e convenios de investigación.
O sustancial incremento da actividade investigadora da Universidade ó abeiro do artigo 11 da Lei Orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de Reforma Universitaria fai preciso aborda-la regulamentación de distintos aspectos necesarios para facilita-lo desenvolvemento da xestión administrativa dos convenios e cursos correspondentes.
Un deses aspectos é a colaboración neles do persoal de administración e servicios.
En resposta a esa necesidade, e logo da aprobación da Xunta de Goberno e do Consello Social nas sesións do 11-5-89 e do 17-5-89 respectivamente, este rectorado resolve:
Aproba-lo Regulamento de colaboración do persoal de administración e servicios desta Universidade en cursos e convenios de investigación que se acompaña como anexo a esta Resolución.
REGULAMENTO DE COLABORACIÓN DO PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN
E SERVICIOS EN CURSOS E CONVENIOS
NORMA 1ª.- ÁMBITO DE APLICACIÓN.
1.- O presente regulamento é de aplicación para o PAS funcionario e laboral da Universidade de Santiago que colabore na realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico e no desenvolvemento de cursos de especialización a que alude o artigo 11 da Lei de Reforma Universitaria.
2.- Inclúense no ámbito deste Regulamento os traballos que estean en concordancia coa categoría profesional que consta no seu contrato ou os que poida desenvolver pola súa pertenza ó corpo ou escala.
3.- Quedan excluídas as funcións que deban ser atendidas polos efectivos do cadro de persoal da Universidade de Santiago tanto laboral como funcionarial.
4.- Así mesmo, exclúense deste ámbito traballos relacionados con titulacións ou circunstancias persoais á marxe do establecido no parágrafo anterior.
NORMA 2ª.-
Para colaborar nas actividades referidas no artigo primeiro será necesario o previo nomeamento como persoal colaborador. Esta facultade correspóndelle ó Rector.
NORMA 3ª.-
Para que o nomeamento poida facerse efectivo será necesario que concorran as seguintes condicións:
a) O traballo deberá realizarse sempre fóra das horas de servicio establecidas para o persoal.
b) No proxecto do convenio ou curso, deberase indicar, referente ó PAS:
1.- Datos persoais.
2.- Categoría profesional e posto de traballo.
3.- Xornada de traballo que vai desenvolver.
4.- Prazo de execución do traballo.
5.- Retribucións que se propoñen.
6.- Descrición do traballo que se vai desenvolver.
NORMA 4ª.-
As retribucións que perciba o PAS funcionario que terán a consideración de gratificacións por traballos extraordinarios, no marco do establecido na Lei 30/1984, de medidas para a reforma da Función Pública.
As correspondentes ó PAS laboral terán a consideración de plus de actividade por servicio extraordinario, segundo o establecido no Decreto 2380/1984, do 17 de agosto, de ordenación de salarios.
NORMA 5ª.-
As retribucións que perciba o PAS por este concepto non poderán supera-los haberes brutos anuais que lle correspondan polo desempeño do seu posto no cadro de persoal. Non terán esta consideración as retribucións percibidas polo desempeño de cargos académicos.
NORMA 6ª.-
O pagamento das retribucións correspondentes efectuarase nunha nómina complementaria á xeral da Universidade aplicando os descontos que legalmente correspondan.
NORMA 7ª.-
As contías asignadas no presuposto da Universidade para retribuír ó PAS que colabore no convenio ou curso non se inclúen na masa salarial nin no crédito que a Comunidade Autónoma aproba para o cadro de persoal non docente, tendo a consideración de créditos adicionais.
NORMA 8ª.-
Os pagamentos do persoal vinculado ó convenio faranse con cargo ó crédito existente no presuposto da Universidade para o mesmo.
Cando o PAS colabore no desenvolvemento dun curso, as retribucións percibiraas con cargo á partida presupostaria do capítulo primeiro creada para o efecto. Dos ingresos que xere o curso, a Universidade retraerá a contía correspondente ó importe total das retribucións do PAS.
O crédito da partida presupostaria creada terá a consideración de ampliable ó abeiro do establecido no artigo 229.1 dos Estatutos da Universidade de Santiago e financiarase con cargo ós créditos do curso.
NORMA 9ª.-
A Oficina de Proxectos de Investigación comprobará, previamente á remisión ó órgano competente para a súa aprobación, que a proposta se axusta ó establecido no presente regulamento e reclamará informe do Servicio de PAS relativo ó cumprimento do establecido nas normas 1ª e 5ª.
NORMA 10ª.-
Unha vez aprobado e asinado o convenio ou curso, a Oficina de Proxectos de Investigación tramitará os nomeamentos do persoal vinculado a eles.
NORMA 11ª.-
Os nomeamentos deberán incluír:
-Título do convenio ou curso.
-Titular.
-Partida presupostaria.
-Datos persoais.
-Xornada de traballo.
-Período de colaboración.
-Retribucións mensuais e total
-Traballo que se vai desenvolver.
NORMA 12ª.-
A Oficina de Proxectos de Investigación remitirá ó propoñente unha copia dos nomeamentos asinados polo Rector.
Así mesmo, a OPI remitirá os nomeamentos ós interesados e unha copia dos mesmos ó responsable de asuntos económicos asignado, co fin de que proceda a tramita-lo documento contable de autorización de gasto.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
A participación do PAS como profesores en cursos de formación e perfeccionamento axustarase ó establecido na Lei de Incompatibilidades.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
En tanto non se cree a oficina de Proxectos de Investigación, as funcións a ela asignadas serán desenvolvidas pola Sección de Apoio á Investigación.