(Xunta de Goberno do 20 de xullo de 1999)
Os novos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela aprobados polo Decreto 473/1997, do 28 de novembro, introducen como unha das súas novidades máis salientables a regulación concreta e específica do persoal investigador, así como a participación deste colectivo nos distintos órganos universitarios.
Deste xeito, o artigo 28 do referido texto institucional indica que o persoal investigador estará formado por titulados superiores que realicen tarefas investigadoras de carácter temporal ó abeiro dun contrato asinado coa universidade ou dun contrato ou convenio asinado pola USC con outras institucións públicas ou privadas.
Por outra banda, debe terse en conta para regulamentar esta figura o establecido tanto na lexislación estatal como autonómica en materia de investigación científica e técnica así como a experiencia doutras universidades na regulación desta materia.
Deste xeito proponse a aprobación da Normativa de Persoal Investigador da USC en desenvolvemento do artigo 28 dos Estatutos.
Artigo 1.- Definición
1.1 Terán a consideración de investigadores contratados da Universidade de Santiago de Compostela, exclusivamente aqueles titulados superiores, españois ou estranxeiros, con actividade científica e técnica acreditada que desenvolvan funcións de investigación na Universidade de Santiago de Compostela mediante unha relación de carácter temporal para cubrir obxectivos estratéxicos de natureza científica e técnica fixados por ela ou con cargo ó financiamento externo derivado de proxectos, contratos ou convenios formalizados pola USC, ó abeiro do artigo 28 dos Estatutos e da presente normativa.
1.2 Terán a consideración de investigadores adscritos aqueles titulados superiores que desenvolvan a súa actividade ó abeiro de programas financiados por institucións de carácter público ou privado que se encargarán da súa selección.
Artigo 2.- Réxime xurídico
O réxime xurídico aplicable a este persoal será o establecido nesta Normativa, nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, nos propios contratos de traballo e nas leis que regulen os seus contratos.
Subsidiariamente, e para os efectos de permisos, licencias e todo aquilo non establecido nas normas anteriores, aplicaranse as disposicións específicas para o profesorado universitario.
Artigo 3.- Modalidades de vinculación
3.1 Os investigadores contratados estarán vinculados mediante un contrato temporal entre a USC e o investigador, con cargo preferentemente a financiamento externo derivado de proxectos, contratos ou convenios formalizados pola USC, promovidos ben directamente ou ben a través dos seus profesores, departamentos ou institutos, ou para cubrir obxectivos estratéxicos de natureza científica e técnica.
3.2 Os investigadores adscritos terán a vinculación contractual co réxime económico e temporal que establezan os programas que os financien.
Artigo 4.- Investigadores contratados
A universidade poderá contratar temporalmente, e para cubrir obxectivos estratéxicos, investigadores españois e estranxeiros con actividade científica e técnica acreditada.
A Xunta de Goberno da USC poderá acordar a contratación de investigadores nas seguintes circunstancias:
a) Por proposta do vicerrector de Investigación e do Terceiro Ciclo cando, por razóns de política científica ou tecnolóxica da USC, se xustifique a necesidade de desenvolver ou reforzar unha área de I+D específica co apoio de especialistas cunha cualificación que non poida ser achegada polo persoal docente-investigador da USC. A proposta deberá incorporar o informe favorable da Comisión de Investigación delegada da Xunta de Goberno e informe do director do Departamento, Instituto ou Centro no que se desenvolverá o seu traballo. A Comisión de Investigación delegada da Xunta de Goberno encargarase de facer a selección dos candidatos no caso de ser aprobada a contratación.
b) Por proposta dun grupo de investigación que, acreditando financiamento sostido e suficiente para o mantemento da contratación -con cargo a proxectos, convenios ou contratos de I+D-, xustifique a necesidade de cubrir unha actividade científica ou tecnolóxica definida non susceptible de ser cuberta polo persoal docente do centro propoñente ou por bolseiros propios. A proposta deberá incorporar o informe favorable da Comisión Permanente do CITT e informe do director do Departamento, Instituto ou Centro no que se desenvolverá o seu traballo. No caso de ser aprobada a contratación, a Comisión Permanente do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía encargarase de facer a selección dos candidatos previo informe do director do grupo de investigación propoñente.
Nas propostas do vicerrector ou do director do grupo de investigación estableceranse, ademais, as funcións que desempeñará o investigador, os requisitos esixidos ós aspirantes e as condicións da contratación.
4.2 Na convocatoria, que será pública, incluiranse os requisitos xenéricos que se lles esixirán ós candidatos e os específicos correspondentes á actividade investigadora que desenvolverán na USC para o caso de obter a praza, así como as condicións da contratación e os membros da Comisión de Selección.
O candidato seleccionado formalizará un contrato laboral de carácter temporal conforme á lexislación vixente. O contrato especificará expresamente a duración máxima, que será o tempo de desenvolvemento do proxecto ou, en todo caso, mentras exista o financiamento que o sustente.
4.3 A teor dos requisitos esixidos, con carácter xeral, e da remuneración máxima da súa dotación, establécense os seguintes niveis:
Nivel A (Investigador Asociado): doutores con experiencia recoñecida de cinco anos, computados desde o recoñecemento da suficiencia investigadora no campo en que se vai desenvolver a investigación e, alomenos, dous de experiencia posdoctoral. A súa remuneración non superará a establecida para un profesor titular de universidade.
Nivel B (Axudante de Investigación): doutores con experiencia recoñecida de tres anos, computados desde o recoñecemento da suficiencia investigadora, no campo en que vai desenvolver a investigación. A súa remuneración non superará a establecida para un axudante de facultade de segunda etapa.
4.4 En ningún caso as funcións deste persoal serán alleas á investigación fixada na convocatoria e non poderán coincidir coas docentes dos profesores contratados ou pertencentes ós corpos docentes universitarios. Non obstante, poderán participar en cursos de formación do persoal universitario e de alumnos de terceiro ciclo no marco da súa actividade investigadora, de acordo co establecido na convocatoria.
4.5 Os directores dos grupos de investigación serán responsables do cumprimento dos períodos de duración dos contratos e deben notificarlle con antelación suficiente á Xerencia da universidade a data de remate dos traballos para poder realiza-los preavisos correspondentes ou a pertinencia da renovación.
4.6 O investigador quedará integrado no grupo de investigación que ten ó seu cargo a realización do proxecto. O director/a do proxecto de investigación establecerá a orientación do seu desenvolvemento e ordenará a prestación dos servicios establecidos no contrato.
Dentro das súas actividades poderán estar, tamén, a de asistir a conferencias, congresos, cursos e outros actos docentes que estean vinculados co proxecto de investigación para o que presta servicios, quedando estas actividades incorporadas ós seus servicios propios.
4.7 Poderán ser causas de suspensión temporal do contrato por mutuo acordo, ademais das establecidas no artigo 45.1 do Estatuto dos Traballadores, o desenvolvemento, por tempo non superior a 6 meses, de funcións docentes na propia universidade, sempre que exista autorización expresa da universidade e informe favorable do director do grupo de investigación.
Artigo 5.- Investigadores adscritos
5.1 A universidade poderá contratar investigadores adscritos, por proposta do director dun grupo de investigación, co financiamento procedente doutras institucións públicas ou privadas as que corresponde a súa selección .
5.2 Os investigadores seleccionados formalizarán coa USC un contrato laboral por obra ou servicio determinado ou unha modalidade equivalente, especificando expresamente que a duración máxima será a prevista na convocatoria ou, en todo caso, mentres exista o financiamento externo que o sustente.
A remuneración axustarase ás condicións establecidas na convocatoria da institución financiadora, sen que en ningún caso poida prestar servicios en iguais condicións con posterioridade ó seu remate.
5.3 No caso dos investigadores adscritos, en ausencia de normativas específicas, rexerá o disposto para os investigadores contratados.
Artigo 6.- Adicación e incompatibilidades
6.1 A adicación dos investigadores contratados e adscritos á universidade será a tempo completo e supón incompatibilidade absoluta coa realización doutro tipo de actividades, agás as tarefas de formación do persoal investigador universitario e de alumnos de terceiro ciclo establecidas na convocatoria.
Excepcionalmente poderá autorizarse a contratación a tempo parcial nas distintas categorías e modalidades de investigadores. A súa xornada de traballo e retribucións serán proporcionalmente reducidas en función do período de adicación.
6.2 Os investigadores contratados e adscritos non poderán ser titulares de contratos do artigo 11 da LRU.
6.3 Será aplicable o réxime de incompatibilidades establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, e no Real Decreto 598/1985, do 30 de abril.
Artigo 7.- Duración da vinculación
A relación temporal dos investigadores contratados coa universidade será de un ano, renovable ata un máximo de tres en cada nivel.
En ningún caso a prestación temporal de servicios como investigador poderá supoñer ningún tipo de vinculación fixa no cadro de persoal nin en relación indefinida coa USC e non será posible a súa reconversión en figuras docentes.
A relación temporal dos investigadores adscritos será polo prazo determinado pola entidade financiadora.
A renovación non se levará a cabo no suposto de que a fonte de financiamento allea se esgote ou cancele no transcurso do ano, con independencia de concluír o período contractual en vigor.
Se un investigador contratado alcanza os tres anos de contrato ininterrompido por ter realizado funcións en calquera dos dous niveis, para establecer un novo contrato como investigador coa USC deberá acreditar unha estadía noutros centros, empresas ou institucións.
Artigo 8.- Dependencia funcional e orgánica
Os investigadores contratados e adscritos dependerán funcionalmente, con carácter xenérico, do Vicerrectorado de Investigación e do Terceiro Ciclo e, con respecto á investigación que desenvolverán, do director do proxecto. Organicamente dependerán da Xerencia da universidade.
En todo caso estarán suxeitos á autoridade e ás normas específicas de funcionamento do Departamento, Instituto ou Centro no que desenvolvan o seu traballo.
O seguimento no desenvolvemento dos contratos e o cumprimento de obxectivos corresponderalle ó Vicerrectorado de Investigación e do Terceiro Ciclo.
Artigo 9.- Representación
A representación en órganos de goberno dos investigadores contratados e adscritos da USC realizarase, segundo o caso, conforme ós artigos 50, 95 d) e 104 do Estatutos da Universidade.
Artigo 10.- Financiamento
10.1 O financiamento deste persoal farase con cargo a partidas orzamentarias dedicadas á investigación, sen que, en ningún caso, se poida detraer de partidas dedicadas a actividades docentes. O devandito financiamento será, preferentemente, externo.
10.2 Co fin de garantir o sostemento do devandito persoal, as cantidades destinadas a este fin, que procederán fundamentalmente de contratos ou convenios con institucións alleas á universidade, quedarán depositadas e agrupadas nun único fondo xestionado polo Vicerrectorado de Investigación e do Terceiro Ciclo.
10.3 Cando, por calquera circunstancia, durante o período do contrato ou convenio, non puidesen atenderse as necesidades do persoal investigador, o fondo xestionado polo Vicerrectorado de Investigación e do Terceiro Ciclo aportará a cantidade pertinente ata a conclusión do prazo contractual.
Artigo 11.- Exclusión da aplicación do Convenio Colectivo
Dado que os investigadores establecidos nesta normativa non pertencen ó persoal laboral de administración e servicios, non lles será de aplicación o Convenio Colectivo do persoal laboral.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Quedan integrados na categoría de investigadores adscritos da USC aquelas persoas que teñan unha relación contractual coa USC como consecuencia dos programas de incorporación de doutores e tecnólogos a grupos de investigación en España coas especificidades derivadas da súa convocatoria e contrato.
Ó resto do persoal contratado con cargo a proxectos de investigación con anterioridade a esta norma seguirá aplicándoselle o réxime xurídico anterior.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente normativa terá vixencia dende a súa aprobación pola Xunta de Goberno da USC.