Criterios para a redefinición do catalogo de investigadores e grupos de investigación
Aprobados polo Consello de Goberno do 22 de xullo de 2004
(Engadido punto 4 no apartado 2. Consello de Goberno do 22-07-2009)
Consideracións preliminares
Contexto
Plan Plurianual: Desenvolvemento dunha estratexia institucional de aseguramento da Calidade en Investigación.
Acción: Redefinicion do Catalogo de Investigadores e Grupos de Investigación.
Obxectivo estratéxico: Optimización das unidades de organización sobre as que desenvolver e avaliar as actuacións institucionais en materia de investigación.
O establecemento de obxectivos en materia de investigación, a avaliación conseguinte e o seu financiamento e sostibilidade, esixe ter perfectamente identificados cales son os axentes e estruturas necesarias para o seu desenvolvemento eficiente. A USC debe establecer cal é a organización idónea para o desenvolvemento da súa función investigadora -tanto de xeito xeral como para cada ámbito específico de actividade-, inventariando e planificando os recursos necesarios para facela operativa e competitiva.
Sobre esta base, as unidades organizativas de referencia en Investigación que a USC deberá articular e aliñar nestes obxectivos son:
Grupos de Investigación: Unidade de investigación elemental, base para o desenvolvemento sostible da actividade investigadora.
Departamentos: Unidade organizativa integrada baixo criterios e obxectivos académico-disciplinares. O Departamento debe promover a coordinación e complementariedade de grupos de investigación en áreas de coñecemento comúns, así como promover e organizar a formación de investigadores desde a perspectiva disciplinar.
Institutos: Definidos polos Estatutos e a LOU, os Institutos deben ser as unidades que, integrando capacidades e grupos de investigación con criterios de inter/trans-disciplinariedade, constitúan a organización central sobre a que orbitan e se desenvolven as Áreas estratéxicas da USC en materia de Investigación Orientada.
Bases normativas
- Lei Orgánica de Universidades, art. 40.2
- Estatutos da USC
- Plan Estratéxico da USC: Promover e dinamizar a aparición de grupos de investigación no conxunto das áreas científicas, favorecendo o crecemento e consolidación de grupos competitivos
- Tense tamén en conta o Anteproxecto da Lei xeral do sistema universitario de Galicia.
Consideración de Grupo de Investigación
Na perspectiva actual de desenvolvemento e organización da investigación, e polo tanto na concepción do novo Catálogo, un Grupo de Investigación é unha unidade básica de organización e xestión da actividade investigadora onde -por razóns de coincidencia estable nos seus obxectivos, infraestructuras e recursos compartidos- converxen un conxunto de investigadores con capacidade plena para o desenvolvemento da actividade investigadora.
En consecuencia, un Grupo de Investigación recoñecido pola USC, máis alá dunha unidade de desenvolvemento curricular ou unha estrutura para a xestión de proxectos coxunturais, debería ser unha unidade organizativa estable, con masa crítica e recursos suficientes para asegurar o desenvolvemento dunha actividade investigadora competitiva e continuada, apoiada nunha capacidade de financiamento sostible.
Nesa liña, calquera acción estratéxica para desenvolver en materia de investigación debe pasar previamente por unha coherente definición, organización e adscrición dos grupos, sobre a que a USC poida establecer as súas políticas institucionais, orientando as accións de dotación de infraestructuras, persoal de apoio, bolsas, dotación de espazos, avaliación de áreas estratéxicas, etc.
O Catálogo actual de Grupos de Investigación data de 1995. Rexistra máis de 700 grupos de investigación, e, co tempo, tense desvirtuado por prácticas que dificultan a súa utilidade e aplicación axeitada ás necesidades actuais de organización e xestión da investigación na USC.
Obxectivo da reformulación do Catálogo
Establecer unha organización operativa da investigación que permita, dunha parte, o seu desenvolvemento sostible e competitivo, e, por outra, a aplicación eficiente por parte do Vicerreitorado de Investigación e Innovación de medidas de promoción e apoio establecidas baixo indicadores de calidade.
En referencia a isto último, e en particular no que se refire ás accións de política científica de apoio aos grupos de investigación e investigadores, a reformulación do catálogo deberá fundamentarse sobre os criterios seguintes:
i. No futuro o inventario e avaliación da Producción Científica deberá sustentarse sobre a actividade de grupos e investigadores como unidades básicas de Departamentos ou Institutos.
ii. As accións de apoio á investigación (Dotación de infraestruturas; Incorporación de Investigadores e Persoal de Apoio á I+D; Xestión de espazos; Contratos Programa...) asignaranse potenciando aquelas estructuras que en cada acción resulten máis axeitadas para optimizar o uso dos recursos e o rendemento dos investimentos.Todo isto, sen detrimento daquelas actuacións que deberán ir orientadas especificamente a investigadores individuais, adscritos a grupos ou non (bolsas de viaxe, estadías de investigadores...).
Obxectivos estratéxicos
O novo Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación debe favorecer a consecución dos seguintes obxectivos:
i. Potenciar o establecemento de unidades organizativas con masa crítica necesaria para abordar obxectivos competitivos e posibilitar a súa estabilidade e consolidación.
ii. Propiciar a converxencia e complementariedade en recursos e obxectivos entre investigadores e grupos no marco de unidades organizativas superiores (Institutos; Departamentos; Redes…).
iii. Posibilitar abordar e completar ciclos científicos e tecnolóxicos, permitindo obter resultados con maior proxección e impacto.
iv. Favorecer a presenzia dos grupos competitivos en convocatorias nacionais e internacionais.
CRITERIOS
1. Criterios para a constitución dun grupo
1. Os grupos estarán integrados por alomenos un investigador principal (IP), que a estes efectos entenderase como un investigador con capacidade para pedir proxectos. Para a constitución dun grupo de investigación teranse en conta os seguintes criterios de masa crítica, entendida como índice de estabilidade, sostibilidade e competitividade:
1) Estar integrado como mínimo por tres investigadores principais vinculados á USC que, conxuntamente, acrediten dúas das condicións seguintes:
a) Un índice de produción científica equivalente a 50 puntos do Coeficiente de Reparto da Axuda á Investigación (CRAI) acumulados nos últimos tres años. Entenderase por índice de produción científica a suma das puntuacións dos IPs do grupo derivadas da valoración dos diferentes items presentados na produción científica do Departamento ou Instituto.
b) Financiamento continuado durante os últimos catro anos con polo menos unha participación en proxectos financiados en convocatorias públicas ou dous contratos de I+D por importe superior a 12.000 euros durante dito período.
c) Dous sexenios de investigación no conxunto dos investigadores principais do grupo.
2) Para os ámbitos e campos científicos nos que a actividade e competencia acreditada non sexa esencialmente dependente do tamaño do grupo ou do seu autofinanciamento, o grupo poderá estar integrado por un ou dous investigadores principais que acrediten os seguintes requisitos:
a) Ter dirixida unha tese de doutoramento nos cinco anos anteriores e, polo menos, outra acreditable en fase de realización.
b) Reunir unha das tres condicións seguintes:
- Financiamento competitivo continuado durante os últimos cinco anos, con polo menos unha participación competitiva a nivel nacional ou internacional no período.
- Dous sexenios de investigación no conxunto dos investigadores principais do grupo.
- Un índice de producción científica equivalente a 40 puntos do CRAI acumulados nos últimos tres años.
2. Co fin de asegurar unha completa promoción e catalogación das actividades de investigación desenvolvidas na USC, o catálogo incluirá a todos aqueles membros do PDI con actividade investigadora que, por diversas razóns, non constitúan un Grupo de Investigación.
2. Criterios organizativos e de xestión
- O Grupo deberá establecer a súa adscrición formal a un departamento. No caso excepcional de Grupos transdepartamentais con actividade continuada acreditable, poderá establecerse a adscrición conxunta a máis dun departamento.
- Un investigador unicamente poderá pertencer a un grupo de investigación. O anterior non condiciona a colaboración conxuntural en proxectos ou liñas de actividade específica entre investigadores de diferentes grupos. O Vicerreitorado de Investigación e Innovación asegurará, en cada caso, a oportuna adscrición da actividade a cada un dos grupos correspondentes. Por outra banda, a estabilidade ou continuidade destas colaboracións deberá dar lugar a novas estruturas en función da súa actividade.
- O Grupo de Investigación deberá ter un coordinador, que actuará de interlocutor para os efectos de xestión co Vicerreitorado de Investigación e Innovación. Non será necesario definir un IP responsable, e cada IP será responsable unicamente da súa liña de investigación, actividade ou proxectos.
- Dous ou mais grupos de investigación poderán fusionarse nun grupo de nova creación. Para que poida realizarse a devandita fusión será necesario que todos os membros dos grupos que se fusionen se integren no grupo de nova creación.
3. Ámbito de Actividade e Produción
1. O Grupo deberá definir un ámbito de investigación concreto establecendo:
a) Ámbito estratéxico da Actividade Investigadora do Grupo
-
Área/s de coñecemento do catálogo da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP)
-
Área de proxección/interese socioeconómico
-
Nome do Grupo, que deberá definir a súa proxección estratéxica
b) Liña ou liñas de investigación do Grupo
2. O Grupo deberá definir/describir campos de actividade, técnicas ou capacidades que definen a capacidade de cooperación científico-tecnolóxica do grupo ou a súa potencial proxección socioeconómica.
4. Proceso de catalogación dos Grupos
A inclusión no Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación realizarase tras a súa aprobación pola Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno. O proceso levarase a cabo do seguinte xeito:
1ª Fase: Actualización do Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación.
2ª Fase: Aprobación polo Consello de Goberno dunhas normas básicas de funcionamento de Grupos de Investigación.
3ª Fase: A partires do novo catálogo, e á vista do seu agrupamento natural, estableceranse os criterios de baremación dos Grupos, atendendo ás súas capacidades ou perfís e de acordo cos seguintes ámbitos de avaliación:
- Solvencia científica e sostibilidade do Grupo (Grao de Excelencia)
- Calidade e competencia científica
- Capacidade do Grupo para participar en Proxectos Competitivos (Plan Nacional; Programa Marco da Unión Europea)
- Proxección e competencia socioeconómica
- Proxección e competencia internacional
- Capacidade de formación de investigadores
Á hora de priorizar as accións de política científica, o Vicerreitorado de Investigación e Innovación utilizará aqueles destes criterios que sexan máis axeitados á orientación e obxectivos de cada acción en particular.